
-
O extremo ovetense renova có Compos ata xuño de 2018.
Santiago de Compostela, a 3 de Xuño de 2017.
Unha bala para a banda. Diego Rey Fernández, alias ‘Moto GP’ acaba de comprometerse un ano máis coa SD Compostela. O extremo, máximo goleador do Compos a tempada pasada, amplía, desta forma, o seu contrato ata xuño de 2018.
Diego chegou o curso pasado á entidade branquiazul para vivir unha segunda etapa, logo do seu paso no curso 2013-14, na Segunda División B. Precisamente desa categoría, fichaba o xogador, tras un ano no Somozas no que tivo un protagonismo menor do esperado.
No Compos de Terceira, Diego Rey foi un dos xogadores máis utilizados por Yago Iglesias. Comezou de titular, aínda que o seu rendemento estivo minguado por unhas molestias musculares que non lle permitían dar o 100%. Nesa parte do campionato, xogaría 14 partidos, nos que anotou dous tantos.
Con todo, á volta das vacacións, a minipretemporada realizada polo plantel santiagués permitiulle coller o punto físico idóneo, realizando unha segunda parte do ano estratosférica. Participou en todas as xornadas da segunda volta, menos en dúas, e en todas elas partiu de titular. Ademais, anotou un total de 8 goles neste tramo, converténdose con 10 en total, no máximo goleador do equipo.
Coa súa renovación, o Compos asegura a un home de banda que lle achegará moito desequilibrio, velocidade, asistencias e mesmo gol, se mantén o rendemento deste último ano. Convértese tamén no primeiro xogador de banda para a tempada 2017-18, dos oito futbolistas que xa se comprometeron coa escuadra branquiazul.