-
Manel Menéndez destaca a confianza do Ourense, pero confía nos seus para atopar o gol e gañar o derbi na casa
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023
A SD Compostela quere resarcirse da derrota na casa contra o Zamora no derbi contra o Ourense. Este domingo, os nosos teñen unha reválida no Vero Boquete para lograr os tres puntos e só pensan niso. A mellor forma de reporse é cun triunfo diante da afección e Manel Menéndez teno claro.
O técnico compostelanista, na previa do encontro, destacou as virtudes dun Ourense en refacho, pero Manel Menéndez adiantou tamén que o Compos deixarase a pel para gañar. Confía en que regresen os goles e que o triunfo quede en casa neste primeiro derbi da tempada.
O encontro, o domingo ás 19.00 horas, está patrocinado por Alcampo e, por iso, na rolda de prensa previa, Manel Menéndez estivo acompañado por Juan Rodríguez, director de Alcampo Santiago.
Levantarse do golpe. Non podo permitirme o luxo de estar triste ou esperando que fose outro resultado, porque non che leva a nada. Día seguinte, día novo. Intentamos recuperar animicamente ao equipo, porque foi un pau, pero segundo van pasando os días, animicamente estamos mellor. Sabemos que non fixemos un mal partido, aínda que o resultado foi negativo, pero temos outra oportunidade rápido e está a chegar rápido o domingo.
Posición na táboa. O Zamora iniciou a liga moi ben, catro de catro, polo que é un equipo a ter en conta. En todo caso, pola miña experiencia na categoría, isto da tantas voltas que as dinámicas están para todos. O exemplo do Arenteiro do ano pasado é moi claro, pero non iniciou moi ben a liga, senón que aos poucos foi collendo unha dinámica moi boa, máis que iso, collendo moita confianza ao gañar partidos. Nós tiñamos a ilusión de nestes dous partidos na casa facernos fortes, pero non imos baixar os brazos. Ímonos deixar a alma por tentar conseguir o obxectivo, estar aí e non despistarnos.
Necesidade de gañar. O resultado anterior condiciónache, especialmente se perdes, pero as necesidades pódenche xogar malas pasadas, porque a obrigación de gañar témola todos. O Ourense vén dunha dinámica boa, igual non ten esa necesidade de gañar coma nós, pero confío plenamente no equipo. Confío en que vaiamos mellorando xornada a xornada, semana a semana, que nos vaiamos atopando mellor e que vaian chegando os resultados positivos, porque ás veces igual mereces máis, pero o que conta é sumar e gañar partidos.
O Ourense. Nesta categoría, todos os rivais son complicados. Non podes desmerecer a ninguén, porque se che complica. O Ourense vén cunha dinámica moi boa, non perdeu aínda e vén de gañar. Si é verdade que este mércores xogou un partido de Copa Federación, que perdeu, e a ver como chegan os xogadores ao domingo. En todo caso, están con moita confianza, será un rival moi difícil, que ten moi bos xogadores e que colectivamente mellorou respecto ao ano pasado. E estano demostrando.
Partido de Copa do Ourense. Quedaron eliminados da Copa Federación, non sabemos agora mesmo se hai algún xogador que tivese algún problema físico ou que chegue máis afectado, pero ata mañá non tes ese tipo de información. Espero igualmente un Ourense moi complicado, independentemente de quen xogue. Traballamos toda a semana e seguiremos facéndoo para contrarrestar e combaterlles ben, e lograr a vitoria.
Estado do plantel. Nas últimas semanas estamos a ter problemas físicos con algúns xogadores e hai que agardar a mañá. Esperemos chegar con moitos xogadores e ir recuperando xente. Xente que viña con lesións, como Riki Mangana, xa se incorporou ao grupo e con moi boas sensacións. Juampa, que saíu cun problema do partido do domingo, aínda ten molestias na zona, pero xa se meteu co grupo e dependerá das súas sensacións para saber se contamos con el ou non. Confío en todo o plantel, todos somos importantes. Cando teñan que entrar, é facelo ben, demostrando que poden xogar de man, e nada máis . Non deberiamos estar a pensar en se falta un ou outro, senón en adaptarnos e aproveitar o que temos.
Potencial do rival. Destaco a confianza que están a ter desde un inicio e os seus bos resultados, porque iso dáche as. Animicamente, agora mesmo, eles seguramente estean por encima, porque non gañamos o domingo. Ademais, é un equipo que manexa moi ben a pelota, que os extremos son perigosos e teñen a Amin moi acertado, xa que é o máximo goleador da categoría con 4 goles. É un equipo tamén que presiona moito a saída de balón do equipo rival, producindo moitos erros e que transita moi ben, o que mellor o fai ata agora. Tes que ter moito coidado coas vixilancias defensivas, porque non necesitan moita posesión de balón, aínda que teñen calidade dentro para poder facelo, e acumulan moitos xogadores en área. Equipo da categoría, con moita confianza, que fai as cousas moi ben, que defensivamente está moi ben armado e que ofensivamente che mete moita xente no teu propio campo. Hai que ter coidado con todo iso.
Faceta goleadora do Compos. En Luanco tivemos poucas ocasións, pero unha ou dúas claras. Contra o Arandina tivemos ocasións e fixemos goles. E contra o Covadonga, tivemos ocasións claras tamén. Quizais non esteamos acertados de cara a gol, pero isto ten que dar volta, porque o equipo xera ocasións. O outro día, contra o Zamora, non xeramos tantas, tamén porque o rival era complicado, levaba cero goles en contra e atascóusenos un pouco. En todo caso, creo que temos xogadores ofensivamente para dar máis, para chegar máis e para finalizar máis. Estamos niso e agardamos que vaia cambiando a xeira e facer máis goles.
Os derbis próximos. Seguimos na mesma liña, queremos gañar todos os domingos, pero cada día custa máis porque cho poñen máis difícil. Nos derbis, pasa en Asturias igual, calquera pode gañar. Nin somos mellores nin peores que o rival, está todo moi igualado. Son momentos de sumar para non quedar atrás. Difícil o derbi do Ourense, tamén o do Dépor B, pero coa máxima ilusión e ganas de poder gañar e poder sumar, independentemente do rival.