-
Con ficha sub23 e unha gran proxección, Manu Rivas regresa ao Compos tras despuntar no Atlético Arteixo
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024
Un canteirán volve a casa. Manuel Rivas Capeáns (Brión, 09/06/2003), máis coñecido como Manu Rivas, é a segunda fichaxe da SD Compostela para a Tempada 2024/25. O mozo futbolista compostelán, con ficha sub23, regresa ao Compos tras despuntar na Terceira RFEF co Atlético Arteixo. Firma por 1 campaña, con opción a outra máis.
Manu Rivas é un xogador zurdo técnico, moi potente e cun gran poderío físico. A iso suma a súa polivalencia para desenvolverse na banda, xa que as súas calidades permítenlle actuar tanto de lateral como de extremo. Un futbolista que coñece moi ben a casa e que conta ademais cunha gran proxección.
Esas calidades e ese potencial levaron á dirección deportiva da SD Compostela a afrontar a súa fichaxe para a próxima tempada. E é que Manu Rivas leva mantendo unha constante liña de crecemento dende as categorías inferiores, unha proxección que lle permite agora dar o salto á Segunda RFEF.
Nesta liña, desde a súa chegada ao Compos, foi un talismán para o equipo. Así, nos seus dous cursos como xuvenil, logrou senllos ascensos a Liga Nacional e División de Honra, sendo un dos futbolistas máis destacados do conxunto da Canteira Picheleira.
A ese gran labor na base, uniuse tamén a súa presenza continua no traballo do primeiro equipo. O seu alto rendemento levoulle a ser un dos elixidos para o playoff da burbulla do covid, estando presente no ascenso logrado en Balaídos a Segunda División B. Do mesmo xeito, ao curso seguinte e tras merecelo moito, Manu Rivas debutou co primeiro equipo na segunda fase da competición, nun encontro contra o Marino de Luanco.
Tras dúas campañas excepcionais en Santiago, os seus estudos levárono a Coruña, fichando polo Deportivo no seu último ano xuvenil, no que disputaría a UEFA Youth League co conxunto herculino, sendo un fixo nos onces.
Unha vez terminada a súa etapa formativa, ficharía no filial do Compos, o Sigüeiro, tendo unha brillante tempada en Preferente no que era o seu primeiro ano sénior. En total, disputou 32 encontros de liga, nos que marcou tamén 4 goles.
E de Preferente, Manu Rivas pasaría o curso pasado a Terceira RFEF, enrolándose nas filas do Atlético Arteixo, onde callaría outro ano excepcional. Sendo unha das pezas chave do cadro coruñés, pelexou polo playoff de ascenso ata as últimas xornadas, pechando a liga na sexta posición. En total, disputou 25 encontros (só unha lesión nas primeiras xornadas privoulle dunha participación maior), rozando os 2.000 minutos de xogo e anotando ademais outros 4 tantos.
Con esa bagaxe como sénior, sobe outra categoría máis da man do seu Compos, club no que agarda seguir coa súa proxección, axudando ao equipo a lograr os seus obxectivos da man de Antón Permuy, técnico ao que coñece moi ben da súa etapa nas categorías inferiores.
Benvido de novo e moita sorte, Manu!