-
Os nosos souberon aguantar a vantaxe da ida e ascenden á Segunda RFEF
Badalona, 21 de xuño de 2026
A SD Compostela é de Segunda RFEF. Os nosos lograron o obxectivo: aguantaron a vantaxe conseguida na ida da finalísima e regresan a Segunda un ano despois. Un logro, tras un ano duro, celebrado en Badalona e en Compostela, onde centos de afeccionados se reuniron na praza da Quintana para apoiar ao equipo.
Tras conseguir unha vantaxe de tres goles na ida, o Compos saltou ao Municipal de Badalona coa misión de completar o último paso na fase de ascenso. Arroupados por máis de 150 afeccionados no campo e centos desde a pantalla xigante da Praza da Quintana, os nosos querían completar o obxectivo en terras catalás.
Co mesmo once que tan ben o fixo no Vero Boquete, os branquiazuis buscaban un partido similar, tentando xerar perigo nas transicións e movendo a pelota cando fose posible. Con todo, a presión intensa dos locais e, sobre todo, unha calor infernal, afectaban ao xogo compostelanista, custando levar a pelota a campo contrario.
Así, repregados, Quico e Pablo Crespo, así como Álex Cobo, convertéronse en pezas fundamentais para rexeitar os continuos centros á área. Os locais tentábano, pero a defensa branquiazul, imperial todo o partido, rexeitaron todos os intentos. Ademais, cando o probaron de lonxe, tamén se atoparon coas luvas do noso gato.
Pola súa banda, en ataque, os nosos só se puideron despregar con perigo en dúas accións, unha de Samu e outra de Antón Guisande, pero ambas foron interrompidas polo Badalona con accións ao límite, reclamadas como falta, pero sen ser sinaladas. Por iso, chegouse ao intermedio co marcador inicial.
Coa igualada a ceros, o Compos seguía cunha amplía vantaxe para acadar o ascenso á Segunda RFEF, polo que, á volta dos vestiarios, o guión mantívose. En todo caso, por tramos, os nosos si conseguían transitar, ante un Badalona que cada vez arriscaba máis. Probárono Antón Guisande e Maceira, un dos primeiros cambios, pero os intentos de ambos marcháronse por pouco.
Pola súa banda, o Badalona seguía xerando perigo con centros, especialmente a balón parado e así foi como chegou o primeiro gol, xa no 70, cun córner ben executado e remachado no segundo pau por Bermúdez.
A euforia desatou aos locais, ante un Compos que refrescou ao equipo desde o banco, dado a calor insufrible que se percibía no campo. E deses cambios partiu a mellor ocasión do partido para os nosos: Cañi gañoulle a partida ao porteiro e ao defensa, deixouna atrás para Maceira e o pichichi pegoulle de primeiras, atopándose cunha gran intervención de Víctor López.
Sen sorte na definición, tocaba sufrir, e máis aínda tralo segundo gol do Badalona, xa no 90, outra vez a balón parado. Josu, o mellor dos locais, puxo unha falta que peiteou Maceira cara a propia portería. 2-0.
Restaban seis minutos de engadido para sufrir, pero aí saíu a casta e o arroxo deste equipo. Souberon xuntarse, deixar correr o tempo e pasar o desconto sen sufrir ocasións. Unha demostración de experiencia que valeu un ascenso.
Co asubío final, e o 3-2 na eliminatoria, o Compos é de Segunda RFEF. Un éxito de todo o equipo, no que a afección foi fundamental. Tras non poder conseguir o ascenso directo vía liga, os nosos, impulsados desde a bancada, coas mellores entradas da tempada, levantaron cabeza e obraron o salto de categoría vía play off. Agora, toca celebralo.
FICHA TÉCNICA
2 – Badalona CF: Víctor López; Robert Simón (Toni Peris, min.78), Manrique (Albert Ruiz, min.84), Marco, De Marco (Pime, min.59); Bermúdez, Josu; Tom Diawara, Larrosa (Reche, min.84), Juaco; e Junior (Aso, min.59).
0 – SD Compostela: Álex Cobo; Valín, Quico, Pablo Crespo, Riki Mangana; Diego Uzal, Samu (Aarón Martínez, min.86); Parapar (Unai Peón, min.66), Antón Guisande (Cañi, min.66), Armental (Goris, min.59); e Charly (Maceira, min.59).
Goles: 1-0: Bermúdez, min.70; 2-0: Maceira (p.p), min.90.
Árbitro: Juan José Pacheco (Illas Baleares). Amoestou a Aso, polo Badalona; e a Valín, Armental, Maceira, Álex Cobo e Aarón Martínez, polo Compos.
Incidencias: Estadio Municipal de Badalona (Badalona). Partido de volta da finalísima do play off de ascenso á Segunda RFEF disputado ante uns 3.000 espectadores. Máis de 150 afeccionados do Compos estiveron a animar ao equipo en Badalona e centos na pantalla xigante da Praza da Quintana, podendo celebrar o ascenso á Segunda RFEF.












