O Compos tira de oficio para gañar ao Arosa e encadena tres triunfos consecutivos fóra da casa

9 de Novembro de 20260
Festexo de Roque tras anotar o 1-1 contra o Arosa
Celebración de Guisande tras o 1-2 frente ao Arosa
Celebración de Guisande xunto aos seus compañeiros tras o 1-2 contra o Arosa
Celebración de costas de Guisande contra o Arosa
Celebración do equipo tras o gol do 1-2 ante o Arosa
Rafa de Vicente e Guisande logo de celebrar o segundo gol fronte ao Arosa
Roque mirando o balón tras un despexe contra o Arosa
Edu Sousa fronte ao Arosa
Parapar regateando contra o Arosa
Unai Peón domando a pelota no aire contra o Arosa
Álex Gil presionando contra o Arosa
Diego Uzal sendo presionado fronte ao Arosa
Edu González pegado á liña de banda contra o Arosa
Antón Guisande conducindo o balón ante o Arosa
Mario Hermo conducindo o esférico contra o Arosa
Carlos de Lerma na zona técnica fronte ao Arosa
  • Os nosos remontaron e gañaron o derbi contra o Arosa por 1-2 grazas a un gol de Roque e a un tanto de Guisande ao pouco de iniciar a segunda metade

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2026

A SD Compostela volveu a levar os tres puntos no segundo derbi galego da tempada, logo do triunfo no Vao por 0-1 na xornada seis. A pesar dos numerosos cambios no once e dos constantes arreóns locais, os nosos aproveitaron mellor as ocasións e souberon sufrir en defensa, cun Roque e un Edu Sousa como principais protagonistas do encontro.

O conxunto de Carlos de Lerma chegaba a este duelo despois dun amargo 0-0 en casa contra o Basconia no que merecera maior premio. No día de hoxe, o técnico estremeño decidiu facer varias modificacións no once inicial, dando entrada a futbolistas como Turby, Diego Uzal, Parapar, Álex Gil e Antón Guisande. Todos eles foron pezas fundamentais no desempeño do equipo.

En fronte estaba o Arosa, un rival máis que coñecido para os nosos e que viña de empatar a tres de forma in extremis ante o Portugalete. Ademais, os arlequinados eliminaron uns días antes ao Pontevedra na rolda de 1/64 da Copa do Rei.

Antes do pitido inicial viviuse un momento emotivo na Lomba, pois o árbitro máis os capitáns de ambos conxuntos levaron un ramo de flores cara o centro do campo, en memoria do tristemente falecido Jesús de Miguel, xogador do CD Tenerife. A continuación, gardouse un impactante e respectado minuto de silencio na súa memoria.

No que ao futbolístico se refire, o choque non empezou da mellor maneira para os nosos, pois o equipo entrou frío e o Arosa aproveitouse. No minuto 1 xa deu o primeiro aviso logo dun saque de banda efectuado de forma rápida cara Remeseiro, quen controlou e chutou de inmediato. Por fortuna, o balón rozou o trabe e foise por riba da portería de Edu Sousa.

Volveu insistir dous minutos despois o cadro local cun balón milimétrico ao espazo para Maceira, pero Turby estivo moi atento e desvaratou a clara oportunidade enviando o balón a saque de esquina.

Tras dous avisos e cunha sensación de superioridade evidente, o Arosa adiantouse no marcador ao minuto 7. Iñaki recibiu o balón en tres cuartos, xirou e filtrou un pase preciso para Gabri Palmas, quen definiu raso e cruzado, imparable para Edu Sousa.

As primeiras oportunidades para o Compos chegaron xusto despois do gol do Arosa. Nada máis sacar de centro, Parapar desbordou polo sector dereito e puxo un centro perigoso, pero o balón iba moi forte e Edu González non foi quen de dirixir ben o cabezazo.

A continuación, a bancada levantouse de novo no minuto 9 para romper a aplaudir a Jesús de Miguel, ao mesmo tempo que o videomarcador amosaba unhas imaxes súas para homenaxealo.

Tras este sentido recordatorio, no 13, Roque disparou de volea desde a frontal da área, aínda que a pelota marchou desviada.Insistiu a Esedé e Parapar tívoa no minuto 17. Tras unha gran xogada colectiva, o esférico chegoulle a Álex Gil, quen abriu á banda dereita cara Parapar. O extremo coruñés acomodouse e disparou dentro da área, pero o tiro saíulle centrado ás mans de Chema Leobalde.

Os seguintes minutos volveron ser de asedio local e agobio visitante. Primeiro no minuto 22, cando Edu Sousa se erixiu de heroe ao sacar un cabezazo potente e esquinado por parte de Maceira. Tres minutos despois, o exatacante compostelanista recibiu só dentro da área tras un gran taconazo de Gabri Palmás, pero pegoulle mal e o lanzamento foise por riba da meta santiaguesa.

Reaccionou o Compos con dúas tentativas dun eléctrico Antón Guisande. No minuto 26 un centro seu envenenouse e a piques estivo de sorprender ao porteiro arosano, e un minuto despois, o extremo vigués aproveitou un gran pase de Rafa de Vicente para chutar desde o pico del área. Por desgraza, o tiro saíu mordido e Leobalde parouno sen maiores complicacións.

Nos últimos minutos da primeira metade, o Arosa seguía dando maior sensación de perigo, e contaron con dúas oportunidades moi claras. A primeira obra de Iñaki, quen viu o seu perigoso disparo dentro da área tapado por Pablo Crespo. A segunda, froito dun córner no que Samu Santos se impuxo por arriba, aínda que cabeceou alto.

O Compos soubo resistir e obtivo o seu premio no minuto 44. Á saída dun saque de curruncho, o balón caeulle a Parapar, quen puxo un centro moi perigoso ao corazón da área co seu pé esquerdo. Alí se desmarcou Roque, quen rematou case en área pequena de cabeza e puxo o empate a un no luminoso.

Mesmo puideron adiantarse os santiagueses antes do descanso cunha clara ocasión de Turby no tempo de desconto, pero o chut tocou nun defensor e cambiou a dirección. Con 1-1 marcharon ambos equipos ao túnel de vestiarios.

Tras a reanudación aprendeu a lección o Compostela e saíu tremendamente enchufado. Tanto foi así que ao minuto de empezar a segunda parte, no 46, os nosos tomaron vantaxe. Miguel Prado realizou unha boa acción por banda e centrou ao segundo pau, onde Antón Guisande lle ganou a partida ao defensor Fraga para empuxar o balón ao fondo das mallas.

O Compostela tívoa no minuto 51 para encarrilar o encontro. Parapar puxo un córner preciso á área e Miguel Prado gañou o duelo aéreo, pero o seu testarazo foise lamendo o poste dereito da portería de Chema Leobalde.

A próxima media hora foi un exercicio de resistencia para os nosos. No minuto 53, Maceira foise só cara portería polo sector esquerdo, pero o bo facer de Edu Sousa saíndo da súa portería fixo que o balón se fora a córner.

Continuou o asedio local un minuto despois, no 54. Tras varios rexeitamentos dentro da área logo dun córner botado, o balón caeulle a Arellano case en área pequena e o centrocampista tirou a portería, pero Edu Sousa realizou de novo unha meritoria parada e evitou o empate.

Pouco despois, ao minuto 57, Remeseiro recolleu sen marca un balón na frontal da área e disparou, pero a pelota foise por riba do trabe. Os nosos seguiron a defenderse con uñas e dentes, pois ao minuto 65 Uzal sacou un balón sobre a liña que se iba directamente a gol.

Despois desa ocasión, a tónica do partido foi a mesma ata o final. O Arosa gozaba dunha cuota de posesión moi elevada e atacaba a base de centros, mentres que os nosos defendían a área e saían á contra cando vían a oportunidade.

E así chegou precisamente a última ocasión compostelana. No minuto 83, o incorporado Unai Peón filtrou un pase preciso para o tamén ingresado Mario Hermo. O defensor santiagués presentouse só diante do porteiro, pero o seu intento de vaselina coa perna esquerda marchou cerca do pau.

Aínda quedaba un último microinfarto para o equipo do Puma no tramo final, cando o Arosa logra moitas veces anotar. Ao minuto 93, o balón chegoulle a Arellano e o xogador asturiano sacou un tremendo latigazo desde fóra da área, pero Edu Sousa realizou otra magnífica intervención e asegurou os tres puntos para o Compostela pouco antes do pitido final do colexiado.

Tras este gran triunfo en Vilagarcía ante o Arosa, o cadro de Carlos de Lerma suma a súa terceira vitoria consecutiva a domicilio, e aumenta a cinco a súa racha de partidos sen coñecer a derrota. Ademais, estos tres puntos permiten á Esedé terminar a xornada con 17 puntos no quinto lugar da clasificación, o último que dá acceso aos playoffs de ascenso a Primeira Federación.

O noso míster agradeceu o gran apoio a todos os picheleiros desprazados ata A Lomba para animar ao equipo neste duelo ante o Arosa. Ademais, o técnico estremeño asegurou que “desde xa o foco está posto na próxima cita” do próximo domingo ás 17 horas contra o Ourense CF, na que o Compos intentará sumar novamente de a tres para consolidarse na zona alta da táboa.

FICHA TÉCNICA

1- Arosa SC: Chema Leobalde, Fraga (Torrado, min.67), Morante, Samuel Santos, Hugo Torres (Adrián Lombao, min.81), Arellano, Remeseiro (Álex Rey), Iñaki (Concheiro, min.67), Gabri Palmás, Martín Diz e Maceira (Rivera, min.67).

2- SD Compostela: Edu Sousa, Roque, Miguel Prado, Pablo Crespo, Turby (Jordan, min.45), Diego Uzal, Rafa de Vicente (Unai Peón, min.78), Parapar (Buba, min.84), Álex Gil (Dani González, min.69), Antón Guisande (Mario Hermo, min.67) e Edu González.

Goles: 1-0: Gabri Palmás, min.7; 1-1: Roque, min.44; 1-2: Antón Guisande, min.46.

Árbitro: Guillermo García (Castilla y León). Amonestou con cartón amarelo a: Morante, do Arosa (min.47); e a Parapar, do Compostela (min.58).

Incidencias: partido disputado no Estadio Municipal da Lomba (Vilagarcía de Arousa) correspondente á xornada 10 de Liga do Grupo 1 da Segunda Federación, cunha numerosa presenza de afeccionados picheleiros nas bancadas. Realizáronse dúa sentidas homenaxes a Jesús de Miguel, futbolista falecido do CD Tenerife.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

Flickr


Youtube

Instagram Compos

Facebook

3 hours ago

SD Compostela
⚒️🩵🤍 Comezou a semana para os nosos! 💪Cinco adestramentos para preparar o derbi deste domingo no Vero Boquete#composourense ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

20 hours ago

SD Compostela
😴🩵🤍 Boas noites, compostelanistas! Unha gran tarde de fútbol e outra gran vitoria na Lomba! A desfrutar!! 😍 #arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

21 hours ago

SD Compostela
🎙️ Carlos de Lerma | #arousacomposAnálise do técnico do Compos tralo triunfo no derbiO adestrador fixo fincapé na capacidade defensiva do equipo e remarcou que a afección compostelanista foi fundamental para poder conseguir a vitoria ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

23 hours ago

SD Compostela
💪 FINAAAAAAAAAAAAALArosa SC 1️⃣-2️⃣ COMPOS⚽️ Roque | Antón GuisandeQUE DERBI E QUE GRAN TRIUNFO 🩵🤍REGRESAMOS Á SENDA DA VITORIA NOUTRO PARTIDAZO 💪💪GRAZAS AFECCIÓN POLO APOIO INCANSABLE 👥🙌📸 Nacho Castaño#arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

24 hours ago

SD Compostela
⏸️ DESCANSOArosa SC 1️⃣-1️⃣ COMPOS⚽️ RoqueChegamos ao tempo de lecer con igualada tralo gol nos últimos minutos#arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

CONTACTO

sdcompostela@sdcompostela.com

981 57 70 41

Av. de Fernando de Casas Novoa, 20, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña.

 

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.