-
Os nosos caeron 0-1 en San Lázaro fronte ao Ourense CF cun gol de Markitos desde os 11 metros ao pouco tempo de iniciar a segunda metade
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2026
Despois de gañar os dous primeiros derbis galegos: 0-1 contra o Coruxo; e 1-2 contra o Arosa, a SD Compostela perdeu este domingo por 0-1 fronte ao Ourense CF. Este resultado supón a terceira derrota en casa no que vai de tempada. Ao igual que nas dúas anteriores, os nosos mereceron maior premio, pero a falta de acerto en área rival impediu inaugurar o casilleiro dos goles.
Para este enfrontamento, o técnico estremeño realizou as súas habituais modificacións no once inicial, dando entrada a Jordan e Dani González en lugar de Turby e Parapar, quen partira de inicio a xornada anterior na Lomba. Os outros nove futbolistas elixidos foron exactamente os mesmos que naquel triunfo en Vilagarcía.
Iniciou o choque, e fíxoo cunha boa posta en escena do Compos, polo menos no que a tenencia do balón se refire. O primeiro aviso chegou xa no minuto 2, cando un bo centro de Jordan foi recibido polo hoxe carrilero esquerdo Roque, quen rematou dentro da área. O seu intento topou cun defensor rival, polo que a xogada desembocou no primeiro saque de curruncho do partido.
O xogo santiagués foise volvendo cada vez máis estéril, e o cadro visitante soubo aproveitalo. Os ourensáns deron o seu primeiro aviso no minuto 12, cun gran centro de Markitos que obrigou a Crespo a mandar a pelota a córner. Ao pouco tempo, no 24, Jorrín centrou desde o sector dereito para o propio Markitos, quen rematou de primeiras un balón que se foi preto do pau esquerdo de Edu Sousa.
O primeiro contratempo serio para o Compos chegou no minuto 28, pois Jordan notou unha pequena molestia que lle obrigou a saír do terreo de xogo e dar entrada a Mario Hermo. Aos catro minutos de ingresar, o carrilero realizou unha gran incursión por banda dereita e púxolle un centro preciso a Edu González, quen rematou por encima da portería unha xogada xa anulada por fóra de xogo previo.
Un minuto antes do tempo de lecer, aínda tería a última o Compos. Mario Hermo abriu a banda dereita para Antón Guisande. O atacante vigués desbordou e logrou sacar un bo centro raro co seu pé dereito, pero o balón paseouse por diante da meta ourensá sen que ningún xogador branquiazul chegase a rematar. Desta forma, a primeira parte finalizou con 0-0 no electrónico.
Logo do reinicio, o Compostela mostrouse moi activo na presión alta, cun Rafa de Vicente e un Dani González que retiñan sen maiores problemas o coiro para o equipo branquiazul. Con todo, as ocasións non acababan de chegar, pois o Ourense CF foi quen de baixarlle as revolucións ao encontro e instaurar aos poucos un ritmo de xogo máis lento.
Todo acabaría por torcerse ao minuto 56. Viti baixou un balón longo que era complicado e dispúxose a encarar a Diego Uzal. O defensor do Compos, no seu ímpeto por recuperar a pelota, derrubou ao atacante tinerfeño, e o árbitro sinalou a pena máxima a favor do Ourense CF. A pesar do murmurio da bancada, Markitos executou con suma calma e enganou a Edu Sousa para poñer o 0-1 no marcador.
A reacción desde o banco non tardou, pois no mesmo parón do gol, Carlos de Lerma deu entrada a tres futbolistas de refresco (Buba, Turby e Parapar). O primeiro deles foi o que máis se fixo notar de xeito inmediato, pois ingresou ao minuto 58 e só nove minutos despois, no 69, puxo un centro perigoso desde a banda esquerda ao que desgraciadamente non chegou ningún compañeiro seu.
A Esedé instía, pero o gran facer da defensa rival impedía derrubar o muro. A oportunidade máis clara do encontro chegaría no minuto 70, cun Buba como principal protagonista outra vez. O dianteiro soubo moverse entre liñas para recibir o balón e filtrou un gran pase para Edu González, quen viu como o seu tiro se foi lambendo o poste a pesar de superar a saída do gardameta Diego García.
Seguiu insistindo o Compos en busca do empate, e fíxoo novamente con Buba como figura crave. No minuto 79, o xerundense presionou ao lateral rival e logrou recuperar a pelota preto da área. Correu con ela uns metros e sacou un centro raso e tenso co seu pé esquerdo, pero o desenlace foi novamente o mesmo: un bo centro ao que non chegaba ninguén para embocala en área pequena.
Pasaron os minutos e a tónica foi a mesma, cun Ourense CF que intentaba xuntar posesións longas, e cun Compos impotente debido á adversidade do marcador. O último intento chegaría xa no treito final, cando o recentemente incorporado Teofilovic recolleu o balón dentro da área e probou fortuna por partida dobre, pero a zaga ourensá estivo atenta e enviou a pelota a saque de esquina.
Tras un amago de lea entre Miguel Prado e Ihab, e logo dun curto desconto de catro minutos, o derbi finalizou con resultado de 0-1 a favor do Ourense CF. A pesar da derrota, os xogadores do Compos agradeceron o apoio a toda a afección presente no Vero Boquete, xa que os nosos afeccionados non dubidaron en aplaudir e en recoñecer o esforzo despregado polo conxunto de Carlos de Lerma.
Con este resultado, o cadro de Carlos de Lerma pon fin a unha gran serie de cinco partidos sen perder: 0-1 contra o Coruxo; 4-1 ante o Atlético Astorga; 1-3 frente ao Llanera; 0-0 contra o Basconia; e 1-2 ante o Arosa. Os nosos quedan no sétimo lugar da clasificación con dezasete puntos, a unha unidad dos postos que dan acceso ao playoff de ascenso a Primeira Federación.
A próxima cita para o cadro picheleiro será o vindeiro domingo 22 de novembro no País Vasco, pois o Compostela viaxará ata Vitoria para medirse ao Alavés B na Ciudad Deportiva de Ibaia, nun duelo programado para as 12 do mediodía. Nel, o conxunto santiagués intentará obter o seu cuarto triunfo consecutivo lonxe de San Lázaro e repoñerse así ao xerro de auga fría sufrido contra o Ourense FC.
FICHA TÉCNICA
0- SD Compostela: Edu Sousa, Jordan (Mario Hermo, min.29), Miguel Prado, Diego Uzal, Pablo Crespo (Turby, min.58), Roque, Rafa de Vicente (Teofilovic, min.87), Dani González, Antón Guisande (Buba, min.58), Álex Gil (Parapar, min.58) e Edu González.
1- Ourense CF: Diego García, Jorrín, Rami, Algisí, Iván Muñoz, Manu Buide, Jesús Cambil, Facu Ballardo (Robus, min.46), Domi Fernández (Ihab, min.69), Markitos (Álex Lorenzo, min.76) e Viti (Peter, min.90).
Goles: 0-1: Markitos (p.), min.57.
Árbitro: Javier Matía Gallo (Castela e León). Amonestou con cartón amarelo a catro xogadores da SD Compostela: Pablo Crespo (min.40); Diego Uzal (min.68); Miguel Prado (min.90); e Roque (min. 90+3). Amonestou tamén con cartón amarelo a catro futbolistas do Ourense CF: Facu Ballardo (min.40); Rami (min.69); Markitos (min.71); e Jorrín (min.90).
Incidencias: partido disputado no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela) correspondente á xornada 11 de Liga do Grupo 1 da Segunda Federación. Asistiron ao encontro 1.280 espectadores.
Antes de empezar o partido tivo lugar unha merecida homenaxe á ciclista Alejandra Neira. A deportista compostelana realizou un emotivo saque de honra con motivo da súa medalla de ouro na proba de ruta júnior do Campionato do Mundo de Canadá, e a súa medalla de ouro na disciplina de contrarreloxo do Campionato de Europa de Eslovenia. Ambos logros os obtivo hai poucas semanas.



















