Dous golazos e tres puntos de ouro

20 de Setembro de 2026
Edu Sousa foi decesivo na primeira parte coas súas paradas.
Pola calor, houbo pausa de hidratación en ambas metades.
Edu González foi a punta de lanza e non se cansou de tirar desmarques.
Un defensa evitou o gol de Parapar, tras un pase da morte de Antón Guisande.
Unai Peón selou un golazo que sorprendeu ata aos seus compañeiros.
Unai Peón marcou o seu primeiro gol coa camiseta do Compos, e vaia gol.
O gol de Unai Peón foi decesivo para conseguir os tres puntos na casa.
Unai Peón levantou á bancada dos seus asentos co seu golazo.
Os nosos conseguiron os seus primeiros tres puntos da tempada.
A pelota de Antón Guisande entrou mansa na rede.
O gol de Antón Guisande, desde o centro do campo, levantou á afección e tamén aos seus compañeiros.
O equipo celebrou todo xunto a vitoria na casa.
  • O Compos acadou os tres puntos na casa con dúas gadoupadas nos minutos finais, de Unai Peón e Antón Guisande

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2026

A SD Compostela acadou tres puntos de ouro contra o Sestao River. Os nosos superaron os vascos por 2-0 con dous golazos na recta final do duelo. Primeiro Unai Peón e despois Antón Guisande selaron a primeira vitoria da tempada.

Regresou o Compos ao Vero Boquete coa intención de conseguir o primeiro triunfo na casa. Tras sumar en Portugalete, os nosos querían facer bo o punto cun máis tres no Vero Boquete.

Nunha tarde asollada e de altas temperaturas, comezaron mellor os visitantes, ante un Compos ao que lle custou iniciar desde atrás. Edu Sousa estivo providencial nesa primeira media hora, salvando dous mans a mans tras senllos roubos visitantes en última liña. E despois dun dos córneres lanzados polos visitantes, tamén se estirou para sacar unha gran man a disparo de Eneko.

En todo caso, co paso dos minutos, e sobre todo trala pausa de hidratación, o Compos asentouse mellor sobre o verde e tivo a súa mellor opción nas botas de Manu Rivas. O carril avanzou por banda, tras un bo cambiou de orientación de Edu González, pero atopouse coa estirada de Iru, fillo do histórico porteiro da SD Compostela, ao seu disparo duro abaixo. E no rexeite, desde o punto de penalti, mandouna arriba coa dereita.

Chegouse ao tempo intermedio coa igualada inicial de 0-0.

Á volta dos vestiarios, con dobre cambio no once branquiazul, a contenda igualouse. Os nosos tapaban mellor os espazos, o Sestao non podía correr e o Compos comezou a crecer.

Tras uns intentos con escaso perigo do rival, Mario Hermo comezou avisando, despregándose por banda dereita, pero o seu disparo saíu frouxo e ao medio. Pouco máis tarde, Antón Guisande, que xa fora protagonista na anterior, foi quen de desfacerse do seu par, chegou a encarar ao porteiro, pero intentou o pase da morte para Parapar e un defensa evitouna ao límite.

A contenda estaba nesas transicións locais e acabou chegando o premio no 86. Tras unha xogada trenzada, con centro ao segundo pau de Mario Hermo, Antón Guisande devolveuna atrás, ninguén rematou na área, pero a pelota caeu na frontal e alí estaba Unai Peón, o central, que non o pensou. Golpeou con toda a súa forza e cravouna na escuadra. Unha barbaridade de gol e 1-0.

Tocou defenderse da estirada final do Sestao, que buscou o empate á desesperada, pero o que apareceu foi o segundo dos nosos. Subiu Iru nun córner, a portería quedou despoboada e Antón Guisande, moi lampantín, disparou coa zurda desde o centro do campo e a pelota entrou mansa na rede. Outro golazo, 2-0 e delirio na bancada porque se garantían os tres puntos.

