Rodri non continuará como adestrador do primeiro equipo

23 de Maio de 2022
  • O club agradécelle o labor realizado e o seu compromiso co Compos

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2022

A SD Compostela decidiu que Rodri Veiga non continúe como adestrador do primeiro equipo a próxima tempada. A mala dinámica de resultados dos últimos meses, cunha moi mala segunda volta, e o ambiente enrarecido dos últimos partidos levaron ao club para tomar esta dolorosa decisión.

Tras analizar a campaña realizada polo equipo na Segunda RFEF, tanto desde a dirección deportiva como tamén no seo da xunta directiva, hai unha opinión unánime de que o bo traballo no día a día que se estaba levando a cabo desde o corpo técnico só tivo reflexo na primeira metade de tempada, na que se lograron uns números de campión, pero desvaneceuse por completo en toda a segunda volta.

Para tomar esta dolorosa decisión, xunta directiva e o director deportivo tiveron unha longa reunión durante esta semana, un encontro no que acordaron trasladarlle ao adestrador do primeiro equipo a súa decisión de que non continúe no posto a próxima tempada. Dita decisión foi comunicada ao técnico na tarde do venres, nunha reunión na que imperou a cordialidade, o bo ambiente e a tristeza que se desprendía de todas as opinións.

Rodri expresou o seu pesar por non poder devolverlle ao club o que este lle deu, pero entendeu a decisión e mesmo expresou que seguro que era o mellor para todos.

Rodri deixa o cargo como un auténtico cabaleiro, exactamente igual que o tomou hai case un ano. Deste xeito, dixo sentirse un compostelanista para sempre e trasladou a súa intención de seguir botando unha man á entidade. Por iso, xunta directiva e director deportivo trasladáronlle a súa intención de querer buscarlle un espazo de traballo dentro do club.

Aínda que está por definir a devandita área, esta permitiralle seguir axudando ao Compos da súa vida, man a man con Manuel Castiñeiras, posiblemente atendendo a secretaría técnica e o scouting do club.

Así mesmo, desde o club só queda darlle as grazas a Rodri por este duro ano de traballo e desexarlle o mellor nos seus novos proxectos e labores.

Youtube

Instagram Compos

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.