- O tanto de Uña de cabeza tras unha falta lateral foi suficiente para lograr os tres puntos.
- Vitoria importantísima do Compos no difícil campo dos Carrís por segundo ano consecutivo.
Santiago de Compostela, a 23 de setembro de 2017.
Regresa a felicidade a terras compostelás. Tras dúas derrotas consecutivas, a SD Compostela recuperou a senda do triunfo no difícil campo dos Carrís nun partido moi serio por parte dos xogadores de Yago Iglesias. Un tanto de Uña, na segunda metade, permitiu aos branquiazuis volver sumar de tres, mentres que o Barbadás perdeu a súa imbatibilidade na súa casa.
O cabezazo de Uña tras unha falta lateral permite unha vitoria balsámica a un Compos que este ano xa suma seis puntos como visitante e doce en total, para igualar no alto da táboa ao Bergantiños e Silva, iso si, cun partido máis.
Os nosos saíron ao campo dos Carrís sabendo que tiñan ante si un gran reto, recuperar as boas sensacións do inicio ligueiro e non perder corda na táboa. Para iso, a tarefa era complicada, xa que se enfrontaban a un conxunto moi sólido no seu terreo de xogo. Con todo, coa confianza que lles deu a vitoria o pasado curso neste mesmo campo, o partido afrontouse con maior calma.
Así, na primeira metade, vimos un xogo moito máis controlado por ambas as partes. Ambos os equipos non querían deixar espazos atras por arriscar arriba e, deste xeito, víronse uns 45 primeiros minutos de escasas ocasións.
Polos locais podemos contabilizar un remate de Calzado no primeiro pau, á saída dunha falta lateral, que se foi por pouco, e unha contra rematada arriba por Caique, tras unha gran asistencia de Cabanyes. Mentres, o Compos tivo o primeiro nun man a man de Rubén, pero o extremo non foi capaz de superar a Rui.
Á volta dos vestiarios, a SD Compostela, convencida de que podían dominar aínda máis o encontro, deu un paso seguro cara a adiante que ao cabo sería decisivo. No primeiro cuarto de hora desta metade, os visitantes puideron adiantarse en varias ocasións.
Róber mandaba un balón ao traveseiro despois dunha gran xogada persoal; Casas atopaba ao porteiro local nun tiro desde dentro da área; e Samu enviaba o esférico rozando o traveseiro tras un zambombazo desde 30 metros.
Perdoaron tres, pero aproveitaron a cuarta. Precisamente Samu, que repetiu unha gran actuación no centro do campo, colgaba o balón desde un lateral para que Uña, soberbio por arriba, rematase de cabeza cara ao segundo pau, entrando o balón por toda a escadra. Unha xogada a balón parado sacada e rematada á perfección para adiantar aos nosos.
Co tanto, os branquiazuis volveron a replegarse, defendendo con eficiencia a portería de Lorenzo. Un equipo sólido que non viu perigar a súa meta e que aínda puido aumentar a renda nos últimos instantes, pero Santi Gegunde non foi capaz de superar a Rui no man a man.
Aínda así, non foi necesario aproveitar esta ocasión, xa que os tres puntos viaxaron para Santiago. Unha vitoria crucial para recuperar as boas sensacións, demostrar que o equipo fóra de casa mantén o gran nivel mostrado en San Lázaro e manterse no alto da táboa. Con vitorias como esta, o soño do equipo é posible. Toca xa pensar, desde o alto, na próximo fin de semana contra o Bergantiños.
FICHA TÉCNICA
0- UD Barbadás: Rui; Iago (Torres, m.73), Quintairos, Calzado, Toni; Juanito, Titi Sanz; Helder (Rivero, m.67), Caique, Ilyes; y Cabanyes (Marcos, m.73).
1- SD Compostela: Lorenzo; Saro, Cardeñosa, Uña, Mon; Casas, Samu; Rober (Sergio Pereira, m.88), Alex Ares (Alberto, m.82), Rubén (Sobrido, m.72); y Santi Gegunde.
Goles: 0-1: Uña; min.65.
Árbitro: López Parga, comité lucense. Amoestou a Juanito e Toni, polos locais, e a Uña e Mon, polos visitantes.
Incidencias: Partido da sexta xornada de Terceira División disputado no campo dos Carrís ante 400 espectadores. Boa presenza de afeccionados santiagueses.