-
O Compos levou os tres puntos ante o Cayón, nun gran encontro con goles de Jaime Santos e Juampa
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2023
A SD Compostela vai a máis. Os nosos seguen co seu gran momento de forma e volveron gañar con solvencia na casa. Un encontro moi sólido do Compos de Michel Alonso, que lle permite seguir escalando postos na clasificación.
A contenda, dominada de principio a fin pola SD Compostela, decidiuse co gol de Jaime Santos, nun córner ao pouco de empezar; e outro de Juampa, nada máis arrincar a segunda metade. Dous golazos para selar un sólido triunfo.
Tras dous triunfos seguidos na estrea no banco, seguidos da derrota en Langreo, Michel Alonso quería devolver á SD Compostela á senda do triunfo. Diante da súa xente, os nosos buscaban recuperar esa gran versión mostrada nestas semanas.
A contenda non se expuña sinxela para un Compos con varios xogadores entre algodóns por problemas físicos. Por iso, Michel Alonso moveu o once, aínda que sen cambiar o sistema, para dar entrada a Kike, Jaime Santos e Hugo Matos.
Seguindo a premisa do seu técnico, os nosos saíron a dominar a contenda. O obxectivo era claro e non tardaron en demostralo sobre o verde. Desde o minuto un, o Compos mostrouse incisivo, tendo a pelota, pero sendo vertical e tras varias accións nas que roldou a área, chegou o gol.
Antón de Vicente colgou o balón ao corazón da área desde a esquina e aí estaba, só, Jaime Santos, que puxo a súa cabeza para superar por arriba ao porteiro e levar a alegría á bancada. 1-0.
Con vantaxe no marcador, o Compos seguiu ao seu. O plan de xogo estaba claro e os cántabros deixaban xa máis espazos na zaga, o que era aproveitado polos nosos para chegar a zonas de perigo con facilidade.
Por esta vía, o segundo rozaríase antes da media hora, cun potente disparo de lonxe de Hugo Matos que rozaba o porteiro e estrelábase no traveseiro.
Non houbo fortuna para o canteirán, como tampouco a tiveron os nosos no tirón da recta final da primeira metade. Tres ocasiones en tres minutos que ben puideron acabar en gol. Con todo, nin Pep Caballé, cun golpeo defectuoso cando estaba en posición vantaxosa; nin Jordan, cun pase da morte que tocou un defensor e foise ao lateral da rede; nin Kike, cun testarazo que se marchou por pouco; atoparon a portería.
Por este motivo, sen máis acerto de face ao arco, a primeira parte pechouse coa vantaxe mínima para os branquiazuis.
Aínda que non se atopou ese merecido premio no final do primeiro acto, si se atoparía nada máis arrincar a segunda. Nin 60 sesenta segundos necesitou o Compos para marcar, fíxoo nunha acción que define a este equipo, co centro e o remate dos dous laterais. Púxoa con música Pep Caballé ao segundo pau e cazouna con potencia Juampa, que mantén o seu idilio co gol das últimas semanas, xa leva catro. 2-0.
O tanto de Juampa permitía aos nosos darse un respiro. A vantaxe era dobre e a vitoria estaba máis preto. En todo caso, este Cayón é un rival correúdo, que non perdera ningún duelo por máis dun gol, e demostrouno dando un pase adiante. O adestrador moveu o banco e os cántabros tiveron máis a pelota, aínda que sen concretar ningunha acción de perigo, polo que Pato interveu sen apuros nun par de disparos visitantes.
En todo caso, o Compos non se ía a deixar e volveu á carga pasados os vinte minutos. Os de Michel Alonso puxeron unha marcha máis e apareceron de novo os nosos polos espazos que deixaba a zaga visitante.
Probouno Juampa, de falta afastada, pero atrapou Mario; e tamén Parapar, nunha contra na que avanzou, pero o seu disparo coa destra tamén foi ás mans do porteiro. Desde o bordo da área, tamén o tentaría Jordan, pero axustou á escuadra e escapouse por moi pouco. E no córner, Jaime Santos tentou unha chilena, pero golpeou mal e marchouse fóra.
Volvíase a perdoar e o Cayón púidose meter no duelo, pero aí apareceu Pato para facer a súa parada. O porteiro voou para despexar arriba o intento de remate de cabeza de Marcos. En todo caso, a última sería para o Compos, cun disparo de Manu Barreiro que se escapou por pouco.
Por iso, sen máis acerto de cara a portería contraria, a SD Compostela levou os tres puntos. 2-0 final cun gran partido dos branquiazuis. Con esta convincente vitoria, os nosos seguen crecendo na táboa e encarar, con máis ilusión, a saída da próxima semana. Tocará visitar ao Guijuelo, o sábado, nun duelo entre dous equipazos.
FICHA TÉCNICA
2 – SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Pep Caballé, Kike, Álvaro Casas, Euse, Juampa (Dani Varela, m.88); Antón de Vicente (Pablo Antas, m.67), Jordan (Landeira, m.88); Parapar (Fer Beltrán, m.75), Hugo Matos (Manu Barreiro, m.75) e Jaime Santos.
0 – CD CAYÓN: Mario; Riki, Gabi, Álvaro Mier (Hitoshi, m.52), Montiel (Díez, m.76); Turrado (Cañizo, m.52); Héctor Alonso, David Sanz (Chili, m.76), Salas; Resines (Marcos, m.21) e Cagigas.
GOLES: 1-0: Jaime Santos, min.8; 2-0: Juampa, min.46.
ÁRBITRO: Cueto Amigo (Castela e León). Amoestou a Kike e Juampa, polo Compos; e a Héctor Alonso, Turrado e Chili, polo Cayón.
INCIDENICAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 11 do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 915 espectadores.