Con este triunfo, o primeiro da tempada, os nosos quítanse un peso de encima e conseguen escalar na clasificación. Tras romper a dinámica negativa e sumar os tres puntos, agora tocará unha nova visita ao País Vasco, nesta ocasión para medirse ao Eibar B.

FICHA TÉCNICA

2 – SD Compostela: Edu Sousa; Miguel Prado, Diego Uzal (Unai Peón, min.46), Roque (Pablo Crespo, min.46); Mario Hermo, Ces Cotos (Goris, min.75), Dani González, Manu Rivas; Parapar (Álex Gil, min.84), Buba (Antón Guisande, min.62) e Edu González.

0 – Sestao River Club: Iru; Peral, Argente, Andoni Ugarte, Jon Rojo; Casteñeda (Zearreta, mim.69); Castillo (Arzak, min.69), Eneko (Carlos González, min.83), Laka, Pau Miguélez (Legu, min.83); e Zorrilla (Carrión, min.58).

Goles: 1-0: Unai Peón, min.86; 2-0: Antón Guisande, min.90+6.

Árbitro: Enrique Gao (Asturias). Amoestou a Roque, Parapar, Manu Rivas e Carlos de Lerma (banco), polo Compos; e a Eneko, Andoni Ugarte e Carrión, polo Sestao River.

Incidencias: Estadio Vero Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 3 de Liga do Grupo 1 da Segunda Federación disputado ante 1.050 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Facebook

3 hours ago

SD Compostela
🩵🤍 Os nosos desfrutaron hoxe dunha comida grupal na Parrilla O Establo Unha visita ao noso patrocinador para facer 🍍, antes do derbi, e desfrutar dunha boa parrillaMoitas grazas pola acollida e polo bo trato, coma sempre 🥰 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

7 hours ago

SD Compostela
🧐 Repetimos? Este domingo, na Lomba, queremos vivir unha gran tarde de fútbol como a tempada pasada!Co voso apoio podemos conseguilo de novo! 💪🩵🤍📸 Nacho Castaño #arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
𝐀 𝐂𝐚𝐧𝐭𝐞𝐢𝐫𝐚 𝐏𝐢𝐜𝐡𝐞𝐥𝐞𝐢𝐫𝐚📸 Velaquí a foto de familia con todos e todas as integrantes da nosa canteira e de todos os equipos da SD Compostela e do CD Conxo Santiago O proxecto segue medrando, consolidándose como unha das referencias do fútbol base galego onde gozan do deporte más de 500 xogadores e xogadores e conta con 55 adestradores. Non só pola súa cantidade, senón tamén pola calidade dos nosos equipos é que podemos estar orgullosos e orgullosas. Actualmente seguimos presentes na División de Honra xuvenil, a categoría punteira do fútbol formativo nacional. Contamos ademais con representación na Liga Nacional e con equipos nas distintas Divisións de Honra tanto cadetes (por dobre partida) como infantil.Mirando cara abaixo a imaxe non pode ser máis positiva. O noso fútbol 8 e fútbol 7 tamén crece con seis equipos alevíns, cinco benxamíns, tres prebenxamíns e un Biberón. O curso pasado os nosos cativos e cativas fixeron historia clasificando en todas as categorías para a Fase Final do Campionato Galego. Entre todos e todas intentaremos que siga sendo un orgullo formar parte da Canteira Picheleira!🤍🩵🤍#canteirapicheleira ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
🖤 O primeiro equipo, no regreso ao traballo esta mañá, gardou un respectuoso minuto de silencio por Jesús de Miguel Descansa en paz ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
✅🕖 PRIMEIRO DERBI NA NOSA CASA CONFIRMADO🤝💡 Un partidazo patrocinado por Ojoalvatio ⚽️ Xornada 11🆚 Ourense CF 🗓️ Domingo, 15/11🕔 17:00 horas🏟️ Vero Boquete#composourense ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

CONTACTO

sdcompostela@sdcompostela.com

981 57 70 41

Av. de Fernando de Casas Novoa, 20, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña.

 

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.