Goleada 6-1 para pasar de rolda no play off

24 de Maio de 2026
A bancada vibrou e apoiou aos nosos desde o comezo.
Armental celebra con Samu, quen lle deu o pase, tralo seu gol.
Os nosos demostraron un gran poderío ofensivo.
O Vero Boquete luciu a mellor entrada da tempada, con máis de 2.200 espectadores.
Antón Guisande marcou o cuarto e deu a asistencia do quinto.
O Compos pasou de rolda no play off tras golear ao Vilalbés por 6-1.
Maceira marcou un dobrete e suma xa 16 goles na tempada.
Celebración do Compos ao finalizar o partido.
  • O Compos goleou na casa, cunha bancada entregada desde o inicio, para plantarse na seguinte rolda do play off

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2026

A SD Compostela xa está na seguinte rolda do play off de ascenso e conseguiuno cun partidazo na casa. Os nosos golearon 6-1, dominando de principio a fin e cunha bancada que apertou desde o inicio. Foi un partido redondo para clasificarse para a final galega da fase de ascenso, onde agarda o Atlético Arteixo.

O partido no Vero Boquete, coa mellor entrada da tempada, comezou da mellor maneira. Cun ritmo altísimo, o Compos comezou a avisar desde o minuto un e aos cinco xa ía por diante. Parapar puxo en carreira a Valín, este serviu un centro raso perfecto e Maceira volvía tola á bancada empurrándoa á rede: 1-0.

Sen importar o gol, os nosos seguiron percutindo e, pasado o cuarto de hora, volveron atopar o premio, esta vez a través dunha contra. Samu liderou a cabalgada, puxo no un contra un a Armental co seu lateral e o extremo foise do seu par e púxoa con clase no segundo pau. Un toque ao ángulo que fixo imposible a estirada do porteiro: 2-0.

O rival estaba ferido e o Compos, co apoio da afección, seguiu buscando facer máis dano. Tívoa Pablo Crespo para o terceiro, pero fallou con todo a pracer, tralo pase da morte de Antón Guisande. Puido tela tamén desde os once metros, nunha acción moi protestada por Maceira, tras unha clara cambadela dentro da área, pero o colexiado non decretou nada. Rozouna Samu, pero un defensa sacouna no último instante.

E de tanto insistir, acabou atopando o premio na última acción da primeira metade. Nun córner botado por Parapar, non chegou por pouco Quico, pero a súa acción despistou a toda a defensa visitante, rebotando a pelota nun deles e acabando na rede: 3-0. O resultado e as sensacións non podían ser mellores e o público agradeceullo aos seus.

Xa na segunda parte, o Vilalbés saíu con máis mordente, tras unha primeira metade na que non pisou a área de Álex Cobo, e atopouse cun gol de Anthony aos cinco minutos, aínda que foi unha miraxe.

O Compos seguiu ao seu e seguiron chegando as ocasións e, sobre todo, os goles. Un arsenal ofensivo comandado por un Parapar que estivo imperial.

O primeiro en avisar foi Maceira, tras unha asistencia de cabeza do extremo, pero a súa preciosa chilena estampouse contra o pau. Unha xogada que foi a previa do cuarto, con outra aparición de Parapar polo medio, pondo o servizo para o ariete. Aínda que este non chegaría por pouco, Santomé só puido rexeitar a pelota, que acabou nas botas de Antón Guisande, quen o regateou e marcou a portería baleira: 4-1.

E xusto a seguir, o quinto. Outra vez Antón Guisande gañou as costas da defensa e serviuna para que o pichichi Maceira selase o seu dobrete e o quinto da tarde sen oposición.

Chegou o momento dos trocos, dos aplausos da bancada, pero os nosos non frearon no seu ímpeto. E é que Goris, un dos recentemente entrados, tivo o sexto nunha acción que tamén acabou no pau. Unha media ducia que se chegou xa na prolongación, tras outra acción de moitos quilates de Parapar pola banda, cun caneo doutra categoría. Foi Charly, aproveitando o esférico morto na área o que puxo ese definitivo 6-1.

Coa goleada, o Compos consegue a clasificación para a seguinte rolda do play off, na que se medirá ao Atlético Arteixo. Unha final autonómica que comezará a próximo fin de semana en terras coruñesas.

