- Os branquiazuis, a pesar das ocasións da segunda metade, caeron pola mínima, 1-0
Vigo, 12 de marzo de 2023
A SD Compostela caeu no derbi contra o Coruxo, 1-0, nun encontro no que lle faltou fortuna de cara á portería. Os nosos tentárono, sobre todo na segunda metade, pero non foron quen de acertar, por segunda semana seguida, na meta rival. Por iso, os puntos quedaron en Vigo.
Acompañado por máis de trescentos afeccionados, moitos deles desprazados nos autobuses postos polo club, a SD Compostela quería prolongar o seu bo momento como visitante en Coruxo . Recuperando a Samu e Jordan tras a sanción, ambos directos ao once, Fabiano quería un equipo enchufado desde o inicio, capaz de imprimirlle un ritmo alto ao xogo contra un rival que estreaba banco na casa.
Con ambas novidades, que se sumaban á entrada de Martín no carril zurdo, o Compos arrincou mellor o derbi. Precisamente, o lateral esquerdo branquiazul foi o primeiro en avisar, cun disparo desde a frontal que chapou sen problemas Alberto.
Eran minutos de claro dominio branquiazul, aínda que o Coruxo tamén quixo pór o seu punto ao partido. Cunha presión adiantada, conseguía roubar moitos balóns e iso impedía que os nosos triangulasen en zonas perigosas.
Aínda así, aproveitando os ocos ás costas da defensa, teríaa Mario nas súas botas. Foise só contra Alberto, pero nesta ocasión disparou centrado e puido despexala sen problemas o porteiro.
E do que puido ser o 0-1, pasouse ao 1-0. Nunha xogada algo embarullada, cunha falta continuada e un mal pase na saída de balón, o Coruxo sacou partido. Os locais aproveitaron a concesión e, por medio de Gandoy, cun disparo cruzado axustado, puxo o primeiro no marcador.
Mesmo co impulso do tanto, puido caer o segundo, pero o cabezazo de Yelco no segundo pau fóiselle arriba.
Ata o intermedio, os nosos tentárono, pero os vigueses estaban moi ben axustados en defensa e xa non houbo forma de xerar perigo, chegándose ao descanso coa vantaxe local.
Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas, pero con Álvaro Casas adiantado ao centro do campo, os nosos saíron a por todas ante un Coruxo máis repregado, pero tentando sorprender á contra. Precisamente, por esa vía, os locais terían a súa oportunidade aos tres minutos de arrincar, pero Pitu, forzado, enviouna fóra no segundo pau.
Reaccionou rápido o Compos e ao minuto, Martín tentaríao cunha volea que se escapou por moi pouco.
Fabiano quixo axitar a cocteleira, entraron Jaime, Parapar e Allyson de refresco e os nosos comezaron a intimidar a área de Alberto, ante un Coruxo cada vez máis metido atrás. Os ataques de Riki Mangana, pola dereita, eran un constante perigo para os nosos e o lateral sería o protagonista, no 70, cun disparo coa zurda que sacou moi ben Alberto.
Catro máis tarde, tamén pola súa banda, esta vez aproveitando a caída de Parapar, o coruñés entrou na área, serviuna atrás para Jaime Santos, pero o disparo do mediocentro atrapouno sen problemas o porteiro.
Con todo, a máis clara chegaría no 80. Outra vez Riki Mangana avanzou pola banda, púxoa por abaixo á área pequena con mestría, pero Allyson, só de marca, non foi quen de empuxala á rede.
Ata o final, os nosos seguírono tentando, aínda que máis con corazón que cabeza. Maniataron aos locais, metéronos na súa área, pero non foron quen de conectar ningún remate con perigo, polo que a contenda acabou co triunfo local por 1-0.
A pesar da derrota, os nosos terminarán a xornada na segunda praza, aínda que tocará seguir traballando para encarar, o vindeiro domingo, no Vero Boquete, un novo derbi decisivo para afianzarse nas posicións de playoff. Chega o Bergantiños e necesitaremos do apoio da afección para retomar, como na primeira volta, a senda da vitoria.
FICHA TÉCNICA
1- CORUXO FC: Alberto; Johan, Lucas, Andriu, Marcos (Aitor Aspas, m.32); Antón de Vicente (Antonini, m.75), Gandoy; Yelco (Erik Bugarín, m.75), Pitu, Chiqui (Añón, m.75); e Youssef (Luismi, m.64).
0- SD COMPOSTELA: Borja Rey; Riki Mangana, Álvaro Casas, Pablo Crespo, Martín; Pablo Antas, Samu (Parapar, m.68), Fer Beltrán, Jordan; Mario Rodríguez (Allyson, m.78) e Darío (Jaime Santos, m.68).
GOLES: 1-0: Gandoy, min.35.
ÁRBITRO: Gao Aladro (Asturias). Amoestou a Marcos e Chiqui, polo Coruxo.
INCIDENCIAS: Estadio do Vao (Vigo). Xornada 25 do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante uns 1.000 espectadores. Un gran ambiente, con máis de trescentos afeccionados desprazados desde Santiago.