-
O capitán Samu pasará a formar parte da secretaría técnica do club tras 10 tempadas defendendo con honra a camiseta compostelanista
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2026
Unha lenda do Compos despídese do verde de San Lázaro. Samu Rodríguez, tras dez tempadas e 274 partidos oficiais, deixa a SD Compostela cun ascenso debaixo do brazo. Un peche perfecto a un legado que será lembrado por todos. E é que falar do Compos, é falar tamén de Samu: sempre será unha parte do noso escudo.
O seu liderado, compromiso, sacrificio e bo xogo deixaron unha pegada imborrable na memoria de toda a afección. Uns valores que casan á perfección coa identidade da SD Compostela.
Por iso, o club quixo que Samu se manteña vinculado ao seu Compos. E farao como parte da secretaría técnica da SD Compostela. Quen mellor para desenvolver un posto coma este que o noso capitán e emblema durante as últimas dez tempadas.
Desde a súa chegada, no verán de 2016, Samu deixouno todo polo ben do equipo, dentro e fóra do campo. Desde os seus primeiros anos en Terceira, sendo un dos máis novos do equipo, ata estes últimos cursos na Segunda e Terceira Federación, como capitán e unha das referencias do vestiario.
Un longo camiño con altos e baixos. Vímolo chorar, e choramos con el, como trala súa lesión en Tarazona, o ascenso frustrado contra o Salmantino ou o doloroso descenso a Terceira. Pero, sobre todo, vímolo desfrutar, e desfrutamos con el. Deleitámonos co seu fútbol, co seu esforzo, cos seus goles portando o brazalete e co seu liderado. E desfrutamos, coma el, dos seus dous ascensos, en Balaídos e Badalona.
Con eses bos momentos son cos que nos quedamos e, por iso, ese ascenso en terras catalás é a despedida perfecta a esta gran aventura xuntos. Agora, seguiremos desfrutando de ti desde a bancada do Vero Boquete.
Moitísimas grazas por todo o que deches polo ben do Compos. Estaremos eternamente agradecidos.
Sempre Samu! Sempre Compos!




