Manel Menéndez: “É un partido moi importante emocionalmente e mentalmente”

5 de Outubro de 2023
Manel Menéndez, adestrador do Compos, no partido contra o Ourense. Foto: Jesús Figueroa
  • Manel Menéndez destaca a importancia de conseguir os tres puntos para romper coa mala dinámica

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

Tras dúas derrotas na casa, a SD Compostela quere romper co seu mal momento e conseguir unha vitoria reparadora. Manel Menéndez apela á carga emocional e mental do equipo para o importantísimo encontro deste sábado contra o Fabril. Un derbi en Abegondo no que os nosos queren, si ou si, sumar os tres puntos.

Manel Menéndez sabe que un triunfo daría un empuxón ao Compos e por iso incidiu no aspecto mental. Ademais, recalca que, para poder levar o triunfo, o equipo ten que ser moito máis agresivo defensivamente, especialmente nos momentos malos e na saída de balón rival.

Estado da enfermaría. Temos a enfermaría un pouco cargada, pero é o que nos toca. Riki esta semana fixo unha proba e non ten rotura, pero segue co problema anterior e hai que esperar pola evolución. Juampa, exactamente o mesmo, vén de estar parado a semana pasada, hoxe correu, pero chegaría moi xusto para o partido e non podemos buscar problemas, cando cunha semana máis xa estaría dispoñible. Euse está a evolucionar moi ben e a próxima semana poderá ir meténdose co equipo desde o inicio, aínda que tamén terá que ver que sensacións ten. Manu tamén tivo uns problemas de lumbalxia, hoxe non participou, onte non se atopaba moi ben, pero evolucionou e veremos como se atopa mañá.

O regreso de Fran López. A alegría é Fran, que podemos ir utilizándoo xa, porque xa se meteu toda a semana, participou en todo e vai aos poucos. Leva tempo sen adestrar coo grupo, a pretempada nótase, pero ten que ir collendo a forma aos poucos e gañando confianza en si mesmo.

Convocatoria de Manel Menéndez. Fran López, si. Riki, Euse e Juampa, non. Teñen que evolucionar nas súas lesións e esperar ao luns a ver que tal están e se están a disposición ou non para a semana de adestramentos. Ao final, son eles mesmos tamén os que teñen que decidir en base ás súas sensacións, para que non se volva a repetir o de Riki, porque perde o xogador e o equipo.

Encontro en Abegondo. É un partido moi importante, sobre todo, emocionalmente e mentalmente para os xogadores. Quitarnos ese lastre que temos tras perder dous partidos, máis na casa, porque aquí temos que ser fortes e demostrar a calidade que temos. Isto é moi longo, pero temos un partido importantísimo para tentar gañar, coller outra vez boas sensacións, recuperar o bo que tiñamos da pretempada e volver a carburar.

Saír da fochanca. Temos un rival difícil diante, pero estamos capacitados para gañar en calquera lado. Non merecemos perder estes dous partidos, tampouco gañalos, pero si que poderiamos ter algún punto máis. Pero é o que hai, metémonos nesta lea nós e temos que saír dela nós.

Dúbidas no xogo. Cando perdes, as dúbidas aparecen para todos, para os afeccionados e para os xogadores. Para min non, porque sei o que quero. Quero competir, sobre todo a partir dun traballo defensivo no que sexamos máis agresivos. Creo que o podemos dar e desde aí crecer, porque temos moita calidade no plantel e moitos automatismos desde a pretempada. Ás veces cambiamos a forma de xogo para dar coa tecla, pero é que xogar ben vai ligado a gañar partidos e xogar mal, tamén vai ligado a gañar partidos. O que pasa, é que os resultados non chegan e pómonos nerviosos. Hai que ter tranquilidade, o traballo é moi bo e agardo que dea froitos.

Ruído exterior. É normal. Levo moitos anos no fútbol, primeiro como xogador profesional e agora como adestrador, e paréceme lóxico que a xente estea preocupada e que o demostre como o outro día, asubiando ao acabar. O público é soberano e non se lle pode dicir nada. Nós estamos para gañar partidos, para facer as cousas ben e para que estean orgullosos de nós. Por iso, é lóxico que agora mesmo non o estean. Temos que darlle a volta e iso é gañar partidos.

O Fabril. O Dépor é moi bo equipo. Todos os filiais xogan ben, ademais teñen talento e o porvir preto, porque o primeiro equipo está a unha categoría e están a contar moito con eles. Individualmente ten moitísima calidade e manexan moi ben os tempos do partido, a pesar da súa mocidade. Xa xogamos con eles na pretempada e vímolos moito neste inicio, polo que os coñecemos ben. É un equipo moi dinámico, que crea moitas ocasións de gol, pero tamén ten a súa vulnerabilidade e temos que aproveitalo. Tentaremos contrarrestalos para conseguir a vitoria.

Equilibrio ofensivo e defensivo. Temos que ser bastante máis agresivos defensivamente, desde a primeira liña, que son os dianteiros, para que os rivais non teñan claridade para sacar o balón. Non estamos ao facelo ben e non xuntamos as liñas como deberiamos cando o estamos a pasar mal. Temos o exemplo do Zamora, un equipo que defensivamente era moi serio e que che complicaba para crear unha ocasión de gol, pero ofensivamente era bastante plano. Nós buscamos esa agresividade, pero non ser planos ofensivamente. Ás veces metemos os extremos dentro, outras por fóra, en moitas ocasións tamén facemos a saída de balón con tres para ter carrís longos que busquen a liña para pór centros e remates, porque temos xogadores que chegan ou que están afeitos, como Manu, a buscar balóns por arriba. Ás veces sae, e outras non. Pero tamén é porque o resultados inflúen moito, tanto no que fas dentro do campo como o que pensan fóra. Se todo isto fose con resultados positivos, non estariamos a falar diso.

