A SD Compostela viaxa con vantaxe para a volta en Tarazona

21 de Maio de 2023
Once da SD Compostela no primeiro partido do playoff
Parapar, moi incisivo durante todo o partido pola banda
Celebración do Compos no primeiro gol de Mario
Doblete de Mario Rodríguez para a SD Compostela
Momento do tiro de Mario Rodríguez no seu primeiro gol
A SD Compostela celebra o gol de Darío
  • O Compos gañou 3-2 e buscarán o pase o próximo sábado

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2023

A SD Compostela deu o primeiro paso na eliminatoria de playoff. Os branquiazuis superaron 3-2 ao Tarazona, nun partido no que os nosos tiveron unha gran vantaxe, pero cando puideron sentenciar, os visitantes metéronse no duelo. En todo caso, o Compos partirá cun resultado a favor en Aragón, onde loitarán pola clasificación.

Nun duelo moi igualado, a contenda virou para a parte compotelanista pasada a media hora, despois de que Darío aproveitase, coa cabeza, un disparo ao poste de Samu. Á volta do vestiario, saltando mellor ao verde, nunha incursión de Parapar, Mario Rodríguez aproveitaba un balón solto para pór o segundo. E cinco máis tarde, nun penalti sobre Jordan, Mario puña o 3-0.

Con vantaxe e tendo dúas ocasións moi claras para o cuarto, cun disparo ao poste e un man a man salvado por Dorronsoro, chegou a reacción visitante. Nun balón parado, Toni Jou rematou só na área e puxo o 3-1. E no 89, tras unha posible falta sobre Fer, o Tarazona montou unha transición que aproveitou Carrasco para marcar o 3-2.

No desconto non se moveu o marcador, mantívose a vitoria compotelanista, e os nosos terán vantaxe para a volta en Tarazona, o vindeiro sábado, ás 20.15 horas.

 

Unha primeira parte igualada, na que decidiu o gol de Darío.

 

Arrincaba o Compos o playoff na casa, ante o seu público, e Juan Carlos Andrés tiña claro que boa parte do éxito pasaba por levar o control da pelota. Coa intención de poder someter ao rival co esférico, o técnico introducía a Jordan no medio, a Mario nunha banda e a Crespo como central zurdo.

Con esa disposición, o obxectivo era poder mover ao rival, aínda que sería o Tarazona o que arrincaría mellor. Cunha presión intensa e moi arriba, conseguían gañar os duelos e achegarse polas inmediacións de Pato.

Os visitantes buscaban a velocidade dos seus atacantes e, sobre todo, tentar aproveitar algunha xogada a balón parado ou centro á área. Con todo, cunha defensa imperial, os nosos conseguían evitar o perigo.

E froito desa solidez atrás, comezaba a engraxarse a maquinaria branquiazul. Aparecían máis espazos, atopábanse aos medios en zonas de perigo e chegaban as ocasións. Así, no 23, nunha incursión de Parapar, a pelota paseábase pola área pequena sen atopar rematador e no córner posterior, Pablo Antas remataba por encima do traveseiro.

Custaba atopar o pase final para chegar en vantaxe á área, pero esa claridade teríase no 36, momento no que o pichichi branquiazul Darío Germil abría a lata. Gran acción pola esquerda, un centro de primeiras de Roque para a chegada de Samu, o mediocentro acomodábaa para a súa zurda e golpeaba de volea, a pelota estrelábase no pau, pero aí estaba, moi atento, o dianteiro santiagués para cabecear só ao fondo das mallas.

O tanto animaba ao Compos e á bancada, xa que tiñan o encontro onde querían, con esa vantaxe tan necesaria. Eran momentos de posesións máis longas e así se chegaría ao descanso, co 1-0 e cunha afección moi acesa polas decisións arbitrais.

 

A segunda parte arrincaba da mellor maneira e terminábase con idéntica vantaxe.

 

No tempo de asueto, Juan Carlos Andrés corrixía o comportamento dos nosos con balón e iso notábase nada máis arrincar. Cos mesmos protagonistas sobre o verde, e sen esa necesidade de golpear en longo que por momentos tiveron na primeira parte, os espazos comezaban a aparecer polo medio e aí o Compos sería matador.

No 50, Samu aparecía entre os mediocentros e os centrais, puña a correr a Parapar e este servía o pase da morte para Mario Rodríguez. Aínda que o atacante xa se relambía, un defensor cortaba a traxectoria do balón, con todo, a pelota quedaba morta no punto de penalti e Mario, moi hábil, aloxábaa con forza no lateral da rede, 2-0.

E sen tempo para respirar e dixerir o gol, outra acción brillante e con final feliz. Mario puña a correr a Jordan que chegaba á área desde atrás e caía derrubado por un defensor, cando o de Salvaterra buscaba o disparo, pitando o colexiado penalti. Mario Rodríguez tomaba a responsabilidade de novo e con calma, facía vencer ao gardameta e púñaa na escuadra contraria. 3-0 e dobrete para o atacante catalán, que se reencontraba co gol.

Eran os mellores minutos dos branquiazuis e iso notábase. Sentíanse cómodos os nosos e a circulación de balón era unha delicia para os ollos dos espectadores. E non só iso, senón que seguían chegando máis ocasións.

Dous minutos despois de marcar o terceiro, Mario tería o seu hat trick particular, despois de que Jordan o atopase ás costas do lateral, pero buscaba o tiro co exterior e Dorronsoro adiviñáballe as intencións para despexala a córner.

E pouco despois, no 70, sería Jordan o que se atoparía cunha gran acción do gardameta, despexando o intento do compotelanista desde a frontal.

