
Santiago de Compostela, a 22 de Abril de 2017.
A pesar de que o refran di que mentres hai vida, hai esperanza, o empate de hoxe da SD Compostela complica gravemente as súas aspiracións de poder entrar no playoff.
O punto cultivado esta tarde sabe aínda peor, pensando que o Compos foi ao descanso gañando 2-0 e perdeu a vantaxe nunha segunda metade na que o fútbol dos branquiazuis non luciu.
Un tanto de Santi Gegunde e outro de Diego Rey encarrilaron o choque, pero o dobrete de Rober na segunda, cun de cabeza e outro de vaselina, certificaron o resultado final de empate a dous goles.
Sabía o Compos da importancia do partido de hoxe, da necesidade de sumar de tres para enchufarse de novo na carreira polo playoff, á vez que podían meter presión aos seus rivais máis próximos, e por iso saíu a San Lázaro a morder. Apertou desde o primeiro minuto, xerando unha superioridade futbolística que se viu reflectida en innumerables ocasións.
Cando no minuto catorce chegou o primeiro gol local, Rubén xa tivera dúas claras oportunidades que se marcharon por moi pouco. Nese minuto, e tras unha subida de Uña pola banda, chegaría o tanto de Santi Gegunde. O madrileño, que xogou hoxe de lateral, filtraba un pase raso ás costas da defensa que Santi Gegunde empuxaba á rede cun sutil toque coa perna esquerda.
Pese ao tanto, o Compos non deixou de insistir e se non fóra por Cortegoso, a vantaxe ampliaríase nos cinco seguintes minutos, xa que primeiro Mon e despois Rubén atoparían ao meta en senllos remates potentes.
Con todo, no 36, xa non sería capaz de parar o pepinazo de Diego Rey. Mon botou unha falta lateral, despexouna a defensa de cabeza, pero o balón solto caeu na frontal onde o lucense, tras controlar, armou o seu canón para soltar un zambombazo de volea que entrou pola mesma escadra da meta de Cortegoso.
Parecía encarrilado o choque con este resultado ao descanso, pero á volta dos mesmos as cousas empezáronse a torcer moi rápido. Primeiro, Cabrejo retirábase lesionado no primeiro minuto e despois, no cinco, chegaría o tanto visitante que acurtaba distancias.
Nunha falta lateral moi ben botada por Félix, Rober peiteaba o balón de cabeza, o cal botaba na área, daba no pau e íase ao fondo da rede. Un gran remate que metía ao seu equipo no encontro na primeira oportunidade de perigo que xeraban.
Este medo escénico que se xerou puido diluírse se Recoba ou Ube aproveitasen as súas dúas ocasións. O mediapunta mandou arriba unha volea franca no interior da área, mentres que o vigués atopaba os pés do meta nun lanzamento raso desde a frontal. Precisamente, o propio Ube tería que retirarse tamén tocado na seguinte xogada, quedando o Compos sen máis cambios para a última media hora.
E como a can fraco, todo son pulgas; tras non anotar Santi de tacón un centro medido de Martín, o Choco empataría a contenda. Balón que quedou morto en tres cuartos, Óscar levantaba o balón para a aparición de Rober desde a dereita e este, con moita sangue fría, batía a Lucas cunha sensacional vaselina.
Quedaban dez minutos e tocaba remar de novo. O Compos volveu apertar e ben se puido levar os tres puntos se o centro de Santi no contraataque do 81 atopase rematador, ou se ben o propio Santi anotase co seu lanzamento do 88 que despexou Cortegoso cos pés.
Con todo, non houbo maneira e o marcador quedou como estaba. Un punto que non vale de moito e o Compos, como dixo Yago Iglesias en rolda de prensa, que queda sen apenas opcións de loitar polo playoff. Tocará levantar cabeza e pensar neste proxecto montado a medio e longo prazo. Os cimentos están botados e hai que confiar porque esta xente pode lograr grandes fazañas.
FICHA TÉCNICA
2- SD Compostela: Lucas; Uña, Cardeñosa, Taboada, Cabrejo (Make, m47); Ube (Martín, m.66), Mon; Diego Rey, Recoba, Rubén (Saro, m.59); e Santi Gegunde.
2- CD Choco: Cortegoso; Javi, Muíños, Lucas, Gándara; Alberto Suárez (Gabi Misa, m.53), Caloi; Marquitos (Félix, m.46), Comis (Ricar, m.70), Rober; e Óscar.
Goles: 1-0: Santi Gegunde, min.14; 2-0: Diego Rey, min.37; 2-1: Rober, min.50; 2-2: Rober, min.77.
Árbitro: López Fernández, colexio lucense. Amoestou a Cabrejo, Taboada, Uña, Recoba e Cardeñosa, polos locais; e a Lucas, Muíños e Cortegoso, polos visitantes.
Incidencias: Partido da trixésimo quinta xornada de liga de Terceira División disputado no Estadio de San Lázaro ante 580 espectadores.