-
Juan Carlos Andrés apunta que só pensa no triunfo e que o Compos deberá facer un gran partido para superar ao Marino
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2023
A SD Compostela xógase este domingo a clasificación para a Fase de Ascenso. Será un partido de playoff adiantado á última xornada de liga. Os nosos xóganse todo na casa, ás 12.00 horas, contra o Marino de Luanco. Unha vitoria ou un empate clasificará aos nosos e o Compos quere que sexa cos tres puntos.
Con este motivo, o club puxo en marcha unha promoción de invitacións polos bares que colaboran co proxecto, para que acuda ao Vero Boquete a maior cantidade de público posible, axudando aos nosos a lograr o obxectivo. Ademais, as entradas para adultos custarán só 5€, en ambas bancadas, e os menores de idade entrarán gratis, previa retirada dunha invitación no despacho de billetes.
Por todo iso, será un encontro especial e así o considera Juan Carlos Andrés. O técnico ten moi claro que o equipo deberá mostrar a súa mellor cara para sumar os tres puntos, o único no que pensan. O Compos quere acabar o ano co triunfo e entrar ao playoff con bo pé. Con iso, parten mentalizados para dalo todo no campo e poder festexalo ao terminar coa afección.
Valoración da previa do partido de Juan Carlos Andrés.
Estado do plantel. Pablo, dificilmente. Damián tamén tivo un contratempo onte, e está afectado nun xeonllo. E Álvaro, que o protexemos un pouquiño, ten unha lixeira molestia. Aínda nos queda un adestramento, veremos como son as sensacións de mañá e o resto a disposición.
Semana especial. Estamos a velo todos. Fai tres/catro semanas preguntabades se tiñamos catro finais e dicía que non. Hoxe si. É un partido que ten unha transcendencia definitiva e, loxicamente, as sensacións coas que vives estes momentos son distintas. Desfrutándoo, porque isto tamén hai que desfrutalo, adestralo e prepararse para estar nas mellores condicións o domingo e gañar.
Posible clasificación ao gañar. Non penso na clasificación antes de, senón como unha consecuencia do que fagamos. Espero que a consecuencia sexa que gañemos e o que nos deixen. Temos que centrar todos os nosos esforzos e toda a nosa mente en gañar o partido do domingo.
Saír satisfeito desta final. Quero gañala, é o único no que penso. Non penso moito máis alá.
O Marino. Sempre creo que cando hai un partido de liga, xogámonos algo, eles xóganse tres puntos. Virán coa motivación suficiente para tentar gañalo e poñerannos as cousas moi complicadas. Non creo que o vaiamos a ter máis fácil pola súa situación clasificatoria, porque moitas veces, cando xogas sen esa presión engadida, o teu rendemento é alto. É un equipo veterano, que fai as cousas moi ben, tanto en ataque como en defensa, ten as ideas moi claras e si que teño claro que teremos un partido complicado.
Claves do partido. Teremos que estar moi atentos en todo o traballo defensivo, moi intensos nas nosas posibilidades de recuperación, moi rápidos nas nosas transicións, moi finos en todo o que fagamos en ataque, para que a consecución de pases e as alternativas de gol se dean. Non creo que vaia a ser nada máis fácil do que foi ata o de agora.
Alternativas no ataque. Responde o partido, a como adestramos, ás percepcións e sensacións que teño do que poida ser máis proveitoso. Cando fago a reflexión para saber por onde imos ir, a nivel de once, non penso en que se hai que mover máis nunha liña ou noutra. Vai moito en función das circunstancias e as lesións que puidemos ter tamén nos obrigaron a cambiar a xogadores nunha determinada liña, sobre todo na liña defensiva. Mañá teremos definido claramente que é o que cremos que será mellor para o equipo o domingo, e con iso é co que imos ir.
Dificultades na defensa. Imos xogar con once e os que saian, estou convencido, van a dalo todo e facelo o mellor que poidan. Nesas situacións, confiar na xente, en que o traballo nos vai a dar bos resultados e que estamos todos moi capacitados. Cando hai máis dificultades, ás veces axuda a que todos nos xuntemos un pouco máis e sexamos quen de ser moito máis fortes como colectivo.
Estar atento a outros resultados. Só me vou a centrar no Marino. Que gañemos e que podamos festexar a clasificación despois dunha vitoria nosa. Iso é o que teño que pensar. Non nos vai a dar máis cousas pensar en terceiros. A gañar, a mentalidade ten que ser esa. O realmente importante somos nós, o que fagamos e que sexamos quen de ser merecedores da vitoria.
Mensaxe para a afección. Entre todos imos conseguir que non sexa o último partido, que nos queden catro máis. Gustaríanos contar co seu apoio, porque isto é un logro de todos. Cantos máis sexamos, canta máis xente esteamos a empuxar, seguro que estaremos moitísimo máis preto do noso obxectivo. Nós darémolo todo no campo, esperamos poder darlles unha alegría e que o domingo, ás dúas da tarde, esteamos todos festexando xuntos.