-
Os nosos enfrontaranse o sábado ás 17 horas ao Bergantiños, o cuarto clasificado do grupo con dezanove unidades, dúas máis que o Compos
-
O equipo de Carlos de Lerma irá en busca dun triunfo que no Vero Boquete de San Lázaro se resiste desde o pasado 17 de outubro contra o Atlético Astorga, cando os composteláns venceron 4-1
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2026
A SD Compostela prepárase para recibir no Verónica Boquete ao Bergantiños FC no partido correspondente á xornada número trece do Grupo 1 da Segunda Federación. Os nosos veñen de empatar 1-1 contra o Álaves B, polo que buscarán continuar coas súas boas sensacións para levar o seu terceiro derbi galego do curso, tras vencer 1-2 ao Arousa e 0-1 ao Coruxo.
Ata o momento, gañar na casa é o maior debe do equipo compostelán no que vai de curso. Logo de empatar 0-0 contra o Basconia e de perder 0-1 contra o Ourense CF, o Compos intentará reverter esta situación fronte ao Bergantiños. Aínda que os resultados de local non son os desexados, Carlos de Lerma insiste en que “a dinámica de xogo que leva o equipo é boa“.
O noso míster enxalzou a boa primeira parte do Compos en Álava, pois “é un espello do que o equipo quere e ten que ser“. Aínda que hai variables do xogo para mellorar, especialmente nalgunhas accións “evitables”, a Esedé está a mostrarse como un conxunto recoñecible: ambicioso con balón; moi presionante na perda; e que chega con moita xente a área contraria.
O rival que terá en fronte o Compostela será o Bergantiños, quen se atopa cuarto con dezanove unidades, dúas máis que os nosos. A pesar de que a dinámica dos coruñeses non é boa (cinco partidos seguidos sen gañar), o Puma encomiou o bo xogo que desenvolven, o que lles permitirá vir a Santiago coa idea de ser “fieis ao seu estilo”.
En canto ás ameazas do opoñente, o Bergantiños preséntase en San Lázaro cun gran número de ferramentas. É un equipo moi vertical na transición que conta “con moi bos pasadores e asistentes”, que mete aos seus extremos cara dentro de xeito habitual e que é quen de gañar profundidade polos costados. Ademais, ten en Álex Pachón a “un nove diferencial da categoría”.
Os enfrontamentos entre o Compostela e o Bergantiños son moi frecuentes nos últimos anos, pois compartiron grupo e división en sete das últimas once campañas desde a tempada 2016-2017. Adoitan ser duelos entretidos e con moitos goles, con precedentes favorables para ambos clubs.
Na última tempada na que coincidiron na mesma categoría, a 2024-2025, os nosos venceron ao Bergantiños por 0-4 nas Eiroas cun histórico triplete de Samu e un golazo de Jesús Ocaña. Con todo, no duelo da segunda volta, o Bergantiños impúxose por 0-2 en Santiago e deixou moi tocado a un Compos que semanas despois acabaría por descender a Terceira Federación.
Nas últimas tres visitas do Bergantiños a terras compostelás, o cadro picheleiro non foi quen de sumar de tres, polo que esta nova visita dos carballeses á capital preséntase como unha gran oportunidade para romper con esta tendencia.
Se ben aínda non é pública a lista de convocados para este importante duelo, Carlos de Lerma ten ao seu dispor a todo o plantel a excepción de Jordan, quen “está na fase final de recuperación” da lesión sufrida hai dúas semanas en San Lázaro contra o Ourense CF que lle obrigou a abandonar o terreo de xogo durante a primeira metade.
Ademais, o adestrador estremeño poderá volver a contar cun dos futbolistas con máis minutos disputados no que vai de tempada: Roque. O defensor amiense regresará esta fin de semana á acción contra o Bergantiños logo de cumprir o ciclo de cartóns amarelos que lle impediu viaxar xunto ao resto dos seus compañeiros a Álava.
A cita preséntase como unha boa oportunidade para que o Compos volva gañar na casa, pero tamén como unha gran proba entre dous equipos da zona alta da táboa. O Compos está sétimo con dezasete puntos, a dous do Bergantiños, polo que unha hipotética vitoria deixaría aos nosos nun bo lugar antes de viaxar a vindeira semana a Torrelavega para medirse fronte á Ximnástica.