Con todo, a máis clara estaba por chegar. No 77, Samu avanzaba polo carril central e volvía soltar un tiro espectacular que, como no primeiro acto, estrelábase no poste. E de novo habería rexeite cara a dentro e de novo estaba Darío para rematar, pero un defensor aparecía en extremis para tapar co corpo o intento do dianteiro.

Unha auténtica mágoa, porque do posible 4-0 pasaríase ao 3-1, un minuto despois. Nunha acción de estratexia, colgábaa o Tarazona desde o centro do campo, tocábana no segundo pau de cabeza e Toni Jou, no corazón da área, metía o pé para marcar.

Os momentos do fútbol e máis nun playoff. De súpeto, o Tarazona atopábase cun premio inesperado e iso animábaos. Juan Carlos Andrés movía o banco para tentar tranquilizar os ánimos e faría efecto, xa que transcorrían os minutos con posesións branquiazuis.

Con todo, nunha xogada polémica, chegaría o segundo tanto visitante. Roubaba o Tarazona no centro do campo, nunha acción na que Fer Beltrán reclamaba falta, e montaban unha transición que acabaría co tiro de Carrasco á rede. O golpeo do atacante visitante tocábao coas pernas Pato, pero con tan mala fortuna de que entraba xunto ao pau.

O 3-2 era moi celebrado polos visitantes, que se vían de novo na eliminatoria, tras minutos de moito sufrimento, pero o Compos non se rendía e aínda tería a súa opción no desconto. Un centro á área con moito perigo cortábao Yasin, golpeando na cara a Parapar, pero o colexiado sinalaba o final do encontro.

Por tanto, pechábase a ida da primeira eliminatoria de playoff co 3-2 final. O Compos logra vantaxe para a volta e terá que loitar con todo para poder pasar á última fase. Un gol a favor que terán que defender, o vindeiro sábado ás 20.15 horas, no Municipal de Tarazona.

O primeiro paso está dado e agora tocará loitar con uñas e dentes, nun escenario totalmente diferente, para seguir adiante neste camiño do playoff.

 

FICHA TÉCNICA

3- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Riki Mangana, Álvaro Casas, Pablo Crespo (Kike, m.66), Roque; Pablo Antas, Samu (Fer Beltrán, m.79); Parapar, Jordan (Cano, m.87), Mario Rodríguez (Jaime Santos, m.79); e Darío (Elliot, m.87).

2- SD TARAZONA: Dorronsoro; Yasin, Nacho Pastor, Diego Royo (Félix Alonso, m.34), Gnali; Carlos González, Moustapha, Toni Jou, Carrasco; Mendes (Areso, m.54) e Néstor (Galdón, m.78).

GOLES: 1-0: Darío, min.36; 2-0: Mario Rodríguez, min.50; 3-0: Mario Rodríguez (p.), min.55; 3-1: Toni Jou, min.76; 3-2: Carrasco, min.89.

ÁRBITRO: Cueto Amigo (León). Amoestou a Pablo Antas e Riki Mangana, polo Compos; e a Yasin, Néstor e Areso, polo Tarazona.

INCIDENCIAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Ida da primeira eliminatoria do playoff de ascenso a Primeira RFEF disputado ante 2.584 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Flickr Amadeo Rey

  • PONTEVEDRA- 3 COMPOSTELA- 0
  • PONTEVEDRA- 3 COMPOSTELA- 0
  • PONTEVEDRA- 3 COMPOSTELA- 0
  • PONTEVEDRA- 3 COMPOSTELA- 0
  • PONTEVEDRA- 3 COMPOSTELA- 0
  • PONTEVEDRA- 3 COMPOSTELA- 0

Instagram Canteira

Twitter Canteira

Facebook

3 hours ago

SD Compostela
🩵🤍 𝐎𝐒 𝐍𝐎𝐒𝐎𝐒 | Míchel Alonso🙌🏻 ONCE do COMPOS para o partido ante o @realoviedo Vetusta!👨‍🏫 Borja Rey como novidade baixo os paus!💪🏻 IMOS A POLO TRIUNFO!#ComposVetusta ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 hours ago

SD Compostela
🤝 𝐏𝐀𝐑𝐓𝐈𝐃𝐎 𝐏𝐀𝐓𝐑𝐎𝐂𝐈𝐍𝐀𝐃𝐎 ✖️ O Pan de Leis 🥖 Un ano máis, a panadaría apoia o proxecto do Compos!!!⚽️ Patrocina a David Soto e tamén o encontro desta matinal, ás 12.00 horas no Vero Boquete, ante o Real Oviedo Vetusta!!!🙌 GRAZAS!!!#composvetusta #unnovocamiño ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

5 hours ago

SD Compostela
𝐌𝐀𝐓𝐂𝐇𝐃𝐀𝐘 🩵🤍💪 TODOS XUNTOS, A POR UN GRAN TRIUNFO!!!🆚 Real Oviedo Vetusta⏰ 12.00🏟️ Vero Boquete🎟️ app.cluber.es/clubes/64770af75c3ab340920086/pagos/6566fd34cb3f3943395285📺 En Xogo 🙌 APOIA AOS NOSOS NESTE PARTIDAZO MATINAL NA NOSA CASA!!! #composvetusta #unnovocamiño ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

20 hours ago

SD Compostela
𝐂𝐎𝐍𝐕𝐎𝐂𝐀𝐓𝐎𝐑𝐈𝐀 | Míchel 🩵🤍🙌 OS NOSOS para o encontro de mañá no Estadio Vero Boquete, ás 12.00 horas, contra o @realoviedo Vetusta!💪 Míchel chama a varios reforzos da @canteirapicheleira #ComposVetusta ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
Hoxe está de aniversario, Samu Araujo!!! 🩵🤍🎂 Moitos parabéns, Samu!!! 💪 Oxalá poder celebralo mañá cunha nova vitoria na nosa casa!!! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.