-
A SD Compostela superou con claridade ao Boiro nun partido que dominou desde o principio.
-
Primo por partida dobre e Santi Gegunde foron os goleadores dos branquiazuis.
Santiago de Compostela, a 4 de Febreiro de 2018.
Acábanse os calificativos para esta SD Compostela. Unha vez máis, os branquiazuis demostraron a calidade que atesouran nun duelo moi complicado e superaron por 1-3 ao CD Boiro. Con esta son xa nove vitorias consecutivas as que suma un Compos que segue liderando con man dura a clasificación da Terceira.
Primo na primeira acción de perigo e a mediados da segunda metade e Santi ao comezo da continuación foron os artífices dunha vitoria que maquillou Cano desde o punto de penalti nos últimos instantes do partido.
Ante outro rival de entidade, a SD Compostela mostrou a súa identidade de xogo desde o inicio, unha marca futbolística que permite aos nosos avanzar con paso firme na categoría. Esta forma de xogar vese referendada ademais pola claridade de cara a gol dos branquiazuis e iso é algo que no Municipal de Barraña se perpetrou antes do minuto 5.
Nunha acción de presión adiantada dos xogadores dirixidos hoxe de novo por Yago Iglesias, Primo rebañou o esférico, regateou ao porteiro Juan de Castro e case sen ángulo conseguiu perforar a rede do campo do Barbanza.
O tanto foi todo un impulso de moral para as ideas dun Compos que dominou a pracer os primeiros 45 minutos. Sen achegamentos claros, fóra dun cabezazo dun xogador local que se marchou fóra, os santiagueses estiveron moi tranquilos sobre o campo e así se marcharon aos vestiarios.
Á volta dos mesmos, a sorte volveuse a repetir. Quizais axudados por un quecemento previo dirixido por Álex Otero, os branquiazuis anotarían o segundo aos dous minutos da continuación.
Desde o centro buscouse a internada de Primo, o cántabro cedeuna para Santi e o dianteiro, tras deixar sentado ao porteiro cun precioso caneo, marcou ao fondo da rede coa súa perna esquerda.
O segundo tanto visitante fixo reaccionar aos locais que coa axuda da bancada comezaron a merodear en máis ocasións a área de Lucas. A máis clara nestes instantes chegou nunha acción individual de Miki, quen regateou a varios adversarios e mesmo a Lucas, pero Saro reaccionou a tempo para despexarlle o balón a córner.
Non sería a única, xa que Lucas volveu intervir nun disparo a pracer de Pillado tras penetrar por banda dereita. Con todo, a reacción local viuse dificultada tras a expulsión por dobre amarela de Remeseiro. O mediapunta deixouse caer na área e o árbitro sacoulle o segundo cartón.
Non se fixo agardar a resposta do Compos, xa que primeiro Álex Ares faría lucirse a un gran Juan de Castro nun fenomenal lanzamento de falta, pero o porteiro local xa non puido facer nada no golazo da tarde.
Unha combinación magnífica, con deixada de tacón de Mon e pase da morte de Róber, permitiu a Primo anotar o seu segundo tanto e o terceiro dun Compos que pechou así o partido.
Con todo, os locais recortarían distancias desde o once metros, evitando así que o Compos igualase o goal average. Cano foi o encargado de executar o lanzamento desde a pena máxima, enganando a Lucas.
Con este resultado final pecharíase o partido nun Municipal de Barraña que luciu unha espectacular entrada, cunha gran afluencia de público santiagués. Con esta gran axuda, o Compos volve sumar de tres e segue lanzado no alto de táboa con 57 puntos. Suma xa nove vitorias consecutivas e xa pensa no partido da semana que vén contra a UD Barbadás, no regreso ao fortín de San Lázaro.
FICHA TÉCNICA:
1- CD Boiro: Juan de Castro; Javi Otero, Pibe, Caridade (Sandro, m.75), Fajardo; Pablo Rubio (Herbert, m.61), Pillado; Cano, Remeseiro, Alberto Liñán (Yahvé, m.75); e Miki.
3- SD Compostela: Lucas; Saro, Cardeñosa, Álvaro Casas, Naveira; Tomás, Mon; Álex Ares, Santi (Diego Rei, m.70), Róber (Samu, m.83); e Primo (Sobrido, m.78).
Goles: 0-1: Primo, min.4; 0-2: Santi, min.47; 0-3: Primo, min.76; 1-3: Cano, min.86.
Árbitro: Castro Alarcón, colexio coruñés. Expulsou ao xogador local Marcos Remeseiro (m.61) por dobre amarela. Amoestou a Cano, polos locais, e a Primo, Róber, Santi, Tomás e Naveira, polos visitantes.
Incidencias: Partido da décimo cuarta xornada de Liga de Terceira División disputado no Munipal de Barraña ante 950 espectadores.