-
Os branquiazuis asaltaron Las Llanas e recibirán a un equipo de Primeira División no Vero Boquete na Copa
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024
A SD Compostela xogará a Copa do Rei, e farao recibindo a un equipo de Primeira División no Vero Boquete. Os nosos asaltaron Las Llanas, superando por 0-1 ao Sestao River, conxunto de superior categoría. Un gol de Ocaña, no primeiro tempo, serviu ao Compos para conseguir o ansiado billete.
Ademais, con este triunfo, os nosos clasificáronse tamén para as semifinais da Copa Federación, rolda que se xogará o vindeiro mércores no Vero Boquete de San Lázaro. O rival será o Poblense.
A dobre clasificación logrouse non sen sufrimento, pero nun duelo no que o Compos demostrou esa solidez que pedía Antón Permuy. Seguros atrás, cun imperial Iago Domínguez, aproveitaron a súa ocasión, no minuto 14, nun córner botado por Fer Cano e rematado a pracer por Ocaña, no que era o seu primeiro gol como compostelanista.
Con vantaxe houbo que aguantar as acometidas locais, pero a defensa estivo moi atenta a cada centro. De feito, en toda a segunda metade, a única ocasión de perigo local chegaría no último minuto, nas botas de Diego Aznar, pero o seu disparo desde o interior da área sacouno, cunha gran estirada felina, Iago.
Pola súa banda, os nosos tampouco renunciaron ao ataque, contando con dúas accións claras, ambas na primeira metade. Un balón gañado por Santi de Prado en carreira e un golpeo desde a frontal de Carlos Cinta foron as mellores oportunidades para ampliar a vantaxe, pero ambas sacounas á perfección o porteiro.
Ademais, o encontro en Las Llanas de Copa deixounos tamén unha estrea, a de Selasi como xogador do Compos. O novo mediocentro saíu nos minutos finais e estivo moi seguro en cada acción na que participou.
Agora, tocará desfrutar do sorteo da Copa do Rei, no que tocará un conxunto de Primeira División, e preparar xa o duelo de liga deste domingo, en Santander, contra o Rayo Cantabria. Os nosos queren que a ilusión da Copa lles axude a tomar impulso na tempada.
FICHA TÉCNICA
0 – SESTAO RIVER: Javi Garrido; Joseda, Anton E. (C. Blanco, min.45+3), Gálvez E., C. Cordero; M. Bustillo, Adri Gómez; Markel, Leandro, Sergi (Etxaniz, min.61); e Diego AV.
1 – SD COMPOSTELA: Iago Domínguez; Santi de Prado, Roque, Kike, David Soto, Ocaña; Álvaro Casas (Samu, min.85), Trasi (Selasi, min.81), Fer Cano (Landeira, min.81); Hugo Matos (Pablo Antas, min.81) e Carlos Cinta (Manu Barreiro, min.57).
GOLES: 0-1: Ocaña, min.14.
ÁRBITRO: Calvo Martínez (A Rioxa). Amoestou a Markel e M. Bustillo, polo Sestao; e a Kike, Ocaña, Santi de Prado, Manu Barreiro e Iago Domínguez, polo Compos.
INCIDENCIAS: Campo Municipal de Fútbol de Las Llanas (Sestao). Cuartos de Final de Copa Federación.




