O Compos cae pola mínima en San Lázaro

4 de Outubro de 20260
Ces Cotos, autor da asistencia do gol, tivo que retirarse lesionado.
Buba foi o mellor do Compos, ademais de polo gol, polas ocasións xeradas.
Buba asinou o seu primeiro gol coa camiseta do Compos.
Parapar tivo accións de perigo pero, nesta ocasión, faltoulle o último pase.
O Compos caeu pola mínima en San Lázaro contra o Oviedo Vetusta.
Dani González gozou dunha clara oportunidade para marcar.
Diego Uzal, capitán, foi un pulmón no centro do campo.
Antón Guisande entrou na segunda metade.

Os nosos dispuxeron de moitas ocasións, pero a falta de acerto permitiu ao Oviedo Vetusta levar os tres puntos

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2026

A SD Compostela perdeu por segunda xornada consecutiva por un só tanto, logo da derrota en Eibar a semana pasada. Ao igual que ocorreu no País Vasco, esta tarde os nosos contaron con numerosas chegadas, mais a falta de concreción permitiu aos asturianos gañar o encontro por 1-2.

O Compos volvía ao Vero Boquete logo de vencer no último partido como local por 2-0 ao Sestao River. En fronte estaba o Oviedo Vetusta, quen comezaba a xornada tendo tamén 4 puntos.

Iniciou parello o choque, con varios achegamentos a área rival para ambos conxuntos. Turby, gran novidade no once ao obter a súa primeira titularidade, tivo a máis clara ao rematar cruzado un centro de Mario Hermo dende a banda dereita. Pola súa parte, os “carbayones” tentaron varios disparos de lonxe sen gran éxito.

No minuto 18 chegaría o único gol do Compos. Ces Cotos filtrou un excelente pase ao oco para deixar a Buba diante da portería, quen lograría anotar en segunda instancia debaixo dos paus, logo dunha gran intervención do gardameta Sauri. Apretou o Compos despois do gol, con varias xogadas ao espazo que resultaron perigosas, maioritariamente protagonizadas por Buba e Turby.

Porén, reaccionou rápido o Vetusta, pois empataría o encontro no minuto 25. Malia á gran intervención de Edu Sousa ao primeiro lanzamento de Óscar de la Hera, Jaime Coballes poría as táboas no marcador cun disparo que entrou con fortuna na portería, logo de petar nun defensor compostelán.

O gol dos contrincantes non freou ao Compos, que se repuxo á lesión de Ces Cotos no minuto 33. No seu lugar entrou Goris, quen nada máis saltar ao verde colgou un bo centro a Buba para que este rematara de cabeza, pero o defensor Iker Navarro enviou o balón a córner. Na contra desa xogada a balón parado, Mario Hermo evitou in extremis o man a man dun contrario cunha gran acción indo ao chan.

Seguiron as ocasións para a Esedé nos últimos minutos da primeira metade, e esta vez por partida dobre. No minuto 44 foi Dani González cun forte disparo, e no 45 Uzal cun remate de cabeza. En ambas ocasións, o gardameta Sauri erixiuse como heroe.

A pesar da superioridade local, o Vetusta aproveitou a última xogada do primeiro tempo. Enzo Cazorla regateou a varios defensores branquiazuis, e sacou un disparo cruzado que poñía o 1-2 no marcador no derradeiro minuto 48 de engadido.

Os de Carlos de Lerma arrincaron xenial o segundo tempo, cun gran dominio de balón e máis oportunidades para obter o segundo gol. No 47 chegaría a primeira xogada clara, pois un centro de Buba acabaría por tocar na trabe, logo dun desvío da zaga oviedista. Catro minutos despois, Turby tería un claro cabezazo dentro da área, pero o porteiro rival evitou novamente o tanto.

Continuaron a atacar os nosos, o que propiciou varias contras rivais que estiveron a piques de liquidar o encontro. Unha delas sería no minuto 65, pero o bo facer, primeiro de Edu Sousa, e despois de Miguel Prado, mantiveron o partido vivo ata o final.

A última oportunidade para empatar apareceu no minuto 87, cando un gran pase en profundidade de Manu Rivas deixou a Turby só, pero esquinado, diante da portería rival. O canteirán aproveitou a saída do arqueiro para superalo, pero o balón escapou rozando o pau.

Esta derrota supón un duro castigo para os nosos logo do visto no terreo do xogo, pero a semana que vén haberá unha nova oportunidade para intentar repoñerse. Será o domingo 11 de outubro, ás 17 horas, no Vao, fronte ao Coruxo.

FICHA TÉCNICA

1- SD Compostela: Edu Sousa, Mario Hermo (Jordan, min.68), Miguel Prado, Unai Peón, Roque (Manu Rivas, min.77), Turby, Diego Uzal, Ces Cotos (Goris, min.33), Parapar (Antón Guisande, min.68), Dani González e Buba (Teofilovic, min.77).

2- Real Oviedo Vetusta: Mate Sauri, Adrián Fernández, Adri Lopes (Miguel González, min.79), Iker Navarro, Lamine Gueye, Cheli, Gerard Márquez (Héctor González, min.79), Jaime Coballes, Jaime Fuentes (Diego Espinosa, min.59), Enzo Cazorla (Miguel Clavería, min.79) e Óscar de La Hera (Abraham, min.59).

Goles: 1-0: Buba, min.18; 1-1: Jaime Coballes, min.25; 1-2: Enzo Cazorla, min.45+3.

Árbitro: Guillermo Íñigo (Castela e León). Amonestou a un xogador do Compos: Unai Peón (minuto 66) e a dous xogadores rivais: Enzo Cazorla (minuto 59) e Diego Espinosa (minuto 68).

Incidencias: Partido disputado no Estadio Vero Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela), correspondente á xornada 5 de Liga do Grupo 1 da Segunda Federación. Asistiron ao encontro 1.280 espectadores. Ces Cotos tivo que ser substituído no minuto 33 por mor dunha lesión.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

Youtube

Instagram Compos

Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.