Vitoria para cerrar o curso

13 de Maio de 2017
Mon controla o balón no primeiro tempo. Foto: Amadeo Rey.
Mon controla o balón no primeiro tempo. Foto: Amadeo Rey.

Santiago de Compostela, a 13 de Maio de 2017.

A SD Compostela 2016/17 puxo hoxe en Barbadás fin a un ano de transición co cuarto triunfo lonxe de San Lázaro. Os mozos de Yago Iglesias souberon adaptarse a un campo cunhas condicións moi diferentes ás do feudo santiagués e sumaron tres puntos máis para chegar aos 62.

Nunha tarde chuviosa, os branquiazuis remontaron o tanto inicial dos ourensáns, con senllos goles de Cardeñosa e Samu, nun intervalo de tan só cinco minutos, do 55 ao 60.

Cunha aliñación na que saían dous dianteiros centros, como Nogueira e Santi, o Compos buscou nos Carrís sacar os tres puntos a base de dominar o encontro, o cal non foi unha tarefa nada sinxela.

A falta de práctica nun campo con estas condicións provocou que os branquiazuis tivesen problemas para enlazar xogadas. Así, quedaron uns primeiros 45 minutos de escasas xogadas de perigo. Con todo, á volta dos vestiarios, todo cambiou a partir do gol local.

Nada máis saltar ao terreo de xogo, Igor adiantaba aos seus cun croque a un centro lateral.

Con todo, este tanto espoleou aos composteláns, que sacaron todo o seu arsenal para dobregar ao conxunto local. Con máis acerto no pase chegaron máis achegamentos e deles apareceron as ocasións e os goles.

No 55, tras un córner botado por Mon, Cardeñosa demostraba o seu poderío aéreo, para impoñerse á zaga azulona e poñer as táboas no marcador. E sen tempo para asumilo, xa chegou o segundo, o da remontada. Diego Rey deixaba nunha posición franca a Samu e o mediocentro a colacaba ao pau longo, facendo imposible calquera intento de Berto por parala.

Con todo, cando mellor estaba o Compos, unha nova acción cambiaría a senda do partido. O colexiado sinalou un penalti de Ander a un xogador local, pero Lorenzo aparecería como o salvador dos santiagueses. Berto, o meta local, sería o encargado de executar a pena máxima, lanzando o balón á beira dereita de Loren, pero o cancerbeiro branquiazul acertaría o lado e despexaríaa. Con esta parada, contrarrestou a ocasión máis clara visitante e abriu un período de vinte minutos de control santiagués.

Un minuto despois do penalti, Nogueira non foi capaz de acertar nun man a man con Berto e dous máis tarde a Diego Rey escapábaselle un control cando quedaba só contra o porteiro. No últimos dez minutos, Martín aínda tería outra opción, pero o resultado xa non se moveu.

Gran forma de pechar unha tempada, provocando unha ilusión na afección xa que estes xogadores, que tiveron unha clara progresión durante o ano, conformarán o bloque que leve ao Compos onde se merece, nas próximas tempadas. Todos desexamos que esta vitoria sexa unha premonición para o que veña no futuro.

FICHA TÉCNICA

1- UD Barbadás: Berto; Iago (Martín, m.71), Lamelas (Bruno, m.76), Germán, Geno; Cassio, Luís; Nespereira (Camba, m.82), Rodrigo, Alfredo; e Igor.

2- SD Compostela: Lorenzo, Saro, David Rey (Ander, m.55), Cardeñosa, Cabrejo; Samu, Mon, Make; Diego Rey (Martín, m.78), Nogueira (Rubén, m.78) e Santi Gegunde.

Goles: 1-0: Igor, min.46; 1-1: Cardeñosa, min.51; 1-2: Samu, min.58.

Árbitro: Abel Bruzos, comité lucense. Amoestou a Martín polos locais; e a Ander, Cardeñosa, Rubén e Mon, polos visitantes.

Incidencias: Partido da trixésimo oitava, e última xornada de Liga, disputado no campo dos Carrís (Barbadás) ante 300 especadores. Antes do encontro, ambos os equipos fixeron un corredor ao Valenzá, filial dos azuis, polo seu ascenso á 1ª Rexional.

Youtube

Instagram Compos

Facebook

2 days ago

SD Compostela
𝐑𝐝𝐏 Previa 🆚 RS Gimnástica🎥 𝐀𝐧𝐭𝐨́𝐧 𝐏𝐞𝐫𝐦𝐮𝐲 | 𝐏𝐚𝐛𝐥𝐨 𝐂𝐫𝐞𝐬𝐩𝐨 🗣️ Adestrador e xogador analizaron o encontro deste domingo no Malecón⚽️ Falaron do estado do equipo, da dificultade da saída e das claves para seguir coa boa dinámica#rsgcompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

3 days ago

SD Compostela
⏰ HORARIO confirmado para o último encontro da 1ª Volta na nosa casa 🩵🤍x16 🆚 Real Ávila CF 🏟️ Vero Boquete🗓️ Domingo, 15 de decembro🕔 17.00 horas🎅 Patrocinado por Centro Comercial As Cancelas🎁🎄 Cada Abonado maior de 16 anos, pode retirar ONLINE (só por esta vía) unha invitación de balde para a súa mesma zona para este partido*🎟️ O Abono de Media Tempada inclúe este partidazo ✍️ sdcompostela.compralaentrada.com/* Non inclúe gastos de xestión (1€)#composrealávila ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 days ago

SD Compostela
🩵🤍 Lanzada a Campaña de Abonos de Media Tempada da SD Compostela🎯 Obxectivo 3.000 abonos🤝 Prezos incribles🔟 partidos (9 da 2ª Volta e o último da 1ª)💻 Abónate online aquí👉 sdcompostela.compralaentrada.com/🙌 Toda a ℹ️ 👉 sdcompostela.com/gl/2024/12/02/campana-abonos-media-tempada-24-25/#quérotecompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.