-
Tras pórse por diante con gol de Maceira, os nosos quedaron con dez e encaixaron gol, de penalti, na última xogada
Noia, 28 de marzo de 2026
O Compos deixou escapar en Noia unha vitoria que tiña na man no último minuto. Os nosos empataron 1-1 un duelo moi igualado, no que ambos equipos anotaron desde os once metros.
O partido comezou cun Compos dominador, ao que lle custaba chegar ao arco rival. Das botas de Armental chegaron as mellores opcións, grazas a dous centros que foron rematados por Rosón, o primeiro coa zurda e o segundo de cabeza, ambos ás mans do porteiro. Pola súa banda, atrás os nosos non concederon nada, polo que se chegou ao intermedio 0-0.
Á volta dos vestiarios, a tónica mantívose igual, pero nesta ocasión, o Compos atoparía unha ocasión inmellorable. Á hora de partido, Antón Guisande picou ao espazo, plantouse no man a man, pero non puido superar a Brais.
Co paso dos minutos, os nosos arriscaron máis e acabaron atopando o premio no 80, nun centro de Parapar que golpeou na man de Adri, penalti. Maceira encargouse de executalo e de marcalo, sumando o seu décimo cuarto tanto da tempada. 0-1.
O máis difícil estaba logrado, pero dous minutos máis tarde, o pichichi compostelanista era expulsado por un duelo aéreo no que empregou o brazo, recibindo a segunda amarela.
A superioridade numérica animou aos locais que se foron arriba buscando o empate e atopárono, tras un saque de banda, no último minuto. Tras varios rexeites a pelota golpeou no brazo de Charly, que estaba de costas, e o colexiado decretou pena máxima. Marcou Kanté, enganando a Álex Cobo. 1-1 final.
Segundo empate seguido dun Compos que agora encara dous partidos na casa en Semana Santa, ambos ás 12:00 horas. O xoves ante a Gran Peña e o domingo contra o Arteixo. Toca loitar e regresar á senda dos triunfos.
FICHA TÉCNICA
1 – NOIA CF: Brais; Paco, Adrián, David Noya, Xabi, Rachu; Mario Regueiro (Manu Sánchez, min.68), Mario (Fabio, min.85), Axel (Miguel, min.85), Juan Barros (Iván, min.68); e Muiño (Kanté, min.68).
1 – SD COMPOSTELA: Álex Cobo; Riki Mangana, Diego Uzal, Pablo Crespo, Damián Noya; Samu; Armental (Aarón Martínez, min.89), Parapar (Valín, min.89), Rosón (Unai Peón, min.63), Antón Guisande (Charly, min.90); e Maceira.
GOLES: 0-1: Maceira (p.), min.81; 1-1: Kanté (p.), min.90+7.
ÁRBITRO: Adam Rodríguez (Ourense). Expulsou a Maceira (min.82), por dobre amarela, e a Luis Bonilla (min.85), adestrador do Noia, con vermella directa. Ademais, amoestou a Xabi, Adrián, Kanté e Rachu, polo Noia; e a Diego Uzal e Unai, polo Compos.
INCIDENCIAS: Estadio Julio Mato (Noia). Xornada 28 de Liga do Grupo 1 da Terceira RFEF. Importante presenza de afeccionados do Compos nas bancadas.











