-
Damián Noya regresa a Santiago para reforzar a zaga compostelanista
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2025
Volta a casa. Damián Noya Tojo (Santiago de Compostela, 11/02/2002) é a terceira fichaxe da SD Compostela para a Tempada 2025/26. O mozo defensor regresa a Santiago, tras un longo período na canteira do Lugo, para buscar o ascenso co Compos. Firma por unha tempada.
Damián Noya é un polivalente defensa, que pode actuar tanto de lateral esquerdo como de central, e mesmo de centrocampista, e que destaca pola súa saída de balón, as súas calidades defensivas e tamén o seu poderío aéreo.
Aos seus 23 anos, o futbolista compostelán coñece moi ben a Terceira Federación, xa que disputou catro tempadas, con 69 partidos ás súas costas e dous ascensos a Segunda RFEF.
Precisamente, Damián Noya chega desa categoría, tras saír do Club Deportivo Lugo no pasado mercado invernal. Aterrou na UD Alzira, na que disputou doce partidos, todos como titular.
No que respecta á súa traxectoria na base do Lugo, estivo oito tempadas, cunha cesión intermedia ao Racing Vilalbés. Chegou en idade cadete, superando etapas e categorías, demostrando a súa proxección e talento.
O seu nivel levoulle a pasada campaña a debutar co primeiro equipo, disputando cinco encontros da Copa Federación, todos como titular. Ademais, foi convocado en Liga durante 12 xornadas, aínda que non chegou a xogar en Primeira RFEF.
Coa ilusión de regresar á súa casa, Damián Noya ficha polo Compos co obxectivo de lograr un novo ascenso na súa carreira deportiva.
Benvido, Damián!




