-
O Compos empatou 1-1 na casa contra o Marino e quedou cuarto na liga, posición que dá dereito á fase de ascenso
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2023
A SD Compostela é equipo de playoff. Os nosos empataron 1-1 contra o Marino de Luanco e clasificáronse para a fase de ascenso como cuartos clasificados. Obxectivo cumprido para o Compos que xogará a primeira eliminatoria coa ida na casa, o vindeiro domingo, no Vero Boquete de San Lázaro.
Para lograr o obxectivo, o Compos arrincou da mellor maneira, cun gol de Parapar, aos once minutos, na primeira aproximación branquiazul. A vantaxe compostelanista mantívose durante todo o encontro, con aproximacións claras dos nosos, aínda que sen premio. E no 87, un centro con veleno desde a dereita, cabeceábao Cárcaba á rede para poñer o empate.
Con todo, o punto servía aos nosos e o obxectivo cumpriuse co asubío final: o Compos xogará a fase de ascenso.
ANÁLISE DO PARTIDO DA SD COMPOSTELA.
Chegaba a SD Compostela á última xornada de liga dependendo de si mesmo para clasificarse para o playoff de ascenso. En cuarta posición e con 53 puntos, os nosos tiñan na súa man o pase, pero para iso debían superar ao Marino de Luanco.
Coa afección respondendo as iniciativas levadas a cabo polo club ao longo da semana, este partidazo convertido en final lucía un ambientazo xa propio de playoff.
O regreso de Pato, tras superar a súa lesión, era a gran novidade no once de Juan Carlos Andrés, que tamén recuperaba a Kike para a zaga e a Mario Rodríguez para o ataque.
Desexaban os nosos dominar o encontro, sabendo da dificultade do duelo, e os seus desexos convertéronse en ordes porque aos 11 minutos chegaba o primeiro da matinal.
Parapar recibía no pico da área, escorábase o balón para a súa brillante zurda e soltaba un lategazo ao segundo pau que entraba por toda a escuadra. Un auténtico golazo que levaba o delirio aos máis de 2.000 espectadores que arroupaban aos nosos esta mañá.
Estaba o partido onde quería o Compos. A vitoria amornaba os ánimos e puña a clasificación máis próxima. Esta confianza notábase e chegaban momentos de bo fútbol dos nosos, levando o peso da posesión.
Nestes instantes de control estaba preto de chegar o segundo, á saída dun córner, pero o remate de cabeza de Kike, no primeiro pau, escapábase por encima do traveseiro por pouco.
A pesar do dominio branquiazul, os asturianos estaban ben plantados en defensa e iso impedía que os nosos atopasen claridade para chegar á área. Si a atoparía Parapar, partindo desde a dereita, pero tras varios caneos e cando quería rematar, caía na área, sen que o colexiado decretase nada.
Por iso, sen máis accións de perigo, cun Pato inédito nos primeiros corenta e cinco minutos, chegábase ao intermedio co 1-0 para o Compos.
Á volta dos vestiarios, sen nada que perder, os visitantes soltáronse máis e pasaron a levar o manexo do esférico. O Compos, pola súa banda, estaba máis repregado, pero non perdía opción para poder montar algún contragolpe cada vez que roubaba o esférico.
A entrada de Darío, na punta, daba pernas frescas aos nosos e iso percibíase en cada ataque. O dianteiro santiagués volvía tolo aos centrais, gañando os duelos tanto por arriba como en carreira, aínda que lle faltaba ese chisco de sorte para atopar a un compañeiro ou a portería.
Na máis clara, recibía o pase atrás de Mario Rodríguez, pero golpeaba frouxo e atrapaba o porteiro. Tamén o probaría Samu, de lonxe, pero o seu golpeo potente marchábase por pouco.
Noutra desas contras tan perigosas, encabezadas polo ariete, Fer Beltrán, na súa última acción no campo, remataba sen excesiva forza, chocando o seu tiro contra un defensor trala boa asistencia de Darío.
E aínda habería outra cuarta opción, de novo nas botas de Darío, pero tras gañar a pelota en carreira, chegaba forzado e non podía orientar o seu remate cara á portería, atopándose co lateral da rede.
Entrábase, por tanto, na recta final do duelo coa vantaxe mínima e iso animaba aos asturianos que atoparían o seu premio nunha acción illada. Un balón ao espazo por banda dereita, un centro medido ao segundo pau e unha cacholada de Jairo Cárcaba á cepa do poste, facendo imposible a estirada de Pato, 1-1.
O empate impedía aos nosos escalar ata a terceira praza, pero tamén servía para clasificarse para o playoff. Quedaba pouca marxe de manobra, menos aínda cun desconto tan curto, polo que a contenda terminábase co empate.
Co punto conseguido e xa seguros de que o obxectivo estaba a bo recado, os demais resultados deixaban ao Compos na cuarta posición do Grupo 1 da Segunda RFEF. Lográbase o reto: a SD Compostela será equipo de playoff.
Co cuarto posto, os nosos enfrontaranse a un terceiro clasificado doutro grupo, disputando o partido de ida como locais. Por tanto, o vindeiro domingo, o Vero Boquete acollerá a estrea do Compos no playoff de ascenso. O rival coñecerase mañá no sorteo que se realizará na sede da RFEF.
FICHA TÉCNICA
1- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Roque, Kike, Álvaro Casas, Riki Mangana; Pablo Antas; Parapar (Martín, m.91), Samu, Fer Beltrán (Jordan, m.75), Mario Rodríguez (Elliot, m.75); e Jaime Santos (Darío, m.60).
1- CLUB MARINO DE LUANCO: Jure; Adolfo (Borja, m.72), Trabanco (Nazim, m.84), M. Prado, Guaya; Pinin, Lora; Luis Nuño, Nino (Isma Fagir, m.84), Dailos (Óscar, m.72); e Guille Cueto (Jairo Cárcaba, m.60).
GOLES: 1-0: Parapar, min.11; 1-1: Jairo Cárcaba, min.87.
ÁRBITRO: Martínez Campillos (Illas Baleares). Amoestou a Kike e Roque, polo Compos; e a Guaya, polo Marino.
INCIDENCIAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 34 de liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 2.413 espectadores.