- Borja Rey tamén valorou a importancia de sumar de tres este domingo tras unha pequena fochanca de resultados
- Ambos porteiros analizaron a previa do derbi en Clínica Baltar, o seu patrocinador oficial e do partido ante o Ourense
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2023
Nas instalacións de Clínica Baltar, o seu patrocinador oficial e do partido deste domingo contra o Ourense CF, Pato Guillén e Borja Rey analizaron o momento da SD Compostela. Ambos porteiros destacaron a importancia de sumar de tres no derbi, tras varias semanas nas que os resultados non están a acompañar.
En primeiro lugar, Pato Guillén sinalou que o equipo debe mellorar, sobre todo nas primeiras partes, para seguir enganchado na pelexa por todo.
En Clínica Baltar, na casa. Polas tardes teño a sorte de estar aquí traballando, trátanme xenial, estou moi a gusto e síntome como na casa.
Penalti parado a Samu. Fixo unha parada brutal. Nos penaltis, os porteiros somos os que máis temos que perder e fixo unha parada espectacular. Un balón forte, esquinado, chegou abaixo, era difícil, sácaa a córner. Lamentablemente, para os nosos intereses, non quixo entrar e quedámonos sen premio.
Aprendizaxe de Burgos. Vendo as situacións de gol da segunda parte, para o empate daba, e se marcásemos algunha delas, mesmo nos podería dar para gañar o partido. O que non pode pasar é o da primeira parte. Non podemos estar a regalar minutos, como xa nos pasou tamén contra o Oviedo. Temos que facer o mea culpa e observar que hai cousas que non estamos a facer ben. Se regalas partes, un día podes ter sorte de que non che marquen, pero se o fan despois irás a remolque e con présas. O outro día xeras ocasións dabondo para poder empatar, pero non as metes e volves sen premio. As primeiras partes non estamos a saír como debemos e ten que cambiar.
A segunda volta da tempada pasada. Non se poden estar a traer pensamentos negativos. O que pasou a tempada pasada foi un cúmulo de cousas, o que nos levou a que tivésemos esa mala segunda volta. Hai que facer borrón e conta nova, é outra tempada. Tivemos unha fochanca ou un mal día, hai que tentar mellorar e este domingo, na casa, tentar gañar o partido.
Importancia dos tres puntos. Hai que volver gañar para seguir arriba, para seguir enganchados nos postos de playoff e para que o equipo non se descolgue.
Mercado de fichaxes. Se son sincero, o mercado de fichaxes non nos preocupou. Son cousas que non nos competen a nós e aí pouco podemos facer. Non estivemos moi interesados. Centrámonos en adestrar, xogar e facelo ben.
Plantel suficiente para pelexar por todo. Hai un plantel con xogadores importantes e todos temos a ambición e a ilusión de pelexar arriba. O tempo o dirá. Quedan quince xornadas, é moitísimo, pero de momento non nos está indo mal. Estamos ben situados, o equipo compite e temos que seguir na liña na que acabamos a primeira volta.
Ritmo do Arenteiro. Non afrouxan, levan un nivel de puntuación altísimo, pero non debemos preocuparnos polo Arenteiro, senón por nós, por sumar partidos e cando queden sete ou oito xornadas, ver a clasificación, porque será aí cando se decida todo. Queda moito, levan unha vantaxe importante, con sensacións boas, pero temos que centrarnos no Compos e, a partir de aí, dentro de dous meses, xa veremos o que toca.
Ourense CF. É un equipo que fixo unha primeira volta moi boa, con 25 puntos. Foi un equipo de refachos, positivos e negativos, de cinco sen gañar a pasar a catro vitorias seguidas. Son complicados, como calquera desta categoría. A proba tivémola esta pasada fin de semana. Tennos que servir como lección. Xogamos na casa, coa nosa xente, pero será complicado e duro, porque ademais fixeron cinco fichaxes para reforzar o plantel.
Pola súa banda, Borja Rey puxo o foco no vivido na primeira volta, cando tamén se arrincou mal, pero despois o equipo colleu ritmo de cruceiro. Por iso, espera que, canto antes, os nosos volvan á senda da vitoria.
Gañar contra o Ourense. Sumar de tres é importante. Na primeira volta tamén empezamos mal, pero despois vimos o que o equipo pode dar. Un tropezo agora pronto, mesmo podería ser positivo para o futuro.
Derrota en Burgos. É unha fochanca. O equipo non estivo mal, dentro do que cabe. Un erro puntual nun centro condénanos, porque tivemos moitísimas ocasións para remontar.
Competencia con Pato. Creo que a suplencia a levo moi ben, dentro de que todos queremos xogar. Evidentemente, eu teño moitas ganas, pero tócame aprender. Cando alguén xoga e o merece, non se pode dicir moito máis.
Clínica Baltar e SD Compostela.
Acompañando a ambos porteiros, o doutor Pablo Baltar valorou a colaboración, unha tempada máis, da SD Compostela con Clínica Baltar, unha unión que, apuntou, espera que se prolongue durante moitos anos máis.
Acordo co Compos. É un orgullo poder colaborar co Compos, un equipo que está moi arraigado na sociedade santiaguesa. Ademais, a día de hoxe, forma parte da nosa familia, porque Pato está a traballar connosco e con Borja temos moi boa relación por amigos en común. Forman parte da Clínica e ademais hai moitos xogadores que son pacientes. Estamos encantadísimos coa colaboración e esperamos seguir moitos anos máis.
Descontos para abonados. Nese acordo co Compos e de apoio ao club, a xente que está a animar ao equipo no Estadio cada xornada, o cal é tan importante, pode gozar de descontos especiais na nosa Clínica, para que lles sexa máis fácil visitarnos e realizar os tratamentos que necesiten. A maiores, desde aquí animamos a que a xente vaia este domingo, porque fai falta empuxar ao equipo desde a bancada para lograr esa vitoria que todos queremos.
Desexos para a tempada. Dar un paso adiante, continuar coa xeira de vitorias de fai unhas xornadas e, se pode ser, asentarnos no playoff, porque o equipo o merece e está nun bo camiño. Da man de Fabiano, ir cara arriba e pelexar polo ascenso que tanto merecemos.