-
Os nosos mereceron mellor sorte en Areitio, pero marraron as súas ocasións e o Eibar B levou os tres puntos
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2026.
O pau evitou que o Compos puidese sumar en Areitio. Os nosos caeron 1-0 contra o Eibar B, nun partido no que o ferro evitou, por dúas ocasións, o tanto compostelanista. Nun duelo cunha parte para cada equipo, decidiu o único tanto de Carlos Lumbreras.
Tras conseguir a primeira vitoria da tempada na casa, contra o Sestao River, o Compos regresaba ao País Vasco coa intención de seguir sumando na Liga. En fronte estaba o Eibar B, un filial que encadeaba dous triunfos consecutivos, que o levantaban ata os primeiros postos da clasificación.
Con bastantes cambios no once inicial, entre eles o debut en competición oficial de Rafa de Vicente, o Compos tentou saír co dominio da pelota, pero atopouse cun filial armeiro que imprimiu un ritmo moi alto no primeiro cuarto de hora, gozando Iker Otadui dun disparo ao pau.
En todo caso, co paso dos minutos, os nosos asentáronse mellor sobre a herba artificial de Areitio 1 e comezaron a ter posesións máis longas, aínda que sen chegar a culminalas. Buscaron disparos de lonxe, pero non atoparon a portería rival.
Pola súa banda, o Eibar B, xa sen tanto balón, tentou xerar perigo en rápidas contras e atopárono nas botas do hiperactivo Otadui. O atacante tivo a máis clara, no 27, despois dun roubo alto dos locais, pero no man a man, tras picar a pelota ante Edu Sousa, apareceu providencial Unai Peón para despexar a pelota. Por iso, chegouse ao intermedio coa igualada inicial, 0-0.
Á volta dos vestiarios, coa entrada de Ces Cotos e Turby, no que supuña o debut do canteirán compostelanista, o Compos saltou moito mellor que na primeira metade.
Con rápidas combinacións, os nosos comezaron a roldar a área rival e tiveron a súa opción no 52. Mario Hermo pegoulle duro desde a frontal, o porteiro rexeitou como puido e Buba, con todo a pracer, estrelouna contra o pau. E catro máis tarde, un centro de Turby estivo cercar de coarse na portería, tras un despexe defectuoso dun defensa.
Porén, nos mellores minutos branquiazuis, chegou o gol local. Un bo centro de Llorenç mandouno á rede Carlos Lumbreras, entrando desde atrás e rematando de primeiras, 1-0.
Non baixou os brazos o Compos, que o seguiu tentando, a pesar do golpe, e atopou no balón parado un gran aliado. Nas botas de Parapar e na cabeza de Roque estivo o empate, pero senllos córneres idénticos acabaron co mesmo resultado. No primeiro, co porteiro superado, o balón foise ao pau e, no segundo, a pelota escapouse rozando o traveseiro.
Foise con todo arriba o Compos, acumulando xogadores en última liña, buscando o tanto á desesperada e a rentes estivo de conseguilo no último minuto, pero o disparo de Miguel Prado desde a frontal escapouse por moi pouco.
1-0 final e o Compos regresa sen premio de Areitio. Nun partido no que mereceu mellor sorte, o pau evitou que os nosos puidesen puntuar. Agora, tocará reporse como locais, na visita do Real Oviedo Vetusta, o domingo ás 17:00 horas no Vero Boquete.
FICHA TÉCNICA
1 – SD Eibar B: Bermejo; Llorenç, Oier, Galder, Ortuzar, Unai Garcés (Gutiérrez, min.79); Iker Zubiria (Marcos Pérez, min.85), Óscar García (Santolaya, min.70), Gromaz; Iker Otadui e Carlos Lumbreras (Mario Fuente, min.85).
0 – SD Compostela: Edu Sousa; Miguel Prado, Unai Peón, Roque (Dani González, min.77); Mario Hermo (Armental, min.64), Diego Uzal, Rafa de Vicente (Ces Cotos, min.46), Manu Rivas (Turby, min.46); Parapar, Antón Guisande e Buba (Teofilovic, min.64).
Goles: 1-0: Carlos Lumbreras, min.59.
Árbitro: David Ruiz (Asturias). Amoestou a Unai Garcés, polo Eibar B; e a Unai Peón, polo Compos.
Incidencias: Cidade Deportiva Eibar – Areitio 1 (Eibar). Xornada 4 do Grupo 1 da Segunda Federación. Unha decena de afeccionados compostelanistas desprazáronse ata o País Vasco para animar aos nosos.





