Maximino Abraldes: “Ser o abonado número 1 é algo que me fai moita ilusión”

7 de Setembro de 2018
Maximino Abraldes coa bufanda desta tempada.
Maximino Abraldes coa bufanda desta tempada.

Santiago de Compostela, a 7 de Setembro de 2018.

Aos seus 53 anos, Maximino Abraldes leva tres tempadas como abonado número 1 da SD Compostela. 45 anos unido ao club da súa vida nos que viviu grandes momentos, tanto en Santa Isabel como en San Lázaro, e un futuro que agarda que depare historias tan incribles como no pasado.

Cando e como comezou a súa vinculación coa SD Compostela?

O meu primeiro contacto co Compostela foi na tempada 72-73 cando o meu pai me levou ao vello Santa Isabel para ver un partido contra o Bilbao Athletic. Encantoume e ao ano seguinte miña nai regaloume o carné de socio. A miña vinculación co club, nestes anos, non foi só de socio ou abonado, senón que fun accionista cando se converteu a Sociedade Anónima Deportiva e a principios dos anos 80 xoguei nas categorías inferiores.

Que significa para vostede ser o abonado número 1 da entidade?

É algo que me fai moita ilusión. De pequeno, pensaba que igual algún día chegaría a ser o número 1 e agora que o son, aquela ilusión de neno, converteuse en realidade.

Que supón para vostede un día de partido?

É un día de diversión, de ver un deporte que me encanta, que é o fútbol, e de sentir unhas cores, o azul e branco do Compostela.

Que recordos ten de Santa Isabel e San Lázaro?

Os dous estadios tráenme moi bos recordos, malia que tamén houbo momentos nos que se sufriu. En Santa Isabel, o mellor recordo foi sen dúbida o ascenso a Segunda División na época de Fernando Castro Santos e en San Lázaro o mellor foi ver á afección envorcada co equipo, co estadio cheo de bandeiras e bufandas branquiazuis. Destacaría, sobre todo, o triunfo ante o Tenerife, na primeira tempada en Primeira División e que permitiu a salvación. Acórdome moitísimo tamén da vitoria ante o Barcelona de Johan Cruyff, un triunfo contra o Espanyol que supuxo o subcampionato de inverno ou, máis recentemente, a volta a Segunda División contra o Barcelona B, na liguiña de ascenso, ou o ascenso contra o Monzón e o Cieza.

Despois de tanto tempo ligado ao club, como marcou a SD Compostela a súa vida?

Marcouna bastante porque estiven tempo traballando e estudando fóra e, ás veces, facía coincidir as miñas viaxes a Galicia con partidos do Compos na casa, para así poder ver ao meu equipo.

Por que merece a pena abonarse ao equipo?

Merece a pena porque hai que apoiar ao equipo da cidade, porque todos aos que nos gusta o fútbol debemos axudar.

Que lle diría aos máis novos para que se interesen polo club?

Diríalles que así como hai moitos anos, cando eu me fixen abonado, non pensábamos en chegar a Primeira División e conseguímolo, que se vaian facendo abonados agora de mozos, que lle vaian collendo agarimo ao equipo e entre todos, subindo chanzos, podemos conseguilo.

Falando máis do presente, que lle parece o proxecto que se iniciou fai tres veráns?

É un proxecto moi interesante. Ter xente da casa sempre axuda moitísimo. Non somos un equipo que pola economía nos permita poder tirar de talonario, senón rodearse de xente nova e que se vaia formando. Creo que é un proxecto moi ilusionante e a xente que o está traballando está a facelo moi ben.

O curso pasado, no playoff, volvemos ver a San Lázaro vestido coas mellores galas. Que ten de especial este equipo para enganchar á xente?

Ter unha base da casa axuda a que veña máis xente. E o día do Salmantino, creo que a xente que lle gusta o fútbol en Santiago estaba a desexar volver a San Lázaro, a ilusionarse con algo, e ver tan preto o ascenso creo que foi o que fixo que San Lázaro se vise con ese gran aspecto.

Cre que este ano se pode lograr o ascenso?

É moi pronto para dicilo, ten boa pinta, pero hai que ver como evoluciona o equipo. Con todo, creo que non debemos obsesionarnos co ascenso. Creo que temos que ir paso a paso. O obxectivo primordial debe ser clasificarse para o playoff. Se o facemos e temos un pouco máis de sorte que o ano pasado, creo que o podemos conseguir.

Por último, con vostede de abonado número 1, é posible chegar de novo ao fútbol profesional?

É difícil, pero non imposible. Para que isto sexa posible non temos só que implicarnos os abonados ou os xogadores, senón que require unha implicación global de toda a cidade, desde as empresas, os restaurantes e ata as institucións, que dunha maneira ou doutra teñen que apoiar ao proxecto. Se unha vez se conseguiu, porque non imos poder logralo outra vez.

Youtube

Instagram Compos

Facebook

15 hours ago

SD Compostela
🔥🩵🤍 PREVIAO Compos visita A Lomba en busca do seu terceiro triunfo consecutivo lonxe de San Lázaro 🗓️ Os nosos xogarán este domingo ás 17 horas fronte ao Arosa nun campo no que xa gañaron o curso pasado por 0-2 con dous goles de Antón Guisande 📸 Ignacio Castaño Gómez#ArosaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

19 hours ago

SD Compostela
🎙️ Previa Carlos de Lerma | Xornada 10🩵🤍 O adestrador compostelanista falou sobre o estado físico dos seus, do modelo que intenta implantar e das claves que marcarán este derbi en Vilagarcía#arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🩵🤍 Os nosos desfrutaron hoxe dunha comida grupal na Parrilla O Establo Unha visita ao noso patrocinador para facer 🍍, antes do derbi, e desfrutar dunha boa parrillaMoitas grazas pola acollida e polo bo trato, coma sempre 🥰 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🧐 Repetimos? Este domingo, na Lomba, queremos vivir unha gran tarde de fútbol como a tempada pasada!Co voso apoio podemos conseguilo de novo! 💪🩵🤍📸 Nacho Castaño #arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

3 days ago

SD Compostela
𝐀 𝐂𝐚𝐧𝐭𝐞𝐢𝐫𝐚 𝐏𝐢𝐜𝐡𝐞𝐥𝐞𝐢𝐫𝐚📸 Velaquí a foto de familia con todos e todas as integrantes da nosa canteira e de todos os equipos da SD Compostela e do CD Conxo Santiago O proxecto segue medrando, consolidándose como unha das referencias do fútbol base galego onde gozan do deporte más de 500 xogadores e xogadores e conta con 55 adestradores. Non só pola súa cantidade, senón tamén pola calidade dos nosos equipos é que podemos estar orgullosos e orgullosas. Actualmente seguimos presentes na División de Honra xuvenil, a categoría punteira do fútbol formativo nacional. Contamos ademais con representación na Liga Nacional e con equipos nas distintas Divisións de Honra tanto cadetes (por dobre partida) como infantil.Mirando cara abaixo a imaxe non pode ser máis positiva. O noso fútbol 8 e fútbol 7 tamén crece con seis equipos alevíns, cinco benxamíns, tres prebenxamíns e un Biberón. O curso pasado os nosos cativos e cativas fixeron historia clasificando en todas as categorías para a Fase Final do Campionato Galego. Entre todos e todas intentaremos que siga sendo un orgullo formar parte da Canteira Picheleira!🤍🩵🤍#canteirapicheleira ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

CONTACTO

sdcompostela@sdcompostela.com

981 57 70 41

Av. de Fernando de Casas Novoa, 20, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña.

 

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.