Os nosos xogarán o sábado ás 17 horas co obxectivo de consolidar ante o Atlético Astorga as boas sensacións obtidas no Vao
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2026
A SD Compostela regresará esta fin de semana ao Verónica Boquete de San Lázaro para disputar a sétima xornada de liga do Grupo 1 da Segunda Federación. Logo da valiosa vitoria lograda fóra de casa contra o Coruxo, os nosos buscarán confirmar as súas boas sensacións diante da súa afección.
Neste sentido, Carlos de Lerma eloxiou a implicación da nosa xente e recoñeceu que intentarán devolverllo, xa que “nos sentimos en débeda con eles”. O Compos atópase undécimo con sete puntos, polo que un posible triunfo asentaría ao equipo na zona media da táboa clasificatoria.
En fronte estará o Atlético Astorga, un club que vén de golear no seu feudo por 4-0 ao Ourense CF e que se atopa en postos de playout con seis puntos, un menos que o Compos. Á hora de analizar o rival, o Puma recoñeceu que o Atlético Astorga é “un equipo que ten as ideas moi claras”.
Entre as virtudes máis salientables dos castellanoleoneses, o noso míster apuntou que é un conxunto “moi vertical en canto ao seu xogo e con xogadores moi determinantes no último terzo que saben finalizar ben as xogadas“, polo que serán claves as axudas e o compromiso defensivo.
Os dous únicos duelos disputados en San Lázaro entre o Compostela e o Atlético Astorga, ambos en Segunda División B, saldáronse con vitoria para os nosos. O primeiro data da tempada 2014-2015, cando o equipo dirixido por Iñaki Alonso venceu 2-0 aos astorganos con goles de Qasmi e Catú.
Para a seguinte campaña, a 2015-2016, o Compostela de Fredi Álvarez gañou de novo en casa cunha contundente goleada por 4-1. Agora, con ambos os clubs en Segunda Federación, o cadro picheleiro buscará prolongar esta dinámica de resultados contra o equipo de Castela e León.
De cara a este importante encontro, o técnico estremeño recuperará a dous dos futbolistas que nas últimas xornadas non puideran estar dispoñibles para o equipo. Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Carlos de Lerma asegurou que Álex Gil, Damián Noya, Edu González e Rubén Vilela xa se exercitaron con normalidade xunto ao resto dos seus compañeiros, polo que nun principio podían formar parte da convocatoria.
Finalmente, deses catro futbolistas tan só estarán dispoñibles o extremo Álex Gil e o dianteiro Edu González. Pola súa banda, Damián Noya e Rubén Vilela seguirán finalizando os seus períodos de recuperación, xa en etapas finais.
A cruz, en cambio, a marca a situación de Adrián Armental. O xogador de Ribeira sufriu unha molestia durante a semana, o que lle vai a impedir estar dispoñible polo menos para o choque desta fin de semana disputado na nosa casa.
Por outra banda, a gran dúbida para este encontro será a presenza ou non do venezolano Ces Cotos, quen sufriu unha escordadura no último partido en casa contra o Real Ovieo Vetusta. Carlos de Lerma sinalou que será unha decisión de última hora “en función de como evolucione o seu estado físico“.
O Compos intentará volver sumar de tres en casa, logo do último triunfo na xornada dúas fronte ao Sestao River. Neste sentido, o técnico branquiazul valorou moi positivamente a evolución dun equipo “cada vez máis recoñecible” e que está a intentar plasmar todo aquilo que se vén traballando desde que comezou a pretemporada.
Por último, Carlos de Lerma enxalzou de xeito especial os últimos encontros de futbolistas como Buba e Turby, quen lle achega ao equipo “ese extra de mocidade, enerxía e soltura”.