Cambiar a fase defensiva. Teño claro o que quero en cada partido e iso implica buscar variantes. Tento tocar a tecla para repetir automatismos, porque ás veces hai que facelos dunha forma e outros doutra, pero valoro a fase defensiva porque a partir de aí construiremos mellor. Pero se somos vulnerables na fase defensiva, como estamos a ser ata agora na saída de balón rival, estámoslle a dar unha vantaxe. Traballámolo esta semana e esperemos que saia ben.

Buscar a continuidade. Teríamos que facelo mellor, xogar mellor e ter máis posibilidades, pero os resultados son os que son e tentamos arranxalo ás alancadas. Neste tempo, más que xogar mal, non tivemos unha continuidade no xogo de estar ben. Cando mellor estamos, pegamos un baixón duns 10 ou 15 minutos e encaixamos goles, porque nos pasou nos tres partidos da casa.

Mellorar a intensidade. Temos que mirar a segunda parte do outro día, porque estivemos bastante mellor cos mesmos xogadores, e íamos a apertar diferente, con máis fame e gañas. Non falo da actitude, porque sempre é moi boa, tanto xogando como adestrando, pero a intensidade ten que estar por encima, porque se non son intenso defensivamente, se o rival é bo e vén dunha dinámica boa, supérate. Agardamos que aos poucos se vaia arranxando esta situación, témolo moi claro, sabemos onde é e esperemos que saia ben. Despois poderás xogar mellor ou peor, pero podemos dar máis todos. O que buscamos é resultados, resultados positivos.

Banda esquerda. Pode xogar Jaime, Hugo ou mesmo Dani, con dobre lateral. Cando fas un plantel é porque o tes moi claro. Logo empezas os adestramentos e ves que outros xogadores poden xogar aí. Non me vou a queixar polas baixas. Teño moi claro o que vou facer o sábado e quen ten que xogar. Botas de menos non ter o plantel completo para poder elixir, pero non é unha queixa.

Youtube

Instagram Compos

Facebook

9 hours ago

SD Compostela
PARTE MÉDICO👉 @diegosdb8Tras resonancia detectóuselle unha rotura no menisco externo que require tratamento cirúrxico. Será intervido á maior brevedade posible.Tempo de baixa: 8 semanas👉 @manubarreiro10Distensión de Grado I no semitendinoso da perna dereita.Tempo de baixa: 10 díasPola súa banda, a posible lesión de @bgiuli10 quedou nun susto. O atacante do Compos está recuperado e dispoñible para o corpo técnico ⚽️ Hoxe adestrará xa co grupo📸 @nacho_castano_ ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

10 hours ago

SD Compostela
PARTE MÉDICO👉 𝐃𝐢𝐞𝐠𝐨Tras resonancia detectóuselle unha rotura no menisco externo que require tratamento cirúrxico. Será intervido á maior brevedade posible.Tempo de baixa: 8 semanas👉 𝐌𝐚𝐧𝐮 𝐁𝐚𝐫𝐫𝐞𝐢𝐫𝐨Distensión de Grado I no semitendinoso da perna dereita.Tempo de baixa: 10 díasPola súa banda, a posible lesión de 𝐆𝐢𝐮𝐥𝐢𝐚𝐧𝐨 quedou nun susto. O atacante do Compos está recuperado e dispoñible para o corpo técnico ⚽️ Hoxe adestrará xa co grupo📸 Nacho Castaño ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

14 hours ago

SD Compostela
Un 11 de setembro de 1994 Bent Christensen marcaba o primeiro gol da SD Compostela en 1ª división, e facíao no Carlos Tartiere, un estadio que xa é parte imprescindible da historia do noso club ⚽Aquel día a SD sumou o seu primeiro punto na máxima categoría do fútbol español 🩵🤍 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

15 hours ago

SD Compostela
🙌 Xa estamos vendendo as entradas para o derbi de Riazor na Oficina ℹ️ IMPORTANTE: Por protocolo da organización, para completar a compra necesitamos nome, apelidos e número de DNI de cada persoa⏰ Estamos ata ás 15.00 horas!#fabrilcompos🚨🚨🚨 VOLVEMOS A RIAZOR!⚽️ O derbi contra a Deportivo Fabril deste sábado ás 20.00 horas será no Estadio Municipal de RiazorTeremos á venta as entradas para a zona visitante (Tribuna Inferior) na Oficina mañá e pasado (de 9.00 a 15.00)👉Prezo: 10€ +ℹ️🎟️ As entradas tamén se poderán mercar no despacho de billetes de Riazor o propio sábado e ao mesmo prezo👉 Porén, serán para outras zonas da bancada#FabrilCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
♠️♣️ Este domingo, con motivo do derbi, fixémoslle entrega ao Pontevedra Club de Fútbol SAD dunha peza de acibeche en bruto🤝 Un recordo que se enmarca dentro do noso proxecto de posta en valor dos oficios tradicionais composteláns, o cal levamos a cabo en colaboración con Ourives de Compostela, Pazo de Raxoi, Deputación da Coruña e Turismo de Galicia #compospontevedra ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.