-
Os lucenses levaron os tres puntos do Vero Boquete con Santi Gegunde como protagonista
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2023
A SD Compostela volveu caer na casa, fíxoo noutro derbi no que repetiu erros de xornadas anteriores. Os nosos víronse superados por un Racing Villalbés no que Santi Gegunde, excompostelanista, foi o protagonista cun gol e unha asistencia.
Coa firme intención de romper coa súa mala dinámica e poder tomar aire na clasificación, a SD Compostela regresaba ao Vero Boquete. Nunha tarde chuviosa en Compostela, os nosos medíanse ao Racing Villalbés, un derbi, terceiro seguido, vital para os intereses branquiazuis.
Buscando a vitoria, Manel deu continuidade ao once de Abegondo, introducindo a Euse, que volvía de lesión, como única novidade, e repetindo co eléctrico Hugo Matos pola esquerda.
Querendo darlle ritmo á pelota, o Compos fíxose coa posesión desde o inicio, tentando mover ao cadro lucense, ben plantado con cinco atrás e dous pivotes por diante.
Esa acumulación de xogadores complicaba a tarefa aos branquiazuis, que chocaban unha e outra vez contra o muro visitante. En todo caso, aínda que sen concretar ningunha acción de perigo, ben por non atopar rematador ou ben por non poder golpear a tempo, mascábase que podía chegar o gol.
O Villalbés estaba a conseguir o seu obxectivo de manterse sólido atrás, sen perder o medo a estirarse cando podía, e foi así como tería a súa ocasión máis clara. Combinaron os tres de arriba, Santi, Pablo e Álex, acabando a xogada este último desde unha posición escorada e atopándose co pau, aínda que Pato estaba a tapar ben o arco.
Pola súa banda, o Compos, sen concretar ningunha desas opcións, atoparía a máis clara do primeiro tempo desde o balón parado. Remate de cabeza de Manu Barreiro cara ao segundo pau, á saída dun córner, que salvaría Santomé cunha gran voada.
A pesar diso, o marcador non se moveu e chegouse ao intermedio co resultado inicial, 0-0.
Á volta dos vestiarios, os nosos partiron coa mesma premisa de levar o peso do encontro. Con todo, serían os visitantes os que se atoparían cun premio inesperado.
No 48, un mal pase na saída de balón era interceptado polo centro do campo visitante, a pelota quedaba morta no círculo central e Santi Gegunde, tras avanzar uns metros, picábaa desde alí para aloxala na rede. Un golazo do exxogador do Compos, que aproveitou a posición adiantada de Pato para mostrar a súa clase e mandala con suavidade ás mallas.
O 0-1 complicaba a tarefa para o Compos, escaso de confianza neste tramo da tempada. Tocaba envorcarse con todo e iso deixaba espazos a un rival perigoso nos contragolpes como o Villalbés.
Esta situación de xogo quedaría patente cinco minutos máis tarde cando un despexe da defensa lucense, prolongado por Rares, deixaba a Álex Pérez no man a man contra Pato, pero aí apareceu salvador o porteiro para deixar aos nosos con vida.
Esa vida extra permitiu aos nosos probalo con centros laterais, pero ningún atopaba a cabeza dos atacantes compostelanistas. E o peor sería que no 69, chegaría un novo tanto para o Villalbés. Santi volvía erixirse en protagonista, controlando de costas e pondo unha gran asistencia para Rares, que se plantou ante Pato e fusilou a pelota ao fondo das mallas, 0-2.
Con máis corazón que cabeza, o Compos non quixo quedar na lona e tentou levantarse tirando de orgullo. Máis aínda tras quedar con 10 o Villalbés, pola expulsión a López con vermella directa, pero non houbo maneira.
Final, 0-2, e unha semana máis na que os nosos se marchan do Vero Boquete sen premio.
FICHA TÉCNICA
0 – SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Pep Caballé, David Soto, Álvaro Casas, Euse (Samu Araujo, m.64); Antón de Vicente (Jordan, m.73), Pablo Antas; Parapar, Jaime Santos (Fran López, m.73), Hugo Matos (Juampa, m.64); e Manu Barreiro.
2 – RACING CLUB VILLALBÉS: Santomé; José Varela, Quico, Vérez, Nathan (Javi Rey, m.91), Luis (López, m.58); Uzal, Javi Varela; Santi (Make, m.74), Pablo Rey (Rares, m.46), e Álex Pérez (Isaac, m.58).
GOLES: 0-1: Santi, min.48; 0-2: Rares, min.69.
ÁRBITRO: Gómez Lameiro (Galicia). Expulsou a López (m.80) con vermella directa. Ademais, amoestou a Álvaro Casas, Pablo Antas, Pep Caballé e David Soto, polo Compos; e a Luis, Vérez e Rares, polo Villalbés.
INCIDENCIAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 7 do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 1.104 espectadores.