-
Máis dun centenar de persoas gozaron das primeiras xornadas ‘Tecnoloxía e Deporte’
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023
As primeiras xornadas ‘Tecnoloxía e Deporte’, organizadas pola Fundación SD Compostela, foron todo un éxito. Os asistentes ao auditorio da Facultade de Medicina da USC puideron gozar dun evento no que os relatores achegaron claves moi interesantes sobre como a industria tech xa está a revolucionar o mundo do deporte.
Máis de medio centenar de asistentes gozaron coas achegas realizadas por Enrique Clavijo, director sports de Amazon Web Services (AWS), Ezequiel Mosquera, CEO de Emesports; Miguel Verdes, account manager de Cluber; e Ignacio Calles, CEO de Flecha Partners.
Sen dúbida, foi un encontro moi enriquecedor para todos, unha cita para coñecer de primeira man como a innovación marca xa o día a día dos clubs e eventos deportivos. Nesta nova era, as ferramentas de innovación permiten ás entidades ser máis eficientes, utilizando procesos preditivos que eran impensables hai uns anos.
Sobre este tema falou Enrique Clavijo, convidado estrela destas primeiras xornadas ‘Tecnoloxía e Deporte’. Durante o seu relatorio, o director de AWS e con pasado na área tecnolóxica de clubs de fútbol de primeiro nivel (AS Roma, FC Barcelona ou Real Madrid CF), destacou que “non se pode concibir ningunha estratexia comercial no fútbol sen ter en conta a súa implantación dixital”.
Así mesmo, sinalou que “a tecnoloxía e a análise de datos son clave na realidade e modernización dos clubs, pero moi poucos saben dar forma a esta información á que agora temos acceso”.
Tralo seu excelente relatorio, levouse a cabo a mesa redonda, moderada por Ignacio Calles, na que Enrique Clavijo estivo acompañado por Ezequiel Mosquera e Miguel Verdes.
O debate seguiu na liña do adiantado no relatorio. Por iso, Enrique Clavijo insistiu en que “nos atopamos cunha gran resistencia ao cambio en moitos clubs e co problema de que hai moita volatilidade na xestión, o que fai que sexa difícil manter unha estratexia a longo prazo”. Neste sentido, tamén quixo deixar patente que “a tecnoloxía ten que ser parte da estratexia, non unha consecuencia, sendo moi flexibles, posto que a innovación cambia a gran velocidade”, concluíu.
Pola súa banda, Ezequiel Mosquera puxo en valor a evolución tecnolóxica no ciclismo, quen de “controlar todos os datos que che poidas imaxinar”. Así, citou “agora mesmo un triunfo está en segundos e a tecnoloxía úsase ata nivel incribles”. “Esa capacidade tecnolóxica é o que fai que sexas ou non un equipo punteiro”, concluíu.
Mentres tanto, Miguel Verdes quixo destacar que desde Cluber tentan “que a fenda dixital entre clubs poderosos e clubs con menos capacidade sexa menor, achegando a innovación e as ferramentas dixitais a todos”.
Por último, sinalar que Ignacio Calles, en representación do club, recalcou que “queremos que o Compos teña un papel máis activo na sociedade e cremos que este tipo de accións é importante”.
Dado o éxito desta primeira edición, desde a Fundación SD Compostela agradecen a asistencia de todos os presentes, así como as grandes achegas dos expertos convidados ao encontro.
Do mesmo xeito, trasladan o seu máis sincero agradecemento ás empresas que permitiron a organización deste evento. Turismo de Galicia, como patrocinador das xornadas ‘Tecnoloxía e Deporte’; e Plexus Tech e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), como colaboradores.