-
Os nosos superaron por 0-2 ao Arousa, nun partido moi sólido decidido cun dobrete de Antón Guisande para recuperar o liderado
Vilagarcía, 12 de abril de 2026
Triunfo de moito mérito do Compos na Lomba, 0-2, para recuperar o liderado na liga. Os nosos superaron ao seu rival máis directo nun encontro moi sólido, decidido con dous goles de Antón Guisande na primeira parte. Unha vitoria moi necesaria para recuperar sensacións e superar ao Arousa na táboa.
A pesar das dinámicas das últimas xornadas, o duelo na Lomba comezou cun protagonista claro: a SD Compostela. Os nosos, moi ben plantados sobre o verde, xeraron perigo desde o primeiro minuto, mostrándose superiores ao seu rival.
Avisou Maceira, cun gol anulado; probouno Samu, de falta, pero mandouna fóra por pouco; e tívoa Antón Guisande, pero sacou Chema unha gran man. Tres ocasións, en vinte minutos, que foron o preludio do primeiro gol da tarde, no 26.
Roubou Riki Mangana, Maceira contemporizou antes de mandala ao espazo para Antón Guisande e o atacante, ante o porteiro, picouna para pór o 0-1. Golazo e tolemia nas bancadas, con máis de medio milleiro de afeccionados do Compos.
E tralo gol, o Compos seguiu ao seu. Unai perdoou o segundo, cunha vaselina que se lle escapou por moi pouco, pero o que non o fixo foi, de novo, Antón Guisande. Imperceptible para a defensa local, Guisande enganou ao central deixando pasar o balón entre as pernas, superou a todos en velocidade e plantouse só ante Chema para superalo, esta vez, cun disparo axustado ao primeiro pau. Outro gran gol, o seu oitavo na Liga, e 0-2.
Con esa vantaxe chegouse ao intermedio, tocou frear os ánimos e encarar unha longa segunda metade. Nela, o Arousa, sen complexos, tivo máis o balón e buscou a portería de Álex Cobo, pero o porteiro do Compos estivo imperial unha vez máis.
A máis clara foi un balón ao pau, tras un centro ao segundo pau, aínda que os nosos tamén terían a súa para marcar o terceiro, pero Parapar, que avanzou desde o centro do campo, mandouna arriba cando tiña todo a pracer.
Por iso, o marcador xa non se moveu e os tres puntos fóronse para o bote da SD Compostela. Triunfo vital para os nosos que recuperan o liderado e, ademais, tamén as boas sensacións. Agora, quedan catro finais para conseguir o obxectivo. A próxima fin de semana a primeira delas, na casa, contra o Atlético Coruña Montañeiros.
FICHA TÉCNICA
0 – AROUSA SC: Chema; Pacheco, Tafa Kanthe (C. Torrado, min.32), Samu Santos, Luis Castro (Manu Fernández, min.86); Concheiro, Remeseiro; Lombao (Iñaki Martínez, min.75), Álex Rey, Martín Diz; e Gabri Palmás (Yoel Crespo, min.75).
2 – SD COMPOSTELA: Álex Cobo; Riki Mangana, Diego Uzal, Pablo Crespo, Damián Noya; Samu, Unai (Aarón Martínez, min.83); Parapar (David Rosón, min.83), Antón Guisande (Diego Rodríguez, min.89), Armental (Goris, min.62); e Maceira (Charly, min.83)
GOLES: 0-1: Antón Guisande, min.26; 0-2: Antón Guisande, min.39.
ÁRBITRO: Carlos Martínez (Vigo). Amoestou a Samu Santos, Óscar Pérez (segundo adestrador), Álex Rey e Remeseiro, polo Arousa; e a Secho (adestrador) e Diego Uzal, polo Compos.
INCIDENCIAS: Estadio Municipal da Lomba (Vilagarcía de Arousa). Xornada 30 de Liga do Grupo 1 da Terceira RFEF cun ambiente espectacular nas bancadas. Máis de medio milleiro de espectadores do Compos viaxaron ata Vilagarcía.












