O Compos suma un punto contra o Covadonga

16 de Setembro de 2023
Once do Compos no Álvarez Rabanal
Gol de Pep Caballé para o Compos
Celebración da SD Compostela tralo gol de Pep
  • O Compos adiantouse no marcador, pero os locais empataron na recta final

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2023

Un punto máis para o Compos neste inicio de liga. A SD Compostela segue sen perder tras sumar un novo empate en Asturias, esta vez, 1-1. Os nosos igualaron contra o Covadonga nun encontro no que rozaron a vitoria. Un tanto de Pep Caballé, no minuto 6, achegou a vitoria, pero os ovetenses empataron na recta final do duelo.

Tras conseguir a primeira vitoria na casa, a SD Compostela quería prolongar as súas boas sensacións nunha nova saída a terras asturianas. Os nosos visitaban ao Covadonga, un rival que, aínda que non sumara ningún punto ata a data, si demostrara un gran nivel en ambos encontros.

Para a cita no Álvarez Rabanal, en herba artificial, Manel Menéndez deu entrada, como novidades, a Euse , que debutaba como titular como lateral esquerdo, e a Jordan e Parapar, que regresaban ao once inicial. Ademais, Pep Caballé, ante a ausencia de Riki, colocábase como lateral dereito.

Ante o cambio de superficie, apuntábase na previa a importancia de arrincar ben e o certo é que non puido ir mellor para os intereses do Compos. Na primeira aproximación, primeiro gol para os nosos. Un centro de Juampa desde a esquerda paseábase pola área, pero chegaba a Pep Caballé, que controlaba co peito e soltaba unha volea que se coaba polo segundo pau. Un golazo para adiantar ao Compos en Oviedo, 0-1.

O gol a favor deu ás á SD Compostela, que seguiu insistindo sobre área rival, buscando o segundo. Tívoa Manu Barreiro, cazando un centro de Juampa , pero non puido orientar o golpeo coa zurda, que saíu rozando o pau. E tamén Pablo Antas, pero tras atopar o espazo polo carril central, o bote xogoulle unha mala pasada e escapóuselle a pelota, cando xa se plantaba no man a man.

Co paso dos minutos, a contenda foise equilibrando, cun Covadonga cada vez máis atrevido. Os locais reducían espazos e sentíanse máis cómodos, tentando xerar perigo con accións, sobre todo, a balón parado.

En todo caso, salvo un tiro de Nino, escorado, que despexou ben Pato, non houbo que destacar ningún achegamento máis. Pola súa banda, o Compos buscou algún contragolpe, aínda que sen atopar ningún remate claro. Por iso, chegouse ao intermedio co 0-1.

Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas, a SD Compostela volveu saltar con máis intensidade e, de novo, tería unha ocasión inmellorable para marcar nada máis arrincar, no 47. Plantouse Manu Barreiro no man a man, gañando o esférico no salto contra os centrais, pero Buru, cunha gran estirada, evitou o gol do dianteiro compostelán.

E esa acción deu un impulso ao Cova. Os locais colleron confianza, como no primeiro acto, comezaron a roubar máis balóns e levando máis perigo sobre a portería de Pato Guillén. Na máis clara, Ariel Herrero rozaría a diana cun remate en área pequena, pero salváronse os nosos.

Pola súa banda, o Compos buscaba a súa nalgunha acción illada e teríaa moi clara, de novo, con Manu Barreiro como protagonista. Tras un córner a favor, Antón de Vicente puxo o centro coa zurda e o ariete rematou de cabeza, pero a pelota estrelouse contra o traveseiro.

Sen fortuna arriba, tocaba protexer a área propia, pero o Covadonga, no 83, atoparíase co premio que estaba a buscar. Nun despexe longo, Vicente, que acababa de entrar ao campo, gañou as costas da defensa, encarou a Pato e superouno por arriba, 1-1.

Comezaba un novo partido, con apenas minutos por xogarse. Ambos equipos non se conformaban e querían máis, pero o marcador xa non se moveu. A opción máis clara, un disparo afastado dos locais que tocou nun xogador, sacaríao Pato cunha brillante acción de reflexos, sacando a perna para evitar o tanto.

O encontro, por tanto, pechouse co citado 1-1, con reparto de puntos. O Compos vólvese a levar un empate de terras asturianas, aínda que estivo preto de sumar o triunfo. De novo, tocará facelo bo na casa, o vindeiro domingo, contra o Zamora. O partido xogarase ás 16.00 no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro.

FICHA TÉCNICA

1- CD COVADONGA: Buru; Berto (Santullano, m.71), Trabanco, Figar (Morilla, m.53), Álvaro (Vicente, m.82); Pablo; Nino, Avanzini (Endika, m.71), Omar; Arce (Samu, m.53) e A. Herrero.

1- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Pep Caballé (Hugo Matos, m.87), David Soto, Álvaro Casas, Euse; Antón de Vicente, Pablo Antas; Parapar (Kike, m.70), Jordan (Jaime Santos, m.61), Juampa (Fer Beltrán, m.70); e Manu Barreiro.

GOLES: 0-1: Pep Caballé, min.6; 1-1: Vicente, min.83.

ÁRBITRO: García Presa (León). Amoestou a Pablo e A. Herrero, polo Cova; e a David Soto, Jaime Santos e Hugo Matos, polo Compos.

INCIDENCIAS: Estadio Municipal Álvarez Rabanal (Oviedo). Xornada 3 do Grupo 1 da Segunda RFEF ante uns 400 afeccionados, aproximadamente. Antes do minuto gardouse un minuto de silencio polo falecemento dun xogador da Urraca CF (3ª RFEF).

Youtube

Instagram Compos

Facebook

12 hours ago

SD Compostela
🎂 Hoxe temos de aniversario ao noso gran delegado, AnteloMoitos parabéns!!! A desfrutalo!!!E moitas grazas polo teu traballo e compromiso, sempre ao servizo para o mellor do Compos 🩵🤍 📸 Ignacio Castaño Gómez ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

18 hours ago

SD Compostela
🆕🩵🤍 Ces Cotos, equilibrio, personalidade e bo trato de balón para o centro do campo do Compos⚽️ O mediocentro venezolano, con ampla experiencia no fútbol galego, chega do Utebo, da #SegundaFederaciónℹ️ sdcompostela.com/gl/2026/07/21/ces-cotos-fichaxe-compos-26-27/#benvidocescotos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🩵🤍 Xa dispoñible á venta a nova camiseta do Compos!!🙌 Na #compostenda ou na web de Fútbol Emotion 📲 www.futbolemotion.com/es/categoria/colectivos/equipaciones-s.d.-compostela🎟️ RECORDA que se eres abonado, tes un 10% de desconto!!! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 days ago

SD Compostela
🔚 Remata a primeira proba da pretempadaCOMPOS 0️⃣-4️⃣ RC Deportivo👏 Moi boa imaxe dos nosos na casa na estrea de Carlos de LermaPrimeiros minutos para as novas fichaxes e moita presenza da @cantpicheleira📸 Ignacio Castaño Gómez#composdépor #PretempadaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 days ago

SD Compostela
⏸️ DESCANSOCOMPOS 0️⃣-1️⃣ Real Club Deportivo de La Coruña 👉 Chegamos ao tempo de lecer no Vero Boquete! Moi boa imaxe dos nosos nestes primeiros 45 minutos!#composdépor #PretempadaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.