-
Na estrea en casa de Michel Alonso e de Lenovo como patrocinador, o Compos levou a vitoria por 4-1 contra o Valladolid
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2023
A SD Compostela de Michel Alonso sorrí. Na estrea do técnico compostelanista e de Lenovo como novo patrocinador oficial, os nosos sumaron unha nova vitoria, a segunda seguida. Triunfo claro por 4-1 contra o Valladolid Promesas para ilusionar á afección e celebrar ao grande antes do soño da Copa do Rei.
A vitoria chegou nun gran encontro dos nosos, con dous goles por parte e un Compos dominador. Na primeira, en catro minutos, Manu Barreiro e Juampa puñan as cousas de cara. Con todo, o Valladolid metíase no duelo, antes do descanso, cun tanto de Pozo. Pero, sen relaxarse, na segunda chegou a sentenza con outras dúas marteladas. Primeiro, cun tanto de Parapar, á contra, e despois con outro de Manu Barreiro, o seu dobrete, á saída dun córner.
Con novo patrocinador, nova camiseta e ánimos renovados tras conseguir en Torrelavega un triunfo que se lle resistía, a SD Compostela regresaba ao Vero Boquete. Cunha nova cara, por tanto, o Compos reencontrábase coa súa afección, no que era o debut en casa de Michel Alonso como técnico compostelanista.
A estrea do adestrador en Cantabria deixara boas impresións, e o máis importante, tres puntos para o bote, polo que a parroquia branquiazul quería comprobar esa melloría dos seus.
Presentábase, deste xeito, un partido con moitos alicientes ante o Valladolid B e os nosos non querían desagradar. Con Lenovo e Motorola vestindo a camiseta branquiazul, o Compos saíu a por todas desde o inicio para sumar a súa segunda vitoria seguida.
Para o encontro, Michel Alonso expuxo dous cambios respecto á estrea, aínda que sen variar o sistema que tanto rédito lle deu. Jaime Santos entrou no carril dereito, mentres que Jordan ocupou o centro, substituíndo ao sancionado Pablo Antas.
Con estes cambios, o encontro arrincou moito mellor que fai sete días. Os nosos saíron a dominar e conseguírono, cunha presión adiantaba que a punto estivo de dar os seus froitos, pero Juampa atopouse coa perna de Picón tras roubarlle a carteira.
Era o minuto 6 e a bancada do Vero Boquete xa vía outro estilo sobre o verde, unha imaxe que se prolongaba no tempo e que demostraba que o Compos estaba preto do gol.
Houbo que esperar, ata a media hora, pero acabou caendo ese primeiro da tarde. Fíxoo, como non, Manu Barreiro. O ariete compostelán marcou o seu cuarto gol da tempada cun gran testarazo, no segundo pau, tras un sensacional centro pasado de David Soto. O central, por segunda xornada seguida, atopaba ao dianteiro para que marcase a pracer.
E sen tempo para reporse, chegou o segundo, de novo, nunha acción pola dereita. Jaime Santos, demostrando as súas calidades ofensivas, aproveitou a súa posición no carril para facer a parede con Manu, entrar na área e servila ao corazón da área pequena para que Juampa, pescando a pelota coa súa zurda, levara a tolemia á bancada. Terceiro gol en dúas xornadas para o extremo e 2-0.
As boas sensacións estaban a traducirse nun bo resultado para os intereses branquiazuis, pero o Valladolid non estaba polo labor de dar o seu brazo a torcer. E froito dese ímpeto conseguirían meterse no encontro, xusto antes do intermedio. Foi por mediación de Pozo, que cazou a pelota no bordo da área e soltou un golpeo rápido coa súa zurda ao que non chegou Pato.
Deste xeito, co tanto visitante, a vantaxe recortábase, aínda que os nosos marchábanse con vantaxe no luminoso, 2-1.
Á volta dos vestiarios, o Valladolid seguiu con esa dinámica do final do primeiro tempo, cun Compos máis en fase defensiva. Aínda que os nosos non sufrían, non conseguían ter a pelota e iso provocaba que os visitantes se crecesen.
En todo caso, o filial valisoletano estaba a deixar espazos ás costas da zaga e eses ocos acabounos atopando o Compos. Nunha xogada moi rápida de contraataque, Jordan conectou con Manu Barreiro, este con Juampa e o compostelán lanzou a Parapar, devolvéndolle o favor do domingo pasado. O extremo coruñés regateou ao porteiro e foi quen de mandar a pelota á rede. Un golazo de Parapar, o seu primeiro do ano, para gañar tranquilidade. 3-1.
Ese tanto fixo moito dano aos visitantes e fixo que crecesen os nosos, aínda máis. O Compos volveu dominar a pelota, a levar a batuta do duelo e acabou golpeando unha vez máis.
Non foi Jordan, no 77, que de cabeza atopou a manopla de Picón, pero si foi na xogada seguinte. O de Salvaterra non foi goleador, pero si asistente, pondo o córner perfecto para a cabeza dun Manu Barreiro que remachou coa testa o seu dobrete. 4-1, quinto gol da campaña para o ‘9’ do Compos, e partido sentenciado.
Con ampla vantaxe, os minutos discorreron, houbo tempo para que a bancada agradecese a entrega dos nosos e para celebrar unha vitoria na casa despois de moitas semanas. Por iso, pechouse a contenda coa alegría do 4-1.
Seis puntos de seis para Michel Alonso e un Compos que segue crecendo da man do novo técnico compostelanista. Coa alegría da vitoria, agora a pensar no soño da Copa, este mércores ás 12.00, contra o Tenerife no Vero Boquete.
FICHA TÉCNICA
4 – SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Jaime Santos, David Soto (Kike, m.46), Álvaro Casas, Euse, Samu Araujo; Antón de Vicente, Jordan; Parapar (Hugo Matos, m.78), Juampa (Fer Beltrán, m.67) e Manu Barreiro (Fran López, m.82).
1 – REAL VALLADOLID PROMESAS: Picón; Iker (Husic, m.78), Iago Parente (Dani Fernández, m.21), Tito, Koke (Yaguito, m.78); Pozo, J. Martínez, Verde, X. Moreno; Yago Paredes (Enrique, m.67) e Salazar.
GOLES: 1-0: Manu Barrreiro, min.30; 2-0: Juampa, min.34.; 2-1: Pozo, min.45; 3-1: Parapar, min.66; 4-1: Manu Barreiro, min.78.
ÁRBITRO: Castellanos Argüeso (Cantabria). Amoestou a Samu Araujo, Jordan e Fer Beltrán, polo Compos; e a Yago Paredes e Tito, polo Valladolid B.
INCIDENCIAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 9 do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 1.383 espectadores.