Vitoria de garra para seguir no máis alto

9 de Setembro de 2018
Aythami celebrando o seu gol no partido. Foto: Amadeo Rey.
Aythami celebrando o seu gol no partido. Foto: Amadeo Rey.
  • Os branquiazuis superaron ao Alondras por 2-3, con tres tantos na primeira metade do encontro

Santiago de Compostela, a 9 de setembro de 2018.

O Compostela segue enrachado neste comezo de tempada. Os branquiazuis, na súa primeira saída do campionato, conseguiron superar a todo un Alondras nun partido no que o tres goles anotados no primeiro tempo foron decisivos. Terceira vitoria noutros tantos partidos para manterse no máis alto da clasificación.

Brais Abelenda adiantou aos branquiazuis ao cuarto de hora nunha xogada de estratexia, Jonás empatou nun córner, pero Aythami e Miki puxeron o 1-3 antes do descanso. Champi anotou ao pouco de iniciarse o segundo acto, pero o marcador xa non se movería ante un Compos moi ben plantado defensivamente.

Como avisou Yago na previa, o Alondras é un equipo que imprime moita intensidade ao seu xogo, sobre todo de local, e así o demostrou nos primeiros minutos do partido. Tentou inquietar desde un inicio e avisou cun cabezazo de Iván Pérez desde a frontal que saíu bombeado e pegou na parte superior do traveseiro.

Con todo, aos poucos, os branquiazuis fóronse apropiando do encontro. Tentárono cun cabezazo de Aythami, primeiro, e un disparo de Brais Abelenda, despois, e de tanto insistir acabaría chegando o tanto. Nunha xogada de estratexia, Miki pasou por encima do balón para abrir a defensa, Álex Ares colgouna ao segundo pau á perfección e aí apareceu Brais Abelenda para, só de marca, remachar o balón de cabeza ao fondo da rede.

Pese ao tanto, o cadro local reaccionou rápido e noutra xogada a balón parado logrou o empate momentáneo. Iván Pérez colgou o córner ao momento de penalti onde Jonás, alzándose por encima do resto, rematou de cabeza a gol, nunha acción na que o dianteiro tivo un chisco de sorte xa que o balón golpeou no poste antes de entrar.

As adversidades xuntáronse nun cadro branquiazul que viu tamén como Álex Ares se tivo que retirar do campo con molestias. Pero, a pesar diso, os nosos revertiron a situación no minuto 27 cunha obra de arte de Aythami. A punta canario recibiu na frontal, foise do central co mesmo control e definiu de primeiras cun punteirazo que se coou entre as pernas de Nucho. Un auténtico golazo para deixar claro que segue en refacho.

E ao cinco minutos, chegou o terceiro. Brais Abelenda correu ao espazo e chegou ao balón antes que o porteiro, aguantoulle e serviu un balón perfecto ao segundo pau para que Miki, máis rápido que o seu lateral, empuxase o esférico ao fondo das mallas.

Antes do intermedio, un aguerrido Alondras aínda puido acurtar diferenzas, pero nesta ocasión, o zurdazo potente de Pardavila saíu repelido polo poste da meta de Lorenzo. Non o conseguiu antes de irse aos vestiarios, pero si á volta. Mauro entrou ao campo para revolucionar o choque e na súa primeira acción regateou en banda ao lateral e puxo o esférico ao segundo pau, onde Champi rematou ben de cabeza para superar a Lorenzo e acurtar diferenzas no luminoso.

O segundo tanto espoleou a un equipo local que cos cambios tentou ter a posesión do balón e xerar perigo a través dela. O primeiro conseguiuno, xa que o Compos non foi capaz de aguantar a pelota nos seus pés, pero os nosos, plantados defensivamente á perfección non deixaron ningunha vía de escape que lle permitise ao equipo local chegar á portería de Lorenzo con perigo.

De feito, a única oportunidade en todos estes minutos foi unha contra dos santiagueses na que Brais Abelenda gañoulle a partida a Varela, pero cando cargaba a perna para marcar, caeu no forcexeo co lateral. A colexiada, moi ben situada, decidiu que o contacto non fora suficiente para pitar penalti e a ocasión esfumouse.

Así, o partido chegou ao seu final e o Compos puido saborear a terceira vitoria da tempada para manterse no alto da clasificación. Segundo triunfo lonxe de San Lázaro e este mércores vivirán outro desprazamento, na viaxe a Cataluña para medirse ao Lleida Esportiu na segunda rolda da Copa do Rei. Esta nova ‘semana de Champions’ iniciouse da mellor maneira posible.

FICHA TÉCNICA:

2- Alondras CF: Nucho; Varela, Agujetas, Aitor (Yavhé, m.53), Pablo García; Abel, Champi, Iván Pérez; Álex Rey (Mauro, m.46), Pardavila (Lezcano, m.79) e Jonás.

3- SD Compostela: Lorenzo; Sergio Pereira, Álvaro Casas, Piscu, Naveira; Mon (David Uña, m.58), Marcos Remeseiro; Miki, Álex Ares (Santi, m.26), Brais Abelenda; e Aythami (Ube, m.71).

Goles: 0-1: Brais Abelenda, min.14; 1-1: Jonás, min.19; 1-2: Aythami, min.27; 1-3: Miki, min.32; 2-3: Champi, min.49.

Árbitro: Casal Fernández, colexio vigués. Amoestou a Yavhé e Abel, polos locais, e a Álvaro Casas, Mon e Santi, polos visitantes.

Incidencias: Partido da terceira xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no campo de fútbol do Morrazo ante 600 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Flickr Amadeo Rey

  • COMPOSTELA- 3 AVILES- 1
  • COMPOSTELA- 3 AVILES- 1
  • COMPOSTELA- 3 AVILES- 1
  • COMPOSTELA- 3 AVILES- 1
  • COMPOSTELA- 3 AVILES- 1
  • COMPOSTELA- 3 AVILES- 1

Instagram Canteira

Twitter Canteira

Facebook

2 days ago

SD Compostela
👏 @samurodriguez14, #JugadorCincoEstrellas da SD Compostela 23.24 🩵🤍🏆 O capitán, cos votos da afección en Twitter, foi elixido como o xogador máis destacado da tempada, logo de ser fundamental na segunda volta🤝 @futbolmahou 🍻 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
Hoxe temos de aniversario ao noso míster 🩵🤍🎂 Moitos parabéns, Antón!🙌 Que veña un ano cheo de éxitos e que os desfrutemos xuntos! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

3 days ago

SD Compostela
Nova SEDE dos Campus Xacobeos! Prezo subvencionado para os empadroados en O Pino e Touro grazas ao noso patrocinador Proxecto Touro - Cobre San Rafael#CampusXacobeosOs 𝐦𝐞𝐥𝐥𝐨𝐫𝐞𝐬 𝐂𝐚𝐦𝐩𝐮𝐬, os do 𝐂𝐨𝐦𝐩𝐨𝐬 🩵🤍🙌🏻 Nova sede! Desta vez en 𝐓𝐨𝐮𝐫𝐨, do 8-19 de Xullo!🤝 Grazas a @cobresanrafael, os/as nenos/as empadroados en Touro e O Pino pagarán 30€ polas 2 semanas do #CampusXacobeos✍🏻 Inscríbete na ligazón da nosa bio! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

3 days ago

SD Compostela
Hoxe está de aniversario o noso capitán e candidato ao #JugadorCincoEstrellas, Samuel Rodriguez Noya 🩵🤍🎂 Moitos parabéns, Samu! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.