-
O novo adestrador da SD Compostela foi presentado na Brasería A Grella
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2023
Nas instalacións da Brasería A Grella, o seu patrocinador oficial, Manel Menéndez viviu a súa posta de longo como novo adestrador da SD Compostela para a Tempada 2023/24. O novo técnico branquiazul, nas súas primeiras declaracións, destacou a ilusión que ten por este proxecto, despois de non poder concretar a súa chegada a campaña pasada, e adiantou que achegará moito traballo para pelexar polo ascenso a Primeira RFEF.
Acompañado polo presidente, Juan Carlos Gesto, o director deportivo, Manuel Castiñeiras, así como o xerente da Grella, Luís Asorey, Manel Menéndez fixo unha análise do que agarda desta tempada e do estilo do equipo nunha liga tan competitiva e igualada.
Para darlle a benvida ante os medios de comunicación tomou a palabra o presidente. “Desde hai tempo era unha aspiración traelo ao Compostela. Neste ano foi posible e depositamos toda a confianza nel, para que esta tempada se poida lograr o obxectivo de ascender”, sinalou.
Manel Menéndez, feliz no seu novo cargo.
Benvida ao Compos. Estou moi contento de poder pertencer á familia do Compostela. É algo que xa puido xurdir o ano pasado e que ao final non se deu, por circunstancias e por tempo. Este ano deuse a casualidade de que si poida estar aquí e tentarei axudar en todo o posible para que o Compos volva recuperar o sitio que se merece no fútbol nacional.
Achegar traballo. Temos que ir dando pasos curtos para o próximo ano buscar o obxectivo do ascenso. Veño achegar traballo, coa experiencia dos últimos anos no Marino de Luanco e esperemos que todo saia ben e que cheguemos a bo porto a final de tempada.
O plante que agarda. Acabo de aterrar, como quen di. Teño que sentarme con Manu, charlar sobre a confección do equipo, os xogadores que están renovados e os que poden chegar. Queremos facer, sobre todo, un bo bloque e un bo grupo, que é fundamental para conseguir os obxectivos.
Loitar por ascender. O obxectivo é claro: cando un chega ao Compostela, sabe ao que vén e afróntoo da mellor maneira. Intentarei axudar, sobre todo, coa miña experiencia na Segunda B, porque foron tres anos duros, ás veces sufrindo moito e outras menos, e creo que podo achegar bastante nese sentido. Ademais, está moi claro que a SD Compostela sempre tivo equipo para poder buscar ese obxectivo e non nos esconderemos. Pero para logralo, hai que traballar moito, hai moito camiño por diante e o fútbol tamén é moi caprichoso, non é so un obxectivo e os xogadores que teñas. Tentaremos ir aos poucos e facendo as cousas ben.
A clave na tempada en Segunda RFEF. É competir. Xa non é cuestión de xogar mellor, dunha forma, cun sistema ou un modelo de xogo, creo que é competir. Vaste enfrontar a equipos tan diferentes que igual ata a túa forma de xogar ten que cambiar por eles . Ademais, haberá terreos de xogo moi diferentes ao que te podes atopar na casa. Creo que hai que ir adaptándose a todo. O club ten a experiencia de varios anos nesta categoría tamén, sabe o que se pode atopar e non se pode menosprezar a ninguén, aínda que sexas un dos favoritos.
Respecto máximo a todos os rivais. Hai que respectar a todos os rivais e pórse na pel deles. Como estiven no outro caso, creo que tamén se pode facer desde arriba: respectar aos equipos e porte á súa altura é o mellor para afrontar os partidos. Debemos partir desa base, de crer que somos igual que os demais, porque estamos na mesma categoría. Posiblemente teñamos máis posibilidades que outros equipos, pero con ese respecto e competindo, iso é o importante.
O inicio da liga. Tamén é importante empezar ben, comezar ben a liga é algo que ten que darse, porque se non haberá que andar a remolque para atopar as posicións idóneas e para xerar esa confianza no grupo, o equipo, os afeccionados… Ao final, os afeccionados van acudir a San Lázaro polas condicións que deas ti e a situación do equipo. Todo iso tense que dar para que sexa unha boa tempada e agardamos que o inicio da pretempada, desde o minuto uno, sexa así.
Estilo propio. Como a todo adestrador, gústame xogar ben, pero o principal é gañar. Cando buscas un obxectivo tan concreto como este, hai que gañar os máximos partidos posibles. Logo ninguén se vai a acordar se xogaches mellor ou peor, senón a clasificación e os números que tes. Gústame xogar ben, si, pero hai campos nos que poderás xogar máis ou menos. Ás veces poderás xogar o balón desde atrás, en cambio outras terás que ser máis directo e noutras terás que adaptarte ao equipo contrario. Hai tantas cousas que se poden dar nun partido, que hai que traballalo todo.
Poder sorprender ao rival. A min gústame xogar ben e no Marino, este ano, marcamos un estilo de xogo xa máis ou menos recoñecido, porque os contrarios sabían ao que viñan ao noso campo e como o faciamos fóra. Pero canto menos recoñecido sexamos, mellor, porque máis sorpresa podemos dar. Non quero dicir con isto que dea igual a forma na que se xogue, porque hai que xogar ao fútbol e a calidade dos xogadores que virán, e a dos que están, é grande, pero, sobre todo, o importante é gañar partidos, non é outra cousa.
Confección do plantel. No falado con Manu, hai unha serie de xogadores con contrato en vigor, aos poucos haberá que ir falando coa xente que sexa válida para as renovacións, que eles mesmos tamén acepten o renovar, e buscar onde necesitamos reforzamos. O plantel do ano pasado era moi bo, moi completo e é moi aproveitable para este ano tamén.
Decisión de asinar no Compos. Optei polo Compos polo club. O Compostela é un histórico e estivo en categorías de fútbol profesional. E tamén por quedarme co mal sabor de boca do ano pasado, no que estiven a piques de vir, pero ao final non se deu por compromiso co meu antigo club, xa que non o vía ben. Xurdiu agora esta oportunidade e cando chega, tes que collela. É o momento, deuse esta casualidade e había que aproveitala.
Do mesmo xeito, preguntado polos medios, na presentación, Manuel Castiñeiras tamén falou sobre a situación dos posibles xogadores que poidan renovar.
Tema renovacións. Nas renovacións hai varios xogadores que consideramos que sería bo que seguisen e que xa teñen a súa oferta encima da mesa. Loxicamente, estamos a principios de xuño, hai playoffs en xogo e é difícil que che respondan esta semana. Loxicamente, terán un prazo para responder, que non será moi longo. Se responden afirmativamente, estupendo; e se non o fan, buscaremos alternativas, porque nós temos que seguir o noso camiño, independentemente do que eles busquen.