-
Os nosos empataron 1-1 cun gol de Manu Rivas despois de que os locais se puxeran por diante cun tanto desde os once metros de Hugo Martínez
-
Edu Sousa volveu a ser determinante ao deter outro penalti no minuto 75 que permitiu ao equipo de Carlos de Lerma saír de Álava cun empate
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2026
A SD Compostela asinou táboas na súa visita á Ciudad Deportiva José Luis Compañón. A pesar de comezar por baixo no marcador e das importantes baixas coas que chegaba o equipo, o Compos soubo refacerse e saír de Álava cun meritorio punto grazas a un tanto de Manu Rivas. Aínda que os primeiros minutos foron adversos, o xogo do equipo foi mellorando co correr dos minutos.
O conxunto santiagués chegaba a esta cita tras sufrir unha inesperada derrota na casa contra o Ourense CF, e viaxaba a Álava co obxectivo de encadear o seu cuarto triunfo consecutivo lonxe de San Lázaro. Aínda que finalmente non o logrou, o resultado final deixa boas sensacións no cadro picheleiro, pois rendía visita ao segundo clasificado do grupo con varios xogadores non dispoñibles.
Carlos de Lerma viuse obrigado en Álava a facer varios cambios no seu once titular, sendo cinco as modificacións introducidas con respecto ao encontro da xornada anterior. Saíron do equipo: Álex Gil, Jordan, Pablo Crespo, Rafa de Vicente e Roque (sanción). No seu lugar entraron Mario Hermo, Damián Noya, Manu Rivas, Unai Peón e Buba.
En fronte estaba o Alavés B, quen viña de gañar a domicilio ao Basconia por 0-1 e se situaba na segunda posición da clasificación con 23 puntos, seis máis que o Compos, polo que se antollaba un choque de vital relevancia para determinar as aspiracións de ambos clubs.
Empezou a rodar o balón no Ibaia 3 e fíxoo cunha máxima igualdade, xa que ambos equipos se tantearon e saíron con intensidade durante os primeiros minutos. A primeira oportunidade de gol sería no minuto 9 para os nosos, cando unha contra ben levada chegou a botas de Uzal, quen non dubidou en pegarlle. Desafortunadamente, o gardameta Swiderski atallou o disparo e enviouno a córner.
Respondeu o instante o Alavés B, pois na contra dese mesmo saque de esquina mal botado puideron poñerse por diante. O filial babazorro saíu con perigo desde campo propio, e só unha gran intervención de Edu Sousa puido evitar o 1-0. Sería o primeiro dos varios avisos que daría o Glorioso nos seguintes minutos do choque.
A seguinte xogada perigosa sería no minuto 13, tamén para os de Álava. O meta rival realizou un saque longo e preciso, e cando o balón chegou a área do Compostela, Damián Noya derrubou a un atacante vitoriano, polo que o colexiado sinalou a pena máxima. Hugo Martínez non perdoou desde os 11 metros, e o cadro vitoriano poñíase 1-0 no minuto 14.
O gol deu maior confianza ao Alavés B, que tería unha nova chance aos tres minutos de adiantarse no marcador. Logo dunha gran acción combinativa, o escuadro vasco conseguiu quedar en situación de man a man contra Edu Sousa, pero por fortuna para os nosos, o linier ergueu o banderín indicando posición anti regulamentaria.
Pasados eses complicados minutos, o Compos empezou a encadear posesións e a sentirse mellor no partido. Froito desa mellora chegaría o 1-1 ao marcador. Foi no minuto 26, logo dunha excelente acción combinativa que culminou cun bo pase atrás para Manu Rivas, quen non perdoou dentro da área e puxo o empate a pracer no electrónico de Álava.
O tramo final da primeira metade sería de dominio compostelán, aínda que sen un gran número de ocasións de cara a gol. Tanto Dani González como Edu González dispuxeron de dous lanzamentos a portería, pero ningún deles inquietou a meta do conxunto vitoriano. Con 1-1 no marcador e cun Compos en clara liña ascendente, o duelo chegaba ao descanso en Álava.
O Alavés B moveu fichas tras o reinicio cun triplo cambio, e entrou moi intenso ao terreo de xogo, gozando dalgún saque de esquina e dalgunha aproximación perigosa. A máis clara deuse no minuto 56, pero Edu Sousa apareceu de novo para realizar outra gran parada no man a man. Pola súa banda, a Esedé dispuxo dun tiro de Antón Guisande que logrou atrapar o gardarredes rival.
Os minutos foron pasando e a igualdade do resultado trasladábase ao verde, pois o partido estaba tremendamente equilibrado. Aínda así, os nosos contaron con algunha opción para adiantarse. A primeira delas ao minuto 67, cun disparo de Buba que detivo sen maiores problemas o porteiro. A seguinte no minuto 72 con tiro de Guisande, pero novamente parou o porteiro Swiderski.
O equipo de Álava tamén avisara neses minutos ao aproveitar unha perda de Damián Noya na saída de balón, pero o bo facer da zaga picheleira evitou que a situación acabase en maior castigo. Con todo, o encontro parecería torcerse ao minuto 73. Un esvarón de Uzal outorgou unha clara opción ao cadro local. Despois, no intento por recuperar a pelota, Damián Noya cometeu penalti.
Bouguettaya foi o encargado de executar a pena máxima, pero topouse cun Edu Sousa imperial que detivo o lanzamento do atacante alxerino. É o segundo penalti que o meta de Tui para no que vai de tempada. Igual que a anterior vez (contra o Portugalete) foi no País Vasco, e como naquela ocasión, a súa intervención acabaría dando un punto ao conxunto de Carlos de Lerma.
O Compos non se deixou amedrentar e reaccionou rapidamente cunha boa acción individual de Buba que acabaría en infracción dun defensor contrario. Paco Sanz viu cartón amarelo, pero a falta obrigou a que o dianteiro gerundese abandonase o terreo de xogo. No seu lugar ingresou Parapar.
Os últimos minutos deron opción a ambos os conxuntos. Primeiro tívoa o Compos ao minuto 84 cun disparo de Manu Rivas dentro da área, pero o balón rebotou nun defensor e saíu desviado. Acto seguido, o Alavés B tivo unha falta moi perigosa no borde da área, pero o lanzamento marchouse por riba do arco compostelán.
Engadiu catro minutos o árbitro, e no primeiro deles o Compostela tívoa para saír de Álava cos tres puntos. Álex Gil puxo un centro preciso para o remate de Antón Guisande, pero xusto cando o vigués ía rematar un defensor rival evitou que recibise o balón. Nada pasou nos últimos tres minutos, polo que o encontro terminou co mesmo 1-1 da primeira parte.
Tras este meritorio empate en Álava, os nosos ven cortada a súa gran xeira de tres xornadas seguidas gañando a domicilio. No entanto, este resultado, sumado aos pinchazos dos demais adversarios, permite ao Compos manterse na sétima posición da táboa con dezasete puntos, a só dúas unidades dos postos de playoff de ascenso a Primeira Federación.
A próxima cita para os nosos será o sábado 28 de novembro ás 17 horas no Estadio Vero Boquete fronte ao Bergantiños, quen marca os postos de promoción a Primeira RFEF. Nas últimas tres visitas dos carballeses a San Lázaro, o Compos non conseguiu ningunha vitoria, polo que será imprescindible o apoio da afección para sumar de tres na casa logo de varias semanas sen facelo.
FICHA TÉCNICA
1- Álaves B: Swiderski, Ballestero, Paco Sanz, Iker Uría (Manex Irizar, min.63), Ibon Martínez, Carlo Viso (Ander Varona, min.46), Iván Garrido, Iñaki Alberca, Lander Pinillos (Dennis Rufo, min.75), Álex López (Pablo Goitia, min.46) e Hugo Martínez (Bouguettaya, min.46).
1- SD Compostela: Edu Sousa, Mario Hermo, Miguel Prado, Diego Uzal, Damián Noya (Vilela, min.87), Manu Rivas, Unai Peón (Ces Cotos, min.65), Dani González (Goris, min.87), Buba (Parapar, min.77), Antón Guisande e Edu González (Álex Gil, min.65).
Goles: 1-0: Hugo Martínez (p.), min.14.; 1-1: Manu Rivas, min.26.
Árbitro: Alberto Sánchez Ingidua (Castilla y León). Amonestou con cartón amarelo a tres xogadores do Alavés B: Alejandro López (min.36); Paco Sanz (min.87); e Manex Irizar (min.87). Amonestou tamén con cartón amarelo a tres futbolistas da SD Compostela: Unai Peón (min.4); Dani González (min.32); e Damián Noya (min.73).
Incidencias: partido disputado na Ciudad Deportiva José Luis Compaón (Ibaia 3), en Álava (Vitoria), correspondente á xornada 12 de Liga do Grupo 1 da Segunda Federación.















