Derrota tras once xornadas nunha tarde na que non saíu nada

28 de Xaneiro de 2023
Antas vs Burgos
Damián vs Burgos Promesas
Casas vs Burgos Promesas
  • O Compos tivo infinidade de ocasións na segunda parte, incluso un penalti, pero non foi capaz de acertar co arco

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2023

Nunha tarde na que non lle saíu nada, o Compos caeu tras once xornadas sen perder. Os nosos tiveron ocasións dabondo para darlle a volta ao marcador, incluso un penalti no desconto, pero non houbo fortuna de cara á portería rival e os puntos quedaron en Burgos. Decidiu o único gol de Jesús, ao pouco de arrincar.

Na Cidade Deportiva de Castañares, a SD Compostela buscaba recuperar sensacións en liga, tras dous empates consecutivos. Cun once moi similar ao domingo pasado, coa única novidade de Cano por Samu, na punta do rombo da medular, os nosos querían os primeiros tres puntos da segunda volta.

Con esta premisa, arrincaron moi concentrados os nosos, dominando o choque a través do balón, ante un rival repregado. Os branquiazuis tentárono de inicio con varios centros laterais, pero, precisamente, sería este recurso o que lle permitiu adiantarse aos locais.

Corría o minuto once cando un balón colgado desde o costado esquerdo cabeceábao, no punto de penalti, Jesús, coa sorte de que a pelota golpeaba en Damián, cambiando a traxectoria do mesmo e acabando no fondo da rede.

O peor dos escenarios presentábase entón para os branquiazuis, que tiñan que remar ao contraxeito contra un rival ben asentado en bloque baixo. Con vantaxe, o Burgos deu un paso atrás e o Compos dous adiante, pero non era quen de atopar a vía para conseguir algún remate claro, a pesar de roldar a área rival.

Por iso, a pesar dos intentos branquiazuis, non houbo ocasións claras e chegouse ao intermedio coa vantaxe local pola mínima.

Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas, a contenda seguiu pola mesma liña, aínda que a insistencia dos compostelanistas provocou que comezasen a producir xogadas de perigo real.

No 58, teríaa Darío para o empate, despois de roubarlle a carteira ao último home, pero con todo a favor e no man a man, tentou a vaselina e a pelota escapóuselle por encima do traveseiro. E seis máis tarde, Allyson, recentemente entrado ao campo, tampouco puido aproveitar un centro de Roque para pór as táboas. O dianteiro brasileiro rematou na área pequena, pero, o seu testarazo saíu rozando o pau.

Cun Compos metido en campo rival, responderon os locais cunha contra na que Pato sacou un pé espectacular para despexar o tiro de Jesús.

En todo caso, máis aló dese susto, a contenda estaba orientada cara á portaría do Burgos e comezou o acoso e derribo branquiazul.

Marcou Fer Beltrán, no 69, pero o colexiado sinalou un axustado fóra de xogo, por posición adiantada do mediocentro tras a peiteada de Allyson, na súa última achega antes de notar unha picada no adutor e pedir o cambio.

Seis máis tarde tentaríao de novo Darío, ao cazar unha pelota solta na área, pero desde dentro, topouse cun defensa e foise a córner. E na seguinte xogada, lanzamento ao traveseiro de Parapar, que non entrou por milímetros, e no rexeite, novamente tanto anulado aos nosos, por fóra de xogo, precisamente, de Darío.

Entrou mesmo Roi ao campo e nada máis facelo teríaa nas súas botas, pero disparou cruzado desde o borde da área.

Con iso entrouse no fatídico desconto no que chegaría a máis clara, despois dun penalti por mans nunha barreira. Samu encargouse de executalo baixo a nevada que caía no campo, buscou o tiro axustado ao poste dereito da portería, pero Óscar voou para sacala abaixo.

Por tanto, non houbo fortuna nin capacidade para remontar o encontro. Derrota 1-0, tras once xornadas sen perder. Tocará seguir traballando, levantar a cabeza e tentar tomar a velocidade de cruceiro da primeira volta. O vindeiro domingo, un novo derbi, na casa, contra o Ourense, oportunidade ideal para relanzarse.

FICHA TÉCNICA

1- BURGOS PROMESAS: Óscar López; Vertiz, Iván Martínez, A. Marcos, Tito Peralta, Pol Bassa (Román, m.87); Jesús, Marcos Gil, Marino (Hassane, m.83); Lucas (Óscar, m.78) e López-Pinto (Javi, m.78).

0- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Riki Mangana (Samu, m.61), Álvaro Casas, Pablo Crespo, Damián; Pablo Antas, Roque, Fer Beltrán, Cano (Allyson, m.61 (Parapar, m.72); Mario Rodríguez (Roi Rama, m.79) e Darío.

GOLES: 1-0: Jesús, min.11.

ÁRBITRO: Casabona Isla (Navarra). Expulsou a  A. Marcos (m.93), por dobre amarela. Ademais, amoestou a Hassane, polo Burgos Promesas; e a Pablo Antas, polo Compos.

INCIDENCIAS: Cidade Deportiva de Castañares 2 (Burgos). Xornada 19 do Grupo 1 da Segunda RFEF.

 

Flickr


Youtube

Instagram Compos

Facebook

2 hours ago

SD Compostela
🔚 FINAALDeportivo Alavés B 1️⃣-1️⃣ COMPOSValioso punto dos nosos nun campo tremendamente complicado🤯🖐️Edu Sousa foi clave parando un penalti co partido 1-1 no treito final🔜🩵🤍 A vindeira semana agardamos por todos vós para recibir ao Bergantiños #minigloriascompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

5 hours ago

SD Compostela
📋🩵🤍 OS NOSOS 11👨‍🏫 Carlos de Lerma🆚 Deportivo Alavés B#minigloriascompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

5 hours ago

SD Compostela
🎂 Hoxe está de aniversario o noso 🐈, Iago DomínguezMoitos parabéns, Iago!! 🩵🤍Que o poidamos celebrar cunha +3⃣ esta mañá en Vitoria! 📸 Nacho Castaño ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

7 hours ago

SD Compostela
DÍA DE COMPOS! 🩵🤍🆚 Deportivo Alavés B🏟️ Ibaia 3🕛 12:00 horas🎟️ 10€❌📺 🙌 A recuperar a senda do triunfo en Vitoria!📸 @nacho_castano_#minigloriascompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

20 hours ago

SD Compostela
✅📋 CONVOCATORIA👨‍🏫 Carlos de Lerma🆚 Deportivo Alavés B👉 Os nosos para o encontro de mañá ás 12:00 horas en Vitoria! Regresan á convocatoria tralas súas lesións Ces Cotos e Armental#minigloriascompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

CONTACTO

sdcompostela@sdcompostela.com

981 57 70 41

Av. de Fernando de Casas Novoa, 20, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña.

 

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.