-
Os nosos recibirán o domingo ás 17 horas ao Ourense CF cos 24 xogadores do plantel a disposición de Carlos de Lerma.
-
O equipo afrontará o derbi co obxectivo de prolongar o seu gran momento de forma tras sumar 13 dos últimos 15 puntos en xogo e entrar en postos de playoff.
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026
A SD Compostela regresa ao Verónica Boquete de San Lázaro para disputar o partido correspondente á xornada ligueira número once do Grupo 1 da Segunda Federación. Os nosos chegan a este choque tras obter unha valiosísima vitoria na Lomba por 1-2 a semana pasada.
Ademais, os anteriores triunfos contra o Coruxo (0-1), o Atlético Astorga (4-1) e o Llanera (1-3), así como o insatisfactorio empate contra o Basconia (0-0), permiten ao conxunto compostelán afrontar este partido contra o Ourense CF como “unha cita importante e ilusionante“.
Carlos de Lerma insistiu en que “aínda hai marxe de mellora en moitísimas cousas”, e recalcou a importancia de saber xestionar que é o que sucede dentro do terreo de xogo para así saber como combatelo despois. Ademais, recoñeceu que esta potencial mellora non soamente inclúe aos futbolistas, senón tamén “ao adestrador e ao seu corpo técnico”.
Malia obter tres vitorias consecutivas a domicilio e 13 dos últimos 15 puntos, o Puma advertiu que ser máis fiables na casa é unha das materias pendentes do equipo. Aínda así, valorou moi positivamente a capacidade que ten para adaptarse aos diferentes “campos e contextos”, o que fai do Compos un cadro “camaleónico” que ata o momento gañou os seus dous primeiros derbis.
O míster sinalou que “ser resolutivos e maduros” serán as principais claves que levarán ao Compos a obter tamén grandes resultados en San Lázaro fronte á súa propia inchada, a cal “nos deu máis do que puidemos recompensar“. A Esedé suma dúas vitorias e dúas derrotas en San Lázaro, polo que un resultado favorable fronte ao Ourense CF poría a balanza en positivo.
En fronte estará o Ourense CF, combinado que se sitúa na zona media da táboa a tres puntos do Compos, aínda que vén de perder 0-3 en casa contra o Portugalete. O noso técnico cualificou ao rival como “un equipo de autor” que conta cunha idea moi clara de xogo, buscando sempre a posesión e a asociación constante entre os seus principais xogadores.
Carlos de Lerma avisou do perigo dun adversario “capaz de rotar posicións” se se lle concede tempo para organizarse e que obtivo “peores resultados que méritos contraídos“. O noso preparador restou drama aos recentes tropezos dos ourensáns, enmarcándoos nun proceso lóxico de reconstrución tras iniciar a pretemporada máis tarde e renovar “case todo o seu persoal”.
Así mesmo, o técnico lembrou o precedente entre ambos nesta mesma pretemporada, cando o Compostela venceu por 4-2 ao Ourense CF con motivo do X Memorial Antonio Bermúdez. Máis alá daquel encontro, o preparador estremeño destacou a “notable evolución” do Compos desde entón, contando agora con diferentes estruturas, ideas e perfís sobre o verde.
Para este transcendental derbi, a enfermería está completamente baleira por primeira vez no que vai de curso. Co regreso de Armental, o corpo técnico terá ao seu dispor aos 24 homes que conforman o plantel. Carlos de Lerma avaliou esta situación como “un bendito problema”, pois terá que facer descartes e deixar fóra a futbolistas que “non o merecen”.
O encontro preséntase como unha oportunidade para que o Compostela traslade a algarismos clasificatorios a súa gran dinámica de resultados destas últimas semanas. O Compos atópase quinto en Liga con dezasete puntos, tres máis ca o Ourense, polo que unha vitoria afastaría aos nosos dos ourensáns e asentaríaos na zona de privilexio da táboa clasificatoria.



