San Lázaro non viu goles por primeira vez na tempada

13 de Novembro de 2016
dsc_0042
Imaxe do encontro entre a SD Compostela e o Órdenes SD, partido patrocinado por Altenex. Foto: Amadeo Rey.

Santiago de Compostela, a 13 de Novembro de 2016.

Non puido ser. A SD Compostela empatou a ceros ante o Órdenes SD, nun partido no que a defensa visitante desarbolou o ataque local, provocando que, por primeira vez na tempada, a bancada santiaguesa non puidese celebrar ningún gol dos seus.

O Órdenes, último clasificado ata a data, saíu moi ben plantado ao terreo de xogo, con dúas liñas de catro moi xuntas, que imposibilitaban ao Compos, combinar por dentro, e que lles permitía aos visitantes saír rapidamente á contra cando conseguían roubar.

Así, no primeiro minuto de xogo, o Órdenes roubou o balón, buscou a Miguel Graña en banda e este correu desde o seu campo ata a liña de fondo, dando un pase da morte que Dominic estampou contra o poste.

Avisaron primeiro os verdes, pero o Compos colleu a batuta ao momento. Comezaron longas posesións que acabaron con centros á área, con resultado dispar. Os dous mellores, un de Mon e outro de Rubén, acabaron en senllos cabezazos de Diego Rey e Nogueira, que Jesús Villar despexou a córner con dous paradóns.

Foron as máis claras para o Compos na primeira metade, xa que Jaime Sánchez decidiu poboar aínda máis o centro do campo coa entrada de César, e isto impediu ao conxunto santiagués combinar con tanta facilidade. De feito, nunha nova contra, Lucas sacaba a relucir os seus reflexos nun man a man contra Monroy.

Á volta dos vestiarios, o Compos saíu máis enchufado, axudado pola entrada de Mitogo e Santi Gegunde. Así, aos cinco minutos da continuación, Jesús Villar volvía sacar un gran balón cos pés, esta vez, tras un remate de Rubén coa dereita desde dentro da área.

Con todo, cando parecía que a situación ía a mellor, Santi Gegunde lesionábase nunha xogada fortuíta, na que Mitogo cae encima do seu nocello. O dianteiro non podía continuar e a SD Compostela, cos tres cambios realizados, quedaba cun xogador menos sobre o céspede.

Esta circunstancia non impediu que o Compos seguise dominando e xerando ocasións. A máis clara, e que puido decantar a balanza polos locais, tivo lugar no minuto 78. Saro percutía pola banda dereita, centraba ao punto de penalti e Nogueira, tirándose en prancha, remataba de cabeza rozando o pau.

Foise o balón e tamén os tres puntos. O cansazo fixo efecto e o empate xa non se movería do marcador. Un punto que amplía a catro a xeira de partidos sen gañar, aínda que clasificatoriamente, o equipo segue na metade de táboa a tan só dous puntos da promoción, unha zona que tentarán asaltar o domingo, en Villalonga.

FICHA TÉCNICA

0- SD COMPOSTELA: Lucas; Saro, Cardeñosa, Taboada, Mon; Make, Alberto (Mitogo, m.45), Julián; Diego Rey (Santi Gegunde, m.45), Rubén (Martín, m.56) e David Nogueira.

0- ÓRDENES SD: Jesús Villar; Alberto López, Capi, Rubén, Pablo Vidal; Alberto Varela (Misik, m.82), Abel; Graña (Óscar Boo, m.64), Aparicio, Dominic (César, m.28) e Monroy.

Árbitro: Pérez Prado, colexio lucense. Amoestou a Cardeñosa e Santi Taboada, por os locais, e a Alberto López e César, por os visitantes.

Incidencias: Partido de Liga disputado no Estadio Municipal de San Lázaro ante 750 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Facebook

17 hours ago

SD Compostela
👋 Boas noites, compostelanistas 🩵🤍🫂 Pechamos esta gran tarde de fútbol coa alegria dos nosos 💪Un equipo que vai a máis! 🙌Samu Rodríguez 🔥#bergancompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

18 hours ago

SD Compostela
🎥 𝐑𝐝𝐏🎙️ 𝐀𝐧𝐭𝐨𝐧 𝐏𝐞𝐫𝐦𝐮𝐲 🗣️ Declaracións de Antón Permuy tralo segundo triunfo seguido dos nosos, noutro derbi, 0️⃣-4️⃣, ante o Bergantiños FC - Escuelas Luis Calvo #bergancompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

20 hours ago

SD Compostela
💪 Choiva de goles nas Eiroas nun partidazo dos nosos✍️ sdcompostela.com/gl/2024/11/10/compos-vitoria-bergan-samu-0-4/0️⃣-4️⃣ no derbi contra o Bergantiños FC - Escuelas Luis Calvo marcado polo hat-trick de Samu Rodríguez 🧤 Decisivo tamén Rabanillo detendo un penalti e deixando a portería a cero por cuarta xornada seguida 📸 Nacho Castaño#bergancompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

21 hours ago

SD Compostela
💪 FINAAAAAAAALL🙌 UN PARTIDO PARA QUITARSE O SOMBREIRO COS NOSOSBergantiños FC - Escuelas Luis Calvo 0️⃣-4️⃣ COMPOS x3 ⚽️ Samu Rodríguez ⚽️ Ocaña💪 QUE TRES PUNTOS!!! SEGUIMOS 🩵🤍#bergancompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

22 hours ago

SD Compostela
⏸️ DESCANSO Bergantiños FC - Escuelas Luis Calvo 0⃣-1️⃣ COMPOS ⚽️ Samu 👉 Boa primeira parte dos nosos nun derbi moi igualado. Decide, polo momento, o penalti parado por Rabanillo e o golazo de Samu#bergancompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.