-
Un golazo de Manu Barreiro, na segunda parte, permitiu a vitoria do Compos en Guijuelo
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2023
A SD Compostela conseguiu tres puntos de ouro en Guijuelo, 0-1. Un triunfo de moito mérito, contra un duro rival que estaba invicto, ata o día de hoxe, na súa casa. Un golazo de Manu Barreiro pola escuadra, na segunda parte, decidiu o partido e permitiu a gran vitoria branquiazul no Municipal Luis Ramos.
Tras sumar un triunfo máis que necesario en casa contra o Cayón, a SD Compostela chegaba a Guijuelo coa premisa de dar continuidade a ese gran xogo demostrado na casa. O obxectivo era dobre, posto que os nosos tamén querían redimirse da derrota en Langreo, fai quince días, nun terreo similar, de herba artificial.
Para alcanzar a vitoria ante un duro rival, un Guijuelo invicto na casa e en postos de playoff, Michel Alonso tan só realizou dous cambios no once inicial, co regreso de Pablo Antas e Manu Barreiro, unha vez recuperados dos seus problemas físicos.
O partido arrincou co Compostela tentando imprimirlle ritmo ao encontro, movendo á defensa local para buscar os espazos. Un arranque bo dos nosos, pero sen ser quen de concretar accións de perigo. Na máis clara, ao cuarto de hora, Pep Caballé rematou forzado no segundo pau, sen conseguir atopar a portería.
A pesar dese mellor inicio, co paso dos minutos, a contenda foi perdendo velocidade de xogo. Continuas pausas paraban o partido e retardaban o duelo, complicando cada vez máis que se visen ocasións nas áreas.
E ese ritmo máis lento perpetrouse ata o intermedio. A SD Compostela estaba moi sólida atrás, sen conceder ocasións ao rival, pero tampouco chegaba á portería contraria, máis aló dun disparo afastado de Manu Barreiro, que atrapou Rabanillo en dous tempos.
Por iso, sen oportunidades nas áreas, chegouse ao descanso co marcador inicial de 0-0.
Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas, a contenda continuou polo mesmo camiño, con escasa presenza ofensiva de ambos equipos. As defensas impúñanse e impedían calquera indicio de ocasión.
Por iso, sen continuidade no xogo, as xogadas a balón parado convertíanse na principal vía para tentar chegar ao gol. E mediante unha desas accións, tivérona os locais, cun remate acrobático de Garban, tras un córner, que rexeitou un dos nosos.
Ante a falta de fluidez, moveu o banco Michel Alonso, dando entrada a Parapar por Jaime Santos, e a modificación fixo efecto. Co extremo coruñés sobre o campo, o Compos deu un paso adiante, obrigando a que o Guijuelo recuase. E máis aínda trala entrada de Hugo Matos, no 72.
O Compos ía a polos tres puntos e atopou ese gol que buscaba Michel Alonso cos cambios. Coa defensa local metida atrás, o perigo podía chegar en calquera acción e aí apareceu, como non, Manu Barreiro. O pichichi branquiazul cazou un rexeite de Hugo Matos e aproveitouno. Recolleu a pelota, sorteou a un rival e pegoulle de empeña, duro, para bater pola escuadra a Rabanillo. Un auténtico golazo, o seu sexto tanto da tempada e 0-1.
O tanto sentou ben aos nosos. Con el, sentíanse máis cómodos coa pelota, inquietando máis ao Guijuelo. E así, ao pouco, tería o segundo Hugo Matos, pero o seu disparo, nunha posición similar á do gol, escapouse por moi pouco.
Entrábase na recta final coa mínima vantaxe compostelanista e o Guijuelo tentou apertar en busca do empate. En todo caso, a defensa do Compos hoxe estaba imperial e non concedeu nin unha mínima opción ao Guijuelo. Protexeu o seu arco con arroxo ata o punto de que Pato non tivo que intervir en ningunha ocasión.
Deste xeito, o partido terminouse co desexado 0-1. Tres puntos importantísimos en Guijuelo para o Compos que segue crecendo nesta liga da man de Michel Alonso. Coa vitoria, segunda seguida, os nosos empezan con ilusión unha nova semana, buscando outro triunfo. Será o vindeiro domingo, no Vero Boquete, contra o Coruxo, nun bonito derbi.
FICHA TÉCNICA
0 – CD GUIJUELO: Rabanillo; Coque, Asiel (Boigues, m.78), Iago Parga, Pica; Willy, Cristóbal Gil (Ibra Dieng, m.53); Alberto Bernardo (Xabi Domínguez, m.62), Diego González (Cedenilla, m.78), Garban; e Toti.
1 – SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Pep Caballé, Kike, Álvaro Casas, Euse, Juampa; Antón de Vicente (Hugo Matos, m.72), Pablo Antas, Jordan; Jaime Santos (Parapar, m.64) e Manu Barreiro.
GOLES: 0-1: Manu Barreiro, min.75.
ÁRBITRO: Rodríguez García (Asturias). Amoestou a Garban, Alberto Bernardo, Mario Sánchez (banco), Toti e Iago Parga, polo Guijuelo; e a Antón de Vicente, Álvaro Casas, Pablo Antas, Juampa e Pep Caballé, polo Compos.
INCIDENCIAS: Estadio Municipal Luis Ramos (Guijuelo). Xornada 12 do Grupo 1 da Segunda RFEF.