[cs_video column_size=”1/1″ video_url=”https://youtu.be/9dU_NuF1LK0″ video_width=”500″ video_height=”250″][/cs_video]
-
Yago Iglesias está encantado coa gran resposta da afección para viaxar a Salamanca
Santiago de Compostela, a 15 de Xuño de 2018.
O gran reto está cada vez máis preto. Á SD Compostela só lle falta un paso para lograr o soño do ascenso, pero para iso deberá superar ao CF Salmantino UDS na Final do Playoff de Ascenso á Segunda B, unha eliminatoria igualada, disputada en dous campos históricos, e da que unicamente poderá saír un vencedor.
Este domingo, ás 12.00 horas, o Estadio Helmántico vivirá a primeira parte deste gran duelo nun escenario emblemático e con dúas afeccións que encherán o campo, xa que á gran masa local unirase uns 450 afeccionados santiagueses que se sumaron ao gran desembarco branquiazul en Salamanca.
“É fantástico que veña tanta xente. Levamos toda a semana lembrando o do domingo pasado e que se somen tantas persoas para viaxar a Salamanca é moi importante para nós”, sinalou Yago Iglesias en rolda de prensa. Do mesmo xeito que dixeron os xogadores ao longo da semana, un dos aspectos máis positivos do rival era a proximidade entre cidades e xa se empeza a notar. “Somos dous clubs similares, hai un irmandade entre afeccións e será moi bonito, polo que só nos queda facer un gran partido e que a xente goce”, explicou o técnico.
Sen dúbida, a alegría lograda tras a gran remontada ante o Terrassa FC axuda moito a todos, pero isto é xa pasado e hai que pensar no que queda por diante. “O fútbol non che permite un descanso, tivemos o luns e martes para saborealo, pero a partir do mércores xa temos a mente posta no noso novo rival”, argumentou. Con todo, esa enerxía positiva permítelles “ter un pouso para afrontar, con máis ilusión aínda, esta última eliminatoria”, dixo Yago.
Aínda así, estas condicións tamén as viviu o equipo local, logo de lograr o pase á final na prórroga contra o Mutilvera. “Os dous vimos dunha situación parella, porque tiñamos que remontar, polo que é unha experiencia que queda aí e que nos serve de punto de partida para volver repetilo en dez días e que sexa xa definitivo”, comentou o adestrador.
Para chegar a ese obxectivo, o corpo técnico e xogadores saben que será unha eliminatoria longa, na que buscarán volver vivos a San Lázaro, “para darlle a estocada aquí”.
En canto ao rival, Yago expresou as súas conclusións tras visualizar varios partidos dos charros. “Son un rival que non lle perde nunca a cara ao encontro, non só no playoff, senón tamén na tempada, clasificándose nas dúas últimas xornadas. Despois, levan os partidos ata ao final, porque explotan moito o potencial físico da súa dianteira, con xente como Murci, Garban ou Ortiz, que son moi bos no un contra un e marcan as diferenzas na área”, analizou o ribeirense.
Con isto, Yago considéraos como “un gran equipo, que son os que mellor fixeron as cousas e por iso están aquí”. Ademais, engadiu que son o óso máis duro deste playoff, tanto polo seu potencial, como polo aspecto anímico. Precisamente, respecto do último, o técnico ten a dúbida de como afrontará o equipo este primeiro duelo. “Non deixamos de ser un club modesto, que non estamos afeitos a tanta afección en contra, polo que será moi importante que se desprace moita xente de Santiago e que se faga notar por encima dos seus”, destacou.
Con todo, tamén saben, aínda que cambiaron dúas veces de adestrador e iso dificulta o traballo, que non se senten cómodos cando o rival é vertical e lles obriga a correr para atrás, “sobre todo polas dimensións do campo”.
Así, buscando destacar as fortalezas propias por encima das debilidades, Yago leva aos 20 xogadores, tanto para poder elixir os que mellor se adapten á súa formulación, como para “gozar desta experiencia, porque estas convivencias tamén forman parte do premio”. Elixirá aos máis convenientes para conseguir ser o Compostela ao longo do ano.
Os xogadores darán o 100 % e a gran afección desprazada a Salamanca animará desde o minuto uno ata o último segundo. O obxectivo está claro: asentar a primeira pedra neste último paso para lograr un soño, o ascenso.