-
Tras oito tempadas e 262 partidos, Álvaro Casas despídese da SD Compostela
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2025
Unha lenda que di adeus á SD Compostela, un capitán que se despide do equipo de toda a súa vida. Álvaro Casas Rancaño, tras 8 tempadas e 262 partidos disputados, deixa a SD Compostela. Un líder, dentro e fóra do campo, que quedará por sempre na historia do Compos.
Despedimos a un futbolista que representa un exemplo para todos. Un xogador que o deu todo durante a súa etapa en Santiago polo ben do club, do seu club. A súa pegada será indeleble e o seu legado quedará para sempre, e é que, cos seus 262 encontros disputados, converteuse no quinto futbolista da historia do Compos con máis partidos.
Un dato que deixa ben claro o que supuxo Álvaro Casas para a SD Compostela. Un gran xogador, un excelente compañeiro e un líder que defendeu a camiseta do Compos, e todo o que representa esta entidade, en cada momento.
Por todo iso, non temos máis que verbas de agradecemento por todos estes anos. Moitísimas grazas, Álvaro, por todo o que nos deches. Desexámosche moitísima sorte para o futuro, porque a mereces, e lembra que o Compos sempre será a túa casa.




