-
Samu analizou a previa do partido da SD Compostela contra o Laredo na Viñoteca O Tixola
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023
A SD Compostela ten un novo partido importantísimo este domingo no Vero Boquete. Ás 12.00 horas mídese ao Laredo, na antepenúltima xornada da liga. Situados no quinto posto, con dous de vantaxe sobre os seus perseguidores, os tres puntos fanse moi necesarios para achegarse á clasificación para a fase de ascenso.
Na Viñoteca O Tixola, novo establecemento da Rúa da Raíña, recuperando un local histórico da zona vella de Santiago, Samu analizou como chega o equipo a esta gran cita. Nas instalacións do seu patrocinador e tamén do encontro ante o Laredo, o mediocentro de Val do Dubra sinalou que os nosos queren máis, que van a tope nesta recta final e que o darán todo para sumar os tres puntos na casa. Por iso, pediu o apoio da afección para acadar o seu obxectivo.
Declaracións de Samu en O Tixola.
Sensacións do equipo. O equipo está moi animado e con gañas de afrontar o que queda, sobre todo este partido. Non miramos máis alá deste partido, agora mesmo. A segunda parte do outro día serviunos para dar ese empurrón e ter confianza para este partido, pero non nos chega, non queremos quedarnos con empates e facer só unha parte boa. Queremos que os partidos sexan completos e niso estamos traballando.
Análise do outro día. Empezamos ben o partido e é difícil de explicar o que pasou. Eles comezaron a dominar, a gañar os duelos e a desaxustarnos coa súa mobilidade. Tiñamos traballado que non había que seguir esas mobilidades e estar máis posicionados, polo que cometemos eses erros de perseguir e deixar ocos, sobre todo por dentro. No descanso axustámolo, xa fomos máis protagonistas con balón e non estivemos tan precipitados como na primeira parte, que tivemos demasiada ansia por atacar e iso fíxonos ser máis imprecisos. Na segunda parte fomos máis bloque, estivemos máis xuntos, tanto en fase ofensiva como defensiva, serviunos para remontar e por momentos consideramos que se nos quedou curto o empate.
Dureza do Laredo. Agora mesmo todo o mundo se está xogando algo. Están a seis puntos de saír do descenso, quedan nove e é a última bala que teñen. Sairán a gañar e creo que será un rival moi difícil, porque xa no seu campo nos custou moitísimo. Son moi rocosos e perigosos, sobre todo, a balón parado, polo que teremos que estar en alerta.
Gañar os partidos da casa. Non queremos facer contas, porque despois nunca dan. O que queremos é gañar esta fin de semana, só pensamos niso. Queremos sumar de tres, porque na casa é o máis importante.
Exemplo do partido de Palencia. Serve e hai que darlle continuidade. Contra o Palencia tivemos ratos moi bos e outros nos que nos custou un pouco máis. Temos que intentar que os ratos bos duren o máximo tempo posible e darlle continuidade aos resultados.
Nova posición. Síntome cómodo. Ultimamente nótome con bo ritmo e ben. Agradezo a continuidade e pelexarei para seguir contando no once e con moitos minutos. É unha posición na que me sinto cómodo, porque me permite chegar moito a área. É algo que me gusta, aínda que levaba tempo sen facelo, e agardo ter esa continuidade.
Que che pide Juan Carlos Andrés. Pídeme ocupar eses espazos que quedan liberados con roturas e tamén dar equilibrio. E en fase defensiva, ser intenso e poder apertar arriba. É un pouco o que me pide, ademais de pisar área e chegar, porque cantos máis xogadores teñamos dentro da área, máis oportunidades teremos de facer gol.
Mensaxe para a afección. O que lle digo é que os necesitamos, coma sempre. Agora que estamos na recta final, máis aínda. Cada vez que xogamos como locais, e mesmamente cando viaxamos, sentímonos moi arroupados. Pídolles que animen o máximo posible porque este equipo vai a full, sobre todo por eles. Tamén imos por nós, pero por eles, máis aínda, porque o merecen. Que nos apoien o máximo posible.
One comment
Daniel Kohut
26 de Abril de 2023 at 18:56
Hola Amigos del Compos. Mi nombre es Daniel. Les escibo desde Argentina. A finales de junio andaré por vuestra ciudad finalizando mi Camino a Santiago, que iniciaré por el 18 de mayo desde Saint Jean Pied de Port. E intentado comprar la casaca oficial 22/23 en la tienda online, pero a la falta de un lugar donde enviar la compra, se sumo ahora que no hay stock. Vuestra camiseta titular del 60° Aniversario es la síntesis de los colores de mi Selección, el diseño (franja diagonal) de la camiseta titular de mi club (River Plate) y encima tiene la vieira, simbolo del Pergrino. Y si fuera la de Samu, con el 14; es el número con el que se identifica nuestra aficion. Por esto apelo al Compos, a Samu #14, a patrocinadores, especialmente a viñoteca O, Tixola, o a cualquier aficionado del Compos para que me ayuden a conseguirla. Por venta, canje, intercambio (llevo una camiseta a estrenar de River Plate o de la Selección Argentina, a elección). o como sea. Que os parece? Abrazo @paampasurf
PD: Me encantaría poder presenciar un partido, pero para esa fecha no hay torneo, por ahi algun partido de pretemporada o algun entrenamiento. Si alguien sabe fechas, por favor, que me las haga conocer. Gracias
Comments are closed.