- A SD Compostela levou os tres puntos contra o Laredo cun tanto de Jaime Santos no desconto
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2023
Tres puntos de ouro para o Compos que chegaron no noventa. Jaime Santos levou o delirio á bancada do Vero Boquete cun gol no desconto que permite aos nosos seguir con vantaxe para a clasificación para o playoff. Vitoria de moito mérito, loitando ata o final e traballando en equipo para lograr o obxectivo.
Unha primeira parte moi igualada, na que o Compos non encontrou o premio.
Tras sumar unha vitoria e un empate nos últimos encontros, a SD Compostela regresaba ao Vero Boquete coa premisa de volver sumar de tres. Os nosos querían repetir o éxito logrado fai quince días e para iso sabían que terían que disputar un gran encontro contra un rival que se xogaba a vida, o Laredo.
Para a contenda, co obxectivo de dominar os tempos do xogo, Juan Carlos Andrés recuperaba a Damián para a defensa, introducía a Elliot, tralo seu gran rendemento nas últimas semanas, pola esquerda, e a Darío, goleador en Valladolid, na punta do ataque.
Con esta disposición, os nosos arrincaban como claros dominadores co esférico, ante un rival que tamén se atrevía a apertar alto para tentar roubar.
Custáballe xerar aos nosos, cun rival ben plantado e había que buscar as bandas para atopar os espazos. Por esa vía, un balón colgado de Damián a punto estaba de sorprender a Puras e, no rexeite, Pablo Antas pegáballe ao aire cando tiña todo a pracer para empuxala.
Aínda que os visitantes tamén o tentaban á contra, non se descosían e iso evitaba que as oportunidades chegasen. Probábao Samu de lonxe, pasada a media hora, pero íaselle arriba e mesmo premio para Elliot, pouco despois, cun golpeo desde a frontal que sacaba o porteiro. Por iso, chegábase ao intermedio co empate inicial, 0-0.
A segunda parte comezou cunha clara ocasión e acabou da mellor maneira.
Á volta dos vestiarios, coa mesma premisa e unha formulación similar, a contenda estaba a piques de romper para os nosos, pero, nesta ocasión, Samu atopábase co traveseiro. Servíalla Parapar, como a Antas na primeira, pero o seu golpeo de primeiras estrelábase na cruceta.
O atacante coruñés atacaba con cabeiro pola súa banda, forzaba ao seu lateral en continuas ocasións, pero non se atopaba a finalización. El mesmo probábao coa súa zurda, pero marchábase por encima do traveseiro.
Entraban pernas frescas con Mario Rodríguez e o barcelonés, nada máis entrar, tívoa polo centro, pero Pareja saía ao corte cando o extremo xa golpeara a porta.
Chegaban máis cambios, entrábase na recta decisiva do encontro e a ambos equipos custáballes xerar. Moitas imprecisións, dúas defensas ben plantadas e os minutos que avanzaban sen perigo nas áreas.
Con todo, nos últimos dez minutos, ante un empate que non servía nin a uns nin a outros, ambos conxuntos lanzáronse con valor, aparecían os espazos en todos lados e aí estaba máis fino o Compos.
Aínda que Mario e Parapar non atopaban porta en dúas accións claras, quen a atoparía sería un inspirado Jaime Santos, goleador por terceira semana seguida.
Co rival partido, Mario atopaba a Pablo Antas en banda, o lucense, chegando a área rival, servíaa en horizontal e aí estaba, unha xornada máis, un atento Jaime Santos para embocala ás mallas de primeiras. Un gol importantísimo e un triunfo que sabe a gloria.
Quedaban só dous minutos e o final chegaba rápido. O obxectivo estaba cumprido, tres puntos para seguir en playoff, para superar ao Guijuelo na táboa e seguir con vantaxe para clasificarse para a fase de ascenso. O vindeiro domingo, novo partido crucial contra o Raio Cantabria.
FICHA TÉCNICA
1- SD COMPOSTELA: Javi Jiménez; Roque, Kike, Álvaro Casas, Damián (Riki Mangana, m.82); Pablo Antas; Parapar, Samu (Jordan, m.68), Fer Beltrán (Cano, m.82), Elliot (Mario Rodríguez, m.68); e Darío (Jaime Santos, m.68).
0- CD LAREDO: David Puras; Diego Marta, Pareja, Santamaría, Jesús Puras; Felipe, Edu Martínez; Nates, Álvaro, Adri Carrión (Musy, m.78); e Mikel Álvaro (Carral, m.84).
GOLES: 1-0: Jaime Santos, min.90.
ÁRBITRO: Acevedo González (Madrid). Amoestou a Damián e Jaime Santos, polo Compos; e a Álvaro e Pareja, polo Laredo.
INCIDENCIAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 32 de liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 1.046 espectadores.