-
O Compos perdeu contra o Marino na primeira xornada de Liga
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2025
A SD Compostela non puido comezar a liga sumando. Os nosos caeron 0-3 ante o Marino de Luanco, nun duelo no que todo saíu cruz.
Debutaba o Compos na Liga no Vero Boquete coa premisa de trasladar as boas sensacións da pretempada á competición. Cun once moi similar ao último duelo estival, no Memorial Antonio Bermúdez, os nosos saltaron ao céspede co obxectivo de meterlle moito ritmo ao encontro, buscando os espazos da defensa asturiana.
Con todo, tras uns primeiros minutos de control compostelanista, o Marino golpeou na primeira que tivo. Marcou Juan Quiros, despois dunha acción rápida tras unha falta.
Non se descompuxo o Compos, que seguiu con continuas internadas por ambas bandas, aínda que sen chegar a finalizar ningunha con perigo. E tras unha delas, os visitantes sacaron unha rápida contra, na que Basurto gañou o esférico na banda, no centro campo, e puxo o gol en bandexa para Guille Cueto, que chegaba desde segunda liña.
O 0-2 foi un xerro de auga fría na calorosa mañá en Compostela, pero os nosos, co apoio do público seguiron insistindo, tentando sortear a presión rival e contrarrestando as continuas faltas do Marino. En todo caso, chegouse con ese resultado ao tempo intermedio.
Á volta dos vestiarios, a contenda seguiu polo mesmo camiño, un Compos dominador ante un Marino repregado. Chegaron os cambios e as ocasións, as mellores nas botas de Teo, primeiro, nun disparo desde a frontal de Ces Cotos, despois, e por último nunha segunda acción de Dani González, pero non era o día.
E o peor chegou cando nunha contra, Samu Pérez, favorecido pola súa propio rexeite, remachou o 0-3 final.
Sen dúbida, non foi o comezo agardado. En todo caso, a mellor maneira de levantar un mal resultado é xogar pronto e este mércores xa haberá un novo partido, na casa, nos dezaseisavos de final da Copa Federación.
FICHA TÉCNICA
0 – SD Compostela: Edu Sousa; Mario Hermo (Armental, min.74), Miguel Prado (Unai Peón, min.74), Diego Uzal, Damián, Manu Rivas; Dani González, Goris (Ces Cotos, min.46); Parapar (Buba, min.54), Antón Guisande e Edu González (Teofilovic, min.54).
3 – Club Marino de Luanco: Dennis; Borja, Mario Sánchez, Guaya, Dailos (A. Menéndez, min.65); Lora, Luisen (Galante, min.79); Guille Cueto (Dacal, min.79), Basurto (Samu Montes, min.68), Samu Pérez; e Juan Quiros (Berto, min.68).
Goles: 0-1: Juan Quiros, min.12; 0-2: Guille Cueto, min.28; 0-3: Samu Pérez, min.81.
Árbitro: Rodrigo Crespo (Castela e León). Amoestou a Goris, Dani González e Antón Guisande; e a Mario Sánchez, Juan Quiros, Samu Pérez e Borja, polo Marino.
Incidencias: Estadio Vero Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 1 de Liga do Grupo 1 da Segunda Federación disputado ante 1.115 espectadores.