FICHA TÉCNICA

6 – SD Compostela: Álex Cobo; Valín, Quico, Pablo Crespo, Damián Noya; Diego Uzal (Unai, min.77), Samu (Charly, min.72); Parapar, Antón Guisande (David Rosón, min.72), Armental (Goris, min.63); e Maceira (Cañi, min.63).

1 – RC Vilalbés: Santomé; Jose Varela, Edu, Vérez (Javi Rey, min.45), Santi Prado (Buyo, min.76), López; Manu Mosquera (Sergio, min.64), Make (Anthony, min.45), David García, Borja Rey (Herrero, min.64); e Pablo Trigo.

Goles: 1-0: Maceira, min.5; 2-0: Armental, min.19; 3-0: Santi Prado (P.P.), min.45+4; 3-1: Anthony, min.51; 4-1: Antón Guisande, min.60; 5-1: Maceira, min.62; 6-1: Charly, min.90+2.

Árbitro: Iván Rodríguez (Asturias). Expulsou a López (min.90+2) con vermella directa. Ademais, amoestou a Samu, polo Compos; e a Make, Pablo Trigo e Javi Rey, polo Vilalbés.

Incidencias: Estadio Vero Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Partido de volta das semifinais do play off autonómico disputado ante 2.245 espectadores, a mellor entrada da tempada. Antes do inicio gardouse un minuto de silencio na memoria de Vanesa Gómez, abonada do club que faleceu recentemente.

Flickr


Youtube

Instagram Compos

Facebook

10 hours ago

SD Compostela
🩵🤍 Os nosos desfrutaron hoxe dunha comida grupal na Parrilla O Establo Unha visita ao noso patrocinador para facer 🍍, antes do derbi, e desfrutar dunha boa parrillaMoitas grazas pola acollida e polo bo trato, coma sempre 🥰 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

14 hours ago

SD Compostela
🧐 Repetimos? Este domingo, na Lomba, queremos vivir unha gran tarde de fútbol como a tempada pasada!Co voso apoio podemos conseguilo de novo! 💪🩵🤍📸 Nacho Castaño #arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
𝐀 𝐂𝐚𝐧𝐭𝐞𝐢𝐫𝐚 𝐏𝐢𝐜𝐡𝐞𝐥𝐞𝐢𝐫𝐚📸 Velaquí a foto de familia con todos e todas as integrantes da nosa canteira e de todos os equipos da SD Compostela e do CD Conxo Santiago O proxecto segue medrando, consolidándose como unha das referencias do fútbol base galego onde gozan do deporte más de 500 xogadores e xogadores e conta con 55 adestradores. Non só pola súa cantidade, senón tamén pola calidade dos nosos equipos é que podemos estar orgullosos e orgullosas. Actualmente seguimos presentes na División de Honra xuvenil, a categoría punteira do fútbol formativo nacional. Contamos ademais con representación na Liga Nacional e con equipos nas distintas Divisións de Honra tanto cadetes (por dobre partida) como infantil.Mirando cara abaixo a imaxe non pode ser máis positiva. O noso fútbol 8 e fútbol 7 tamén crece con seis equipos alevíns, cinco benxamíns, tres prebenxamíns e un Biberón. O curso pasado os nosos cativos e cativas fixeron historia clasificando en todas as categorías para a Fase Final do Campionato Galego. Entre todos e todas intentaremos que siga sendo un orgullo formar parte da Canteira Picheleira!🤍🩵🤍#canteirapicheleira ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🖤 O primeiro equipo, no regreso ao traballo esta mañá, gardou un respectuoso minuto de silencio por Jesús de Miguel Descansa en paz ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
✅🕖 PRIMEIRO DERBI NA NOSA CASA CONFIRMADO🤝💡 Un partidazo patrocinado por Ojoalvatio ⚽️ Xornada 11🆚 Ourense CF 🗓️ Domingo, 15/11🕔 17:00 horas🏟️ Vero Boquete#composourense ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

CONTACTO

sdcompostela@sdcompostela.com

981 57 70 41

Av. de Fernando de Casas Novoa, 20, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña.

 

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.