-
0-4 para o Compos no derbi das Eiroas, con hat-trick de Samu, para encadear dous triunfos seguidos
Carballo, 9 de novembro de 2024
A SD Compostela segue co seu paso firme. Os nosos superaron por 0-4 ao Bergantiños, nun derbi no que destacou Samu Rodríguez, cun hat-trick. Triunfo de moito mérito para o Compos, nun campo moi complicado, para continuar coa liña ascendente das últimas semanas e escalar postos na táboa.
O derbi de Carballo púxose de cara para os intereses do Compos na primeira metade e rematouse na segunda. Un auténtico partidazo de todos, sometendo a un rival que chegaba na parte alta e sen coñecer a derrota no seu campo. Ademais, fíxose cunha nova portería a cero, por cuarta xornada consecutiva.
Precisamente, para seguir coa súa xeira de imbatibilidade, Rabanillo tamén tivo o seu papel protagonista, detendo un penalti á media hora. O porteiro adiviñou as intencións de Marcos Remeseiro, sostendo ao Compos ante o pulo inicial do Bergantiños.
Ese penalti parado foi o inicio da treboada perfecta do Compos, xa que tres minutos máis tarde chegaría o primeiro gol. Unha auténtica obra de arte de Samu , cunha chilena perfecta para coala axustada ao pau. O mediocentro de Val do Dubra, hoxe xogando de extremo, aproveitou unha pelota solta na área, despois do despexe coa perna do porteiro ao intento de asistencia de Santi de Prado para Fer Cano, para cruzala ao pau contrario e levar o delirio á bancada, na que había unha gran presenza de afeccionados compostelanistas.
Con ese 0-1 chegaríase ao intermedio, deixando todo por decidir para unha segunda metade na que o Compos aínda foi a máis. Pasada a hora de xogo, tras varios achegamentos previos, chegou a sentenza, con dous goles en dous minutos, ambos de Samu Rodríguez.
Primeiro, nun saque de banda remachou á rede unha acción de moitos quilates de Fer Cano e Manu Barreiro. O primeiro rompeu a tres defensores cunha asistencia de tacón e o segundo, coa mesma parte do pé, tentou o gol. Aínda que non o conseguiu polo paradón do porteiro, a súa potencia e colocación levou o balón ás botas de Samu, moi oportunista, para pór o seu dobrete particular.
E na seguinte xogada, roubou Manu Barreiro, púxoa para a carreira de Samu e este bateu por baixo ao porteiro local para selar o seu hat-trick.
Non se relaxou o Compos co 0-3 nin tampouco cos cambios, e iso permitiu que se vise outro gol máis. Puido ser obra de Fer Cano, pero o seu remate de cabeza, trala asistencia de Roque, pegou no pau e sacouna un defensa na liña. Pero o protagonismo foi para Ocaña, con outro auténtico golazo. O defensor soltou un canonazo desde a esquina da área que pegou na escuadra e coouse na portería, 0-4.
Con esta gran vitoria o Compos acumula dúas vitorias seguidas na liga e suma dez puntos dos doce últimos. Ademais, tamén leva catro xornadas sen encaixar. Todo iso permítelle escalar posicións na táboa e manter unha liña ascendente.
Con esa ilusión, esta semana tocará unha nova dobre cita. O mércores, a polo soño da Copa Federación, disputando a final en Estremadura. E o domingo na casa, a manter a boa dinámica contra o Llanera.
FICHA TÉCNICA
0 – BERGANTIÑOS FC: Tomaz; Bastos, Keita, Fito (Iago Martínez, min.46), Tiján (Currás, min.46); Uzal (Molina, min.67); Antañón, Remeseiro (Manu Núñez, min.46), Álex Ramos, Omar (Musy, min.72); Pachón.
4 – SD COMPOSTELA: Rabanillo; Santi de Prado (David Soto, min.76), Roque, Pablo Crespo, Ocaña, Manu Rivas; Selasi (Trasi, min.83), Álvaro Casas (Pablo Antas, min.70); Fer Cano (Óscar Gil, min.83), Samu (Landeira, min.76) e Manu Barreiro.
GOLES: 0-1: Samu, min.33; 0-2: Samu, min.65; 0-3: Samu, min.67; 0-4: Ocaña, min.90.
ÁRBITRO: García Presa (Castela e León). Amoestou a Tiján, Fito, Manu Núñez e Álex Ramos, polo Bergan; e a Rabanillo e Fer Cano, polo Compos.
INCIDENCIAS: Campo Municipal das Eiroas (Carballo). Xornada 11 do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado en Carballo, cunha nutrida presenza de afeccionados desprazados desde Santiago. Antes do partido gardouse un minuto de silencio polos damnificados da DANA. Ademais, o Compos portou unha camiseta de apoio ao canteirán Marco Baña, lesionado de gravidade.