-
O Compos regresou á senda da vitoria na casa superando con claridade ao Alondras
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2026
Obxectivo cumprido: o Compos regresou á senda da vitoria na casa, logrando ademais unha vitoria solvente por 3-0. Un dobrete de Maceira e un tanto de penalti de Parapar permitiron aos nosos sumar os tres puntos, rompendo a mala dinámica de resultados das últimas xornadas.
O regreso do Compos ao Vero Boquete comezou da mellor maneira. Tras un inicio vibrante, os nosos adiantáronse xa aos 8 minutos, grazas a un bo desmarque de Armental, que chegou a liña de fondo e puxo o pase da morte para que Maceira marcase a pracer. O pichichi branquiazul volveu marcar tras varias xornadas e non sería o seu último da tarde.
Seguiu insistindo o Compos, presionando alto e roubando en campo contrario, pero non foi quen de conquistar o arco rival. Estivo preto Riki Mangana e Samu, pero ambas accións, a balón parado, escapáronse por pouco.
Pola súa banda, os visitantes cada vez arriscaban menos atrás, buscando balóns longos para os seus dianteiros, aínda que sen xerar perigo. Así, chegouse ao descanso co 1-0.
Tralo paso polos vestiarios, os nosos deron de novo un pase adiante e esa valentía atopou os seus froitos. Tras varios achegamentos, sería de novo protagonista Armental, gañando o balón na banda e penetrando ata a área, onde foi derrubado por un defensa: penalti. Parapar encargouse de executalo e de marcalo, enganando ao porteiro. 2-0.
E non hai dous sen tres, porque pouco despois, de novo Armental gañaba a acción pola súa banda e servía un balón picado para que Maceira, de cabeza, anotase o seu dobrete. O pichichi branquiazul, que sumou o seu duodécimo tanto na liga, mandouna na outra dirección do porteiro, aloxando a pelota na rede. 3-0.
O dominio era claramente branquiazul, tanto no marcador coma no xogo, e así avanzaron uns minutos nos que Vecho, hoxe no banco pola sanción a Secho, deu entrada a Zuba ou Lucas Besada, canteirán que volveu contar con minutos tras debutar en Cambados.
Con todo, o guión dos minutos finais alterouse cun penalti a favor do Alondras que Álex Cobo, cunha gran estirada, evitou que acabase en gol, deixando así a súa portería a cero.
3-0 final e tres puntos moi necesarios para un Compos que segue no alto da táboa. Con esta vitoria, os nosos rompen a mala dinámica e encaran, con outra cara, o dobre compromiso desta semana. O xoves en Barbadás e o domingo de novo na casa contra o Vilalbés.
FICHA TÉCNICA
3 – SD COMPOSTELA: Álex Cobo; Riki Mangana, Pablo Crespo (Zuba, min.78), Damián Noya; Diego Uzal, Unai, Samu (Valín, min.76); Parapar, Antón Guisande (David Rosón, min.76), Adrián Armental (Cañi, min.78); e Maceira (Lucas, min.84).
0 – ALONDRAS CF: Brais; Barreiro (Iker, min.76), Diego, Kopa, Jorge Guimerans; Ube (Rocha, min.67); Javi Pereira (Adrián Cruz, min.53), Lucas, Luismi (Adri Hernández, min.67), Aitor Aspas; e Yelco (Manufre, min.46).
GOLES: 1-0: Maceira, min.8; 2-0: Parapar (p.), min.50; 3-0: Maceira, min.67.
ÁRBITRO: Marcos Padín (Ferrol). Amoestou a Pablo Crespo, polo Compos; e a Jorge Guimerans e Diego, polo Alondras.
INCIDENCIAS: Estadio Vero Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 25 de Liga do Grupo 1 da Terceira RFEF disputada ante 896 espectadores.












