O Compos saca un positivo 3-0 na ida da finalísima

14 de Xuño de 2026
Valín estivo moi incisivo pola banda e marcou o seu segundo gol da tempada.
Os nosos iniciaron o partido da mellor maneira e marcaron o primeiro da tarde aos cinco minutos.
Álex Cobo deixou a porta a cero.
Parapar volveu desbordar pola banda para xerar perigo no ataque do Compos.
Armental mandou un disparo ao longueiro que puido ser o segundo dos nosos.
Antón Guisande foi un dos mellores do Compos, levando moito perigo pola banda, na ida da finalísima do play off.
O capitán Samu estivo imperial no centro do campo, tendo varias ocasións tamén para marcar.
Antón Guisande celebra o seu gol, o segundo da tarde para o Compos.
O equipo celebra o segundo gol do partido.
A afección arroupou ao equipo durante todo o partido para levalos polo aire ata a vitoria final.
Charly, eufórico, redondeou o seu partidazo cun golazo, o 3-0.
Equipo e afección camiñaron da mán nesta ida da finalísima, chave para conseguir a vantaxe de tres goles para a volta.
Unai Peón entrou polo lesionado Diego Uzal e fixo un gran partido, dando unha asistencia de gol.
  • Os nosos gañaron con claridade ao Badalona con goles de Valín, Antón Guisande e Charly no primeiro partido da finalísima

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2026

O Compos deu un importante paso, para poder acadar o ascenso, na ida da finalísima. Os nosos gañaron por 3-0 ao Badalona, nun gran partido no Vero Boquete. Co apoio da bancada, que levou polo aire ao equipo, conseguiuse unha renda de tres goles para a volta, grazas aos tantos de Valín, Antón Guisande e Charly. Quedan 90 minutos para o obxectivo.

Cun Vero Boquete de novo vestido de gala para a ocasión, o Compos iniciaba a eliminatoria final de ascenso no seu feudo. Coa premisa clara de defender o fortín branquiazul, os nosos, coa novidade de Riki Mangana polo lesionado Damián Noya e a entrada de novo de Samu, iniciaron o partido convencidos da importancia do duelo.

Nun inicio fulgurante, o Compos buscaba a área rival cada vez que podía e na primeira que tivo opción de pisar zona de perigo, chegou o gol. Parapar puxo en carreira a Valín, o lateral gañou liña de fondo e no seu centro potente o esférico tocou nun rival e foise á rede. 1-0 e mellor inicio imposible.

Con todo, non se relaxaron os nosos, que seguiron insistindo cada vez que podían. Tívoa Armental, no 12, pero estrelou a pelota no traveseiro, despois dun rexeite dun saque de banda. E tamén Samu, á contra, pouco máis tarde, pero mandouna coa zurda ao lateral da rede.

E antes da pausa de hidratación, aínda a tivo Charly, que lla roubou ao porteiro, pero tras regatealo, un defensa limpoulla na liña, evitando o tanto.

Trala pausa, o Badalona tapou mellor as perigosas transicións do Compos, polo que o encontro entrou nunha fase de moito ritmo, pero sen achegamentos perigosos, chegando ao intermedio coa vantaxe mínima para os nosos.

Despois do descanso, como na primeira parte, o Compos saltou mellor ao verde e de novo atopou o gol. No 47, tras un saque de banda, a pelota acabou no segundo pau, onde Charly, moi listo, gañoulle a partida ao central para deixarlle a pelota morta a un Antón Guisande que definiu á perfección no man a man. 2-0 e a bancada entregadísima.

O tanto sentoulle ben aos nosos, que seguiron buscando o arco rival cada vez que podían, especialmente grazas a un incisivo Antón Guisande e a clase de Charly. Ambos aliáronse de novo no 56, pero un defensa cortou o tiro a gol do extremo. E cinco máis tarde, tívoa Samu, tras outro saque de banda, pero a súa volea marchouse por moi pouco.

Con todo, o mellor estaba por chegar. E é que, tras aguantar ben atrás, arroupados desde a bancada, no 76 chegou o terceiro da tarde. Nunha condución rompendo liñas de Unai Peón, o mediocentro puxo a pelota para Charly, que regateou ao central cun caño e definiu entre as pernas do porteiro. 3-0 e a guinda ao seu partido perfecto.

Chegaron os cambios, refrescaron ambos adestradores aos seus equipos, pero o marcador xa non se moveu. A máis clara tivérona os visitantes, no desconto, pero Riki Mangana apareceu imperial para tapar o tiro.

Deste xeito, certificouse a vitoria por 3-0 no Vero Boquete, un triunfo que lle dá ao Compos unha vantaxe de tres tantos para a volta da finalísima. Quedan noventa minutos en Badalona para poder acadar o ascenso á Segunda RFEF.

FICHA TÉCNICA

3 – SD Compostela: Álex Cobo; Valín, Quico, Pablo Crespo, Riki Mangana; Diego Uzal (Unai, min.31), Samu (David Rosón, min.88); Parapar, Antón Guisande (Cañi, min.88), Armental (Maceira, min.80); e Charly (Goris, min.80).

0 – CF Badalona: Víctor López; Marco, Manrique (Reche, min.89), Ayala (Toni Peris, min.82), De Marco (Robert Simon, min.82); Guzman (Piñol, min.64); Tom Diawara, Larrosa, Bermúdez, Juaco; e Pime (Aso, min.64).

Goles: 1-0: Valín, min.5; 2-0: Antón Guisande, min.47; 3-0: Charly, min.76.

Árbitro: Guillermo Íñigo (Castela e León). Amoestou a Parapar e Maceira, polo Compos; e a Manrique, polo Badalona.

Incidencias: Estadio Vero Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Partido de ida da finalísima do play off de ascenso á Segunda RFEF disputado ante 3.600 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Facebook

12 hours ago

SD Compostela
🎂 Hoxe temos de aniversario ao noso gran delegado, AnteloMoitos parabéns!!! A desfrutalo!!!E moitas grazas polo teu traballo e compromiso, sempre ao servizo para o mellor do Compos 🩵🤍 📸 Ignacio Castaño Gómez ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

18 hours ago

SD Compostela
🆕🩵🤍 Ces Cotos, equilibrio, personalidade e bo trato de balón para o centro do campo do Compos⚽️ O mediocentro venezolano, con ampla experiencia no fútbol galego, chega do Utebo, da #SegundaFederaciónℹ️ sdcompostela.com/gl/2026/07/21/ces-cotos-fichaxe-compos-26-27/#benvidocescotos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🩵🤍 Xa dispoñible á venta a nova camiseta do Compos!!🙌 Na #compostenda ou na web de Fútbol Emotion 📲 www.futbolemotion.com/es/categoria/colectivos/equipaciones-s.d.-compostela🎟️ RECORDA que se eres abonado, tes un 10% de desconto!!! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 days ago

SD Compostela
🔚 Remata a primeira proba da pretempadaCOMPOS 0️⃣-4️⃣ RC Deportivo👏 Moi boa imaxe dos nosos na casa na estrea de Carlos de LermaPrimeiros minutos para as novas fichaxes e moita presenza da @cantpicheleira📸 Ignacio Castaño Gómez#composdépor #PretempadaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 days ago

SD Compostela
⏸️ DESCANSOCOMPOS 0️⃣-1️⃣ Real Club Deportivo de La Coruña 👉 Chegamos ao tempo de lecer no Vero Boquete! Moi boa imaxe dos nosos nestes primeiros 45 minutos!#composdépor #PretempadaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